29.2.08

"O segundo sexo", primeiro exemplar

Hoxe chegou un exemplar do primeiro tomo d' O segundo sexo, a obra fulcral de Simone de Beauvoir, traducida para o galego por Marga Rodríguez Marcuño. A publicación desta importantísima obra, coeditada coa Secretaría Xeral da Igualdade (grazas, sen dúbida, ao pulo e teimosía de Carmen Adán), coincidindo cos actos do 8 de marzo, supón un auténtico acontecemento parapara a edición en galego. A tradución será presentada o martes 11 de marzo, as 18:30 no Hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, contando coa participación da tradutora, de África López Souto (autora da introdución e da revisión filosófica da tradución) e da Secretaria Xeral da Igualdade. O segundo tomo publicarase no outono vindeiro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparamos:
"Hai libros que nos acompañan moito tempo despois de telos lido. Que abren camiños para o pensamento permanecendo vivos anos despois da súa primeira publicación. Este é o caso d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir, un texto imprescindible para os movementos de mulleres e a primeira reflexión filosófica de calado sobre a construción da condición feminina. Unha obra, publicada en 1949, que abriu debates sobre temas claves para o avance das mulleres, nomeadamente, a importancia da súa independencia económica, a redefinición do seu papel nas familias e na sociedade, a deconstrución da mística da maternidade ou a capacidade de decisión das mulleres sobre o seu propio corpo e da súa vida. Deixou claro que a bioloxía non é o destino. E, polo tanto, deu azos a moitas xeracións de mulleres para buscar formas para participar e transformar a vida social e política. A obra Beauvoir ten a virtude de ser contemporánea moitos anos despois. E agora a súa edición en galego, traducida por Marga Rodríguez Marcuño e introducida por África López Souto, no ano do centenario do seu nacemento apunta nesta mesma liña. As nosas letras enriquécense cun texto fundamental para a humanidade que xerou unha rede de pensadoras e activistas que transcende xeracións, clases e países."
Sei que a tradución de Marga Rodríguez Marcuño, froito dun traballo demorado de máis de cinco anos, é magnífica. Agardo que a obra de Beauvoir, case sesenta anos despois da súa publicación, teña a visibilidade en galego que merece. Beizóns á tradutora e revisoras, así como ás responsables da Secretaría Xeral da Igualdade por ter participado tan decisivamente nesta edición.

Marcadores: , , ,

28.2.08

Un exercicio de autoestima


O debate de onte entre os tres líderes parlamentarios foi un exercicio de autoestima e de querenza nas posibilidades propias do país noso. Primeiro, pola magnífica organización da CRTVG (tanto da TVG como da RG), colocando o debate político galego nun grande nivel de dignidade, ao tempo que sentaba un precedente (xa irreversible) para as próximas eleccións autonómicas e europeas. Segundo, por centrar o debate sobre unha axenda política propiamente galega; así as cuestións do autogoberno, as infraestruturas e as políticas sociais foron as que máis manexaron os tres participantes. Terceiro, polo discurso propositivo e tolerante empregado por todos eles (moi lonxe da "crispación" apupada pola prensa capitalina), o que non impediu que o debate fose vivo e polémico (sobre todo na segunda parte). Cuarto, pola cohesión e lealtade manifestada polos dous membros do Goberno Galego, que souberon defender as posicións do executivo e ao tempo singularizar a súa proposta política. Quinto, pola confianza nas posibilidades do país expresado (coas modulacións que a cadaquén lle son propias) polos tres participantes.
A pesar da rixidez do formato (elixido polos partidos), os setenta e cinco minutos deron moito de si para falar de moitas cousas importantes (e, xeralmente, con sentido e escasa demagoxia), propoñer bastantes medidas e asumir compromisos (o calendario 2012, vaille ser moi recordado a Touriño). Coa excepción das cuestións do financiamento, da dimensión europea e das políticas culturais, abordáronse temas que interesan á cidadanía galega. Foi Quintana (que xogou moi ben a súa única carta posible: a da forza decisiva nun escenario de minoria de Zapatero) o claro vencedor aos puntos, xa que estivo nos catro bloques temáticos a un nivel alto: o de economía –propoñendo o desenvolvemento da economía produtiva galega– foi seu; como os de autogoberno e políticas sociais (onde a esixencia do 10% do presuposto para dependencia foi moi ben argumentado). Feijóo estivo mellor do que agardaba; foi superior aos seus debatentes no bloque das infraestruturas (os argumentos que utilizou, coa excepción do "Plan Galicia, fron convincentes) e o seu golpe de efecto final, amosando o tocho do programa do PPG, foi bo. Touriño defraudou na primeira parte e mellorou moito na segunda, cando se debateu o proceso do fracaso do Estatuto, onde estivo máis contundente e claro do que é adoito.
Vía Calidonia. Grazas.

Marcadores: ,

27.2.08

Andeis

Máis andeis de deseño.
Via: Alessandro Martins.

Marcadores:

26.2.08

Exercer a cidadanía

O debate de onte (adianto que para min Zapatero estivo mellor ca Rajoy) e o que se anuncia para mañán (clave para centralo sobre a axenda política galega) esixen recuperar o concepto do que é exercicio da cidadanía. Moito máis alá da consideración de cada un dos cidadáns e cidadás como espectadores dun espectáculo mediático abouxador ou da súa redución a meros clientes do mercado electoral (onde parecen obrigados a escoller entre a Pepsi e Cola), estes debates (indubidablemente necesarios) deberían respectar o protagonismo da cidadanía na participación política. Algo que onte non se tomou en consideración (reduciuse a participación a dous candidatos, reduciuse a axenda de temas, reduciuse ao protocolario á espontaneidade dos participantes...).
Miguel Ángel Santos Guerra nun traballo moi clarificador que publicaremos proximamente, "Arte y parte. Sobre la participación ciudadana" (no libro colectivo Educación e paz, coordinado por Xesús R. Jares), concreta o perfil do que debemos entender por cidadanía. Tomei nota das sete mil matrices e apareceron estas afirmacións esenciais:
Os cidadáns son persoas críticas que pensan, analizan e saben por qué suceden as cousas. Os cidadáns son persoas que opinan e participan na vida pública (tanto por medio do exercicio do seu voto, como pola participación nas organizacións, asociacións e grupos que defenden tanto os seus intereses como aqueloutros de carácter xeral). Os cidadáns teñen dereito a esixir e a asumir riscos diante do poder (a afouteza cívica é unha virtude democrática). Os cidadáns teñen dereito a informarse, a ler criticamente, a cuestionarse as explicacións inconsistentes ou interesadas proporcionadas tanto polos gobernos como polas súas oposicións. Os cidadáns respectan aos outros e recoñecen e valoran a diversidade, son sensibles ás inxustizas e as desigualdades que existen na súa cidade, no seu país e no mundo non lle son alleas. Os cidadáns son persoas que viven de forma honesta, traballan de forma responsable e se esforzan todo o posible en mellorar ética e socialmente a sociedade na que viven.
Fronte ao fastío da edulcorada mercadotecnia electoral, fronte ao reducionismo presidencialista (só parecen existir dúas opcións), ben está recordar estas esixencias da cidadanía. Hai participación cidadá máis alá de valorar se gañou Zapatero e Rajoy. Non teño dúbidas.
Etiquetas:

Marcadores:

25.2.08

Calendario das Letras

Hoxe recibín un exemplar do Calendario das Letras 2008, unha moi boa iniciativa da Consellaría de Cultura e Deporte, que desenvolve dende o pasado ano unha medida prevista na lei do libro e do plan de lectura coa que se pretende situar o mundo da lectura no primeiro plano da vida social de Galicia.
A proposta de calendario é a seguinte:
  • 24 de febreiro: Día de Rosalía.
  • 21 de marzo: Día Internacional da Poesía.
  • 27 de marzo: Día Mundial do Teatro.
  • 2-23 de abril: Mes dos Libros
  • 2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
  • 23 de abril: Día Internacional do Libro.
  • 17 de maio: Día das Letras Galegas.
  • Xullo, agosto e setembro: Meses da Banda Deseñada.
  • 30 de setembro: Día Internacional da Tradución.
  • 24 de outubro: Día das Bibliotecas.
  • 2-11 de novembro: Semana da Tradición Oral.
  • 17 de decembro: Día da Edición.
A proposta pode ser moi útil para todo o sector da lectura galego (bibliotecarios, profesorado, autores, libreiros, editores e medios de comunicación) de cara a visibilizar de forma específica nestas datas ben determinados xéneros, para organizar actividades escolares ou para intentar acadar unha maior presenza social do libro e da lectura.
O traballode ilsutracións de Xosé Cobas nos materiais impresos que coñecemos (folleto, calendario e alamanaque) é sobresaliente, tanto como os textos do almanaque que preparou Xabier P. Docampo. Absolutamente recomendable.

Marcadores: ,

24.2.08

Fidel Castro dedica un exemplar a García Crego

Hoxe coñecimos que Fidel Castro dedicou un exemplar do libro editado por Xerais a Xosé M. García Crego, o tradutor da obra e director de edicións da editorial. Transcribo a noticia publicada hoxe en Granma:
"Emoción es la palabra que mejor describe lo sentido por el traductor gallego Xosé García Crego, al recibir de manos de Pedro Álvarez Tabío, un ejemplar del libro Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet, autografiado por el máximo líder de la Revolución.
"Soy hijo y nieto de gallego. Dedico este ejemplar a Xosé M. García Crego, traductor de genes rebeldes como mi padre, que lo transmitió al rico idioma de Galicia", escribió Fidel.
Se trata de la segunda edición en gallego de Cien horas con Fidel, "un libro que, por su preciado y acucioso testimonio, perdurará con el tiempo al reflejar de manera cabal el pensamiento de una de las figuras más excepcionales en la historia de la humanidad", precisó Álvarez Tabío, su editor."
Como prevía hai días, a presentación do libro na Habana constituíu un fito na historia da editorial. Estamos moi satisfeitos e compartimos a emoción de Crego. Pola súa banda, Fran Alonso fai unha interesante crónica no seu blog sobre o acto de entrega do testemuño a Chile como próximo país convidado na Habana.
Etiquetas:

Marcadores: ,

"O lapis do capinteiro" presentado na Habana

A noticia de Granma sobre a presentación da edición cubana d' O lapis do carpinteiro na Feira do libro da Habana debe quedar no blog.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Todos con Laxeiro

Onte acudimos ao chamado do escritor Carlos Reigosa e do pintor Antón Lamazares para asistir aos actos da homenaxe a Laxeiro en Lalín con motivo do centenario do seu nacemento. Sen dúbida, a xornada foi un éxito para os organizadores, xa que conseguiron unha completa presenza institucional de todas as administracións e dos tres partidos parlamentarios (a imaxe daquela mesa quedará para a historia) e unha numerosa presenza de pintores, escritores, xornalistas e editores, unidos todos pola admiración á figura xenial do pintor de Donramiro.
Primeiro celebrouse no Auditorio a homenaxe literaria e musical, logo un xantar de irmandade no Pazo de Bendoiro, onde o noso admirado poeta Carlos Oroza recibiu o premio anual que concede a viguesa Fundación Laxeiro. O concello de Lalín tivo o acerto de editar con motivo da homenaxe un facsímile do "Cuaderno de Arte Gallego" que José Ruibal lle dedicara a Laxeiro en 1951 e publicara en Pontevedra a editorial Benito Soto.
O acto da homenaxe, moi ben conducido por Reigosa, foi inusualmente interesante, pola calidade das intervencións dos nove participantes e polo magnífico peche musical de Xosé Manuel Budiño e Uxía Senlle (o seu himno azoriano "Quen mata a morte son eu" conseguiu emocionar ao auditorio dunha forma estremecedora). Abriuno Reigosa sinalando que a intención da homenaxe era reivindicar que os pintores galegos, coma Laxeiro, como tamén os escritores de noso, ocupen o lugar que lles corresponde tanto a nivel español como universal. Lamazares comezou unha intervención formidable trasladando unha mensaxe de adhesión de Leopoldo Nóvoa e sinalando que Laxeiro "o meu mestre, era a memoria da entraña da Terra", para rematar coa lectura dun "poema ao xeu xeito" (magnífico!) no que reiteraba a imaxe de "Laxeiro unicornio único! / Ai, Laxeiro, bandido!".
Continuou a quenda coas intervencións do pintor e crítico Luís Caruncho relatando unha memorable anécdota e de Isaac Díaz Pardo que falou das relacións entre Castelao e Laxeiro, artistas que compartían unha mesma cosmovisión do "do noso ser doce e macizo, resistente, coma a nosa arte románica, como somos os galegos". Despois interveu de forma maxistral Ramón Villares que comezou contextualizando a figura do homenaxeado dentro da xeración do SEG ou "xeración inoportuna", salientando que Laxeiro (como outros pintores coetáneos) souberon arraigarse na terra con vocación universal. Rematou Villares afirmando que "Laxeiro foi o pintor do trasmundo, do que está detras da apariencia, que explica o que non pode a racionalidade. A súa pintura do lusco e fusco é a expresión de sentido da xente do común".
Mediado o acto (que duro máis de dúas horas), comezaron as catro intervencións institucionais. Primeiro foi a do alcalde José Crespo, moi satisfeito de que Laxeiro fose o punto de unión de todos no quilómetro cero de Galicia, mais aínda cando "Laxeiro é a mellor representación da ideosincrasia de Lalín: ser humildes e ao mesmo tempo sentirnos orgullosos do noso". Despois chegou a de Rafael Louzán, presidente da Deputación, que salientou o que fixera a institución provincial apoiando a Laxeiro (foi becado en varias ocasións, o que lle permitiu a súa primeira estadía en París) e fixo unha interesante proposta de declarar o 23-F como "Día da Arte Galega".

A intervención da conselleira de Cultura Ánxela Bugallo foi, con gran diferenza, a mellor dos catro parlamentos institucionais. Nun ton lírico moi ben manexado, comezou a conselleira recordando unhas declaracións que fixera Laxeiro en 1974 ("son apenas un gran de area da pintura galega") para salientar que aquel gran se transformara nunha grande duna. Tras recordar o esforzo que se está realizando para editar o proxecto do catálogo definitivo da obra do pintor, rematou o seu discurso empregando a metáfora do granito como mellor expresión da importancia da obra laxeiriá: "o cuarzo como a forza, o feldespato como amalgama, a mica como o brillo". Pechou as intervencións, o ministro César Antonio Molina cun discurso longuísimo (entendo que fóra do contexto do resto das intervencións) no que fixo un detallado estudo da obra do homenaxeado a quen definiu como "memoria permanente da Galicia estética".
No xantar, xa noutro ton menos solemne, tivemos oportunidade de parolar con bos amigos e gozar dun señor cocido, como sabemos lle prestaba ao bo de Laxeiro. Volveremos, con seguridade, sobre a figura de Laxeiro, xa que neste ano están previstas outras importantes iniciativas (exposicións e publicación do catálogo completo da obra en tres volumes).

Actualización (25-02-2008): recomendo a crónica de Perfecto Conde.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Cen anos do Náutico

No artigo da semana celebro a publicación do libro O Real Club Náutico. Cen anos de historia de Vigo de José Gómez Alén. Ademais do libro hai un interesante documental que o acompaña.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

22.2.08

Escaleira libraría

Tomen nota os que teñan problema de espazo cos libros.
Grazas, Manolo.

Marcadores:

A cruzada de Galicia Bilingüe

Temos que agradecer a Bernal Rúa a completa crónica, que publica hoxe en Vieiros, sobre a conferencia de Galicia Bilingüe (GB) no Centro Cultural Caixanova de Vigo que congregou a medio milleiro de "galegófobos" ou "hispanófilos" –entre os que se atopaba a candidata ao Senado Corina Porro e outros militantes do PP de Vigo– chamados por esta asociación que pretende derogar a actual Lei de Normalización Lingüística.
A crónica de Bernal (recomendo vivamente a súa lectura) é moi clarificadora sobre as posicións políticas e os argumentos utilizados polos responsables desta asociación de profesores, situados na ultradereita de aboengo franquista, invocando unha "cruzada lingüística por todos los rincones de Galicia" para "atallar a "discriminación do castelán" en Galicia. Entre as máis variopintas falsidades, utilizadas polos oradores para atacar a legalidade lingüística instituída por consenso no ano 1983, non podo obviar a referencia que nos dedicaron: " [Gloria Lago] Atacou duramente os contidos da materia de Lingua Galega, en especial o libro de texto de Xerais que acusa de 'escoller imágenes violentas y poemas que hablan de la República Galega y otras barbaridades' [sic]".
Falsidades semellantes non merecen sequera intentar ser rebatidas, nin tampouco obsesionarse co axenda de actos e iniciativas excéntricas dunha asociación nacida para intentar rachar o consenso social xerado a partir da aprobación da Lei Normalización Lingüística. Non son as falsidades que utilizan os responsables desta asociación o máis grave da súa provocadora actuación (na que, na miña opinión, non se debería entrar, xa que só se lle proporciona publicidade gratuíta). No entanto, a gravidade do fenómeno de GB reside no apoio cada vez máis explícito que lle proporciona o Partido Popular de Galicia ao seu funcionamento e ás súas falsidades. Algún responsable autorizado deste partido debería chamar a sensatez aos seus militantes e simpatizantes, xa que, non o esquezamos, o PPG foi corresponsable do consensuado Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, peza da que sae tal cal o decreto de utilización do galego como lingua vehicular do 50% das materias do ensino non universitario, que agora tanto incomoda a GB e á candidata Corina Porro e os seus seguidores. Mágoa que voces dignas co galego e co país (como as expresadas nunha recente entrevista radiofónica por Xesús Pablo González Moreiras) sexan no actual PPG moi infrecuentes, o que supón un serio problema político para Galicia. Posicións como as de GB e o PPG agoiran un futuro moi negro para o galego e para a nosa convivencia democrática. E ben que o sentimos no día internacional da lingua materna.

Marcadores: , ,

"Fidel Castro. A miña vida", presentación na Habana

Mañá preséntase na Feira Internacional do Libro da Habana Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. Xosé García Crego, o tradutor da obra e director de edicións de Xerais representará á editorial nun acto moi significativo para a historia da nosa editora.

Actualización (17:30 horas): Fran Alonso publica a súa crónica do que está pasando na Habana e do éxito de vendas dos libros galegos.
Etiquetas:

Marcadores: ,

21.2.08

Se eu fora presidente: tres primeiras medidas

Un xornalista de Faro de Vigo, preparando unha reportaxe para o primeiro día de campaña, pregúntame por teléfono sobre cáles serían as tres primeiras medidas que eu tomaría se fose presidente do Goberno (non quero nin imaxinalo!). Sen pensalo moito contestei o que segue:
  1. Declarar 2009 como Ano da Lectura.
  2. Presentar no Congreso do deputados un anteproxecto dunha lei de prazos do aborto.
  3. Solicitar a derogación da Lei de partidos coa finalidade de abrir un espazo de diálogo e consenso entre todas as forzas políticas vascas e, ao mesmo tempo, requerir ao Congreso do Deputados a formación dunha ponencia que elabore unha proposta de reforma constitucional de carácter federal.
Agora, pensándoo mellor, ocórresenme outras cantas (algunhas máis atinadas, seguro). Agardamos a mañá a publicación doutras propostas da cidadanía.
Pode ser un xogo interesante para emular na rede. Quen se atreve a continuar a cadea enunciando as súas tres primeiras medidas como presidente do goberno?

Actualización (22-02-2008): Maís medidas de choque:
Etiquetas:

Marcadores:

20.2.08

Non é o inglés, non

A recente promesa electoral de Zapatero sobre a aprendizaxe do inglés por parte de todos os escolares amosa a absurda frivolización á que chegou á actual política educativa.
Reducir os esforzos da acción educativa do estado (do goberno, das comunidades autónomas e dos propios concellos, xa que todos comparten o entusiasmo por esta medida) a proporcionar un determinado número de bolsas para a aprendizaxe de idiomas durante o verán, ou pretender utilizar o inglés como lingua vehicular doutra asignatura ou área do currículum ou fachendear (sen escrúpulos) de grandes inversións en educación parapetándose na doada demagoxia de que se acadou a gratuidade total dos libros de texto (empregando a cutre modalidade de préstamo), non abonda para ocultar o fracaso do noso sistema no que respecta á comprensión lectora ou á resolución de problemas matemáticos e científicos sinxelos por parte dos estudantes.
Promesas, a de Zapatero e a da ministra Cabrera, aínda máis incongruentes cando este vindeiro curso se inicia a implantación dos novos currículums do Bacharelato (en Galicia aínda non se deron a coñecer nin sequera os borradores), centrados no desenvolvemento das competencias en comunicación lingüística e na adquisición de aprendizaxes específicas no marco da nova educación preuniversitaria europea. Complexo proceso de reforma curricular que, se pretendemos culminalo con mínimas garantías de éxito, require inevitablemente do compromiso do profesorado e da mellora dos recursos didácticos ao seu alcance.
Vender a gratuidade dos libros de texto impresos (cando cómpre abordar o difícil proceso de implantación e desenvolvemento dos materiais curriculares electrónicos nas aulas) ou as estancias lingüísticas en Inglaterra e Irlanda (cando hai que formar e actualizar moi seriamente a milleiros de profesores e profesoras de idiomas, recoñecido como unha das nosas maiores carencias docentes) como compromisos centrais dunha educación de calidade pola igualdade, é falar demogoxicamente ou esquecer onde están os problemas educativas actuais e cál é a panca de cambio para emprender un novo vieiro de entusiasmo.
A mellora da nosa educación require, en primeiro lugar e sobre todo, dignificar o papel social do profesorado e incentivar o seu proceso de actualización científica e didáctica. Unha cuestión da que non escoito falar nos seus discursos electorais nin a Zapatero nin a Rajoy (e desgraciadamente tampouco aos outros partidos) cando presentan as súas propostas sobre educación. Isto semella que non vende tanto no mercado electoral como falar dos libros gratis (a recente campaña publicitaria da Consellaría de Educación continúa presentando esta cuestión como a súa medida educativa máis importante) ou imaxinar que os nosos nenos falan o inglés da BBC que nós non soubemos ou non tivemos oportunidade de aprender. Non é o inglés, non, o problema principal das nosas escolas e institutos.
Etiquetas:

Marcadores:

19.2.08

O histórico adeus de Fidel

Unha noticia tan importante debe quedar no arquivo do blog. Máis aínda cando o vindeiro venres, o meu compañeiro Xosé García Crego presentará (dentro dos actos previstos pola delegación galega) na Feira do libro da Habana a edición que preparemos das conversas do comandante con Ignacio Ramonet. Loxicamente, este episodio non esta recollido no groso volume de setecentas páxinas que editamos.

Marcadores:

Os mellores libros do 2007

Fervenzas literarias –unha revista electrónica que seguimos con moito interese, polo seu grande labor de divulgación da nosa actualidade editorial literaria– deu a coñecer a lista dos mellores libros de 2007, confeccionada polos seus lectores. Quedamos moi agradecidos polos recoñecementos que nos tocan.

Marcadores:

18.2.08

Outro cambio é posible

O éxito evidente da manifestación de onte debería obrigar a reflexionar aos partidos do actual Goberno Galego (e aos sindicatos maioritarios) sobre cal é a súa deriva no que respecta á política medioambiental, industrial, forestal e de ordenación do territorio que defenden para o país. A presenza na manifestación de numerosas bandeiras galegas (sen a estrela, tamén as había que a levaban), xa non é a primeira ocasión, é algo, que non semella casual. Esta manifestación amosa que existe unha cidadanía de esquerda e nacionalista en Galicia que cre que outro cambio é posible (as presenzas de Camilo e Beiras son significativas), sen que isto supoña estragar o territorio e acomodarse aos intereses dos poderes económicos. BNG e PSdeG-PSOE deberían tomar nota (e moito máis en plena campaña electoral).


Actualización (19-02-2008): Sobre esta mobilización é moi interesante a análise d' A contrafío (parabéns pola volta).
Etiquetas:

Marcadores: , ,

17.2.08

Campo do Fragoso LIV

VITORIA EMBARULLADA
Un Celta sen alma pasou moi serias dificultades para superar ao colista, o Poli Exido que dirixe Fernando Santos, a quen en Balaídos lembramos como “o home tranquilo”. Nunha das peores primeiras partes que lle recordamos (e xa é dicir nun campionato tan anémico coma este), o Celta de López Caro amosou no seu xogo as feblezas que lle impiden, unha de cada tres xornadas, engancharse definitivamente no selecto grupo de equipos con aspiracións reais de ascenso. Durante este primeiro treito do partido, o Celta tivo sempre a pelota, tratou de conservar a calma e o equilibrio entre as súas liñas, mais foi incapaz de desentupir o barullo que no medio do campo lle preparou arteiramente Santos. Sen capacidade para distribuír xogo polas bandas, teimando conducir a bola polo centro, sen alternativas nin imaxinativas nin tácticas os celestes eran incapaces de profundizar cunha mínima intención. O Celta quedou durante moitos minutos esgazado, cunha metade do conxunto sempre detrás da pelota e a atacante agardando por ela. Só grazas a unha rosca a balón parado, ao coidado de Larena, Agus puido peitear cara atrás e batir ao meta andaluz no minuto vinte e sete. Porén, este bonito gol non abondou para desentupir o encontro, xa que cinco minutos despois a ledicia da bancada foise a pique, por mor do gol do empate, provocado tras a enésima perda de balón de Vitolo (un xogador moi descentrado e baixo de forma que debería ter quedado no banco). O resultado igualado, provocou un aumento da intensidade da presión céltica e as primeiras chegadas con intención, mesmo, pouco antes do descanso, un “gol fantasma” de Diego Costa (que seguramente debeu subir ao marcador) . A entrada de Okkas e Quincey na segunda parte e a expulsión dun defensa do Poli decantaron o encontro para os celestes, grazas a un servizo de cabeza do chipriota que soubo aproveitar Perera. Mais non nos enganemos: os vinte derradeiros minutos, co marcador por diante e con superioridade numérica diante do colista, non foron un camiño de rosas para os celestes xa que volveu o barullo e o conformismo, mentres os afeccionados amedrentados pediamos a hora. En definitiva, foi unha vitoria xusta e custosa fronte a un rival tan frouxiño como voluntarioso. Tres puntos valiosos, claro que si, que non aclaran as dúbidas sobre este Celta enganchado ao xogo da goma. Non acaba de convencernos nin polo seu xogo nin pola súa actitude.


Un bo exercicio, sobre o punto de vista das crónicas televisivas é comparar estes dous vídeos: o da Televisión de Andalucía e o da TVG.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

Historias de Vigo

No artigo da semana fago un repaso polas obras claves da historiografía viguesa anterior a 1960, propoñendo a edición da Historia de la ciudad de Vigo de Avelino Rodríguez Elías, que permanece aínda inédita, a pesar de que o seu manuscrito está "custodiado" polo concello de Vigo dende hai anos.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

16.2.08

"A venus de cristal", presentación

Onte presentamos na Coruña A venus de cristal, a segunda novela de Chelo Suárez. O acto foi concurridísimo, máis dun centenar de persoas, e confirmou a miña intuición de que esta novela vai constituír unha das sorpresas deste ano literario recén comezado. Foi presentada pola escritora Begoña Paz (da que publicaremos proximamente As mellores intencións, premio de novela curta do concello de Riveira).
Chelo Suárez, como o seu protagonista, o vidreiro de Murano Pietro Puliani, procura nesta novela de espírito renacentista a beleza en cada unha das páxinas. Unha historia ambientada naquela Venecia opulenta e cosmopolita do século XV onde utilizando os recursos dunha novela de intriga (con crime incluído) se propón unha reflexión sobre o fuxidío da beleza. Empregando unha prosa minimalista, sinestésica e unha estrutura de capítulos moi breves, Chelo vai mesturando o onírico co real, o vivido co soñado, a alquimia coa sensualidade, para propoñernos un ensaio sobre a beleza perfecta, que identifica, como tamén fixeron os mestres renacentistas coa inmortalidade que só se adquire por medio do coñecemento. A novela é, ademais, unha homenaxe ao mestre Boticcelli e a dúas cidades (a Venecia, filla do mar e labirinto de paixóns; e a Firenze templo da beleza serena) que emerxen luminosas construídas por palabras-laxe. Un texto interesante e de lectura engaiolante. Agardamos as primeiras críticas e valoracións dos lectores e lectoras. O éxito de presentación tan exitosa encheunos de expectativas.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

15.2.08

Gañadoras do Iº Premio de Micronovela de Soutomaior

Hoxe dimos a coñecer o fallo do Iº premio de Micronovela organizado polo concello de Soutomaior. Entre as corenta e oito noveliñas presentadas (máis de dous mil cincocentos folios), os tres membros do xurado escollemos como gañadora "Diario do efecto bolboreta" de Andrea Maceiras Lafuente, xove narradora de Cambre, estudante de 3º de Filoloxía da Universidade da Coruña. A obra gañadora do accesit foi a titulada "Virxinia" de Pilar Ortega Pereiro, profesora de Tecnoloxía no IES Pedra de Auga de Ponteareas.
A micronovela gañadora relata, seguindo a teoría de Lorenz, unha orixinal e divertida viaxe dun matemático galego e sentimental que persegue o bater de ás dunha bolboreta de Beijín a Nova York para comprobar a veracidade do chamado efecto bolboreta.
Ningunha das dúas gañadoras ten obra publicada ningunha, a pesar de xa ter acadados outros premios literarios anteriores. Unha auténtica sorpresa. As noveletas premiadas serán editadas a finais da vindeira primavera.
Actualización (16-02-2008): A noticia da entrega en Vigo Metropolitano e La Voz de Galicia.

Marcadores: , ,

14.2.08


Moi axeitado este anuncio de promoción da lectura rescatado por Espazo de lectura (magnífico blog!)
Via Cabrafanada.

Marcadores: , ,

13.2.08

Despois de Frankfurt

Hoxe estas declaracións do escritor Ferrant Torrent non se me pasaron desapercibidas. Grazas, Carballido.

Marcadores: ,

Publicidade censurada nos EE.UU.

Sendeiro rural de Galicia

Paco Armada acaba de abrir un blog dedicado ao GR.94, o sendeiro rural de Galicia, homologado pola Federación Galega de Montañismo. Seguindo este vieiro para camiñantes, perfectamente sinalizado, pódese chegar de Vigo a Compostela sen pisar o asfalto. Recomendo a visita a este novo espazo web, onde Armada pretende ir informando sobre os contidos do libro de título homónimo que acabamos de poñer nas librarías. Armada acomete agora outro dos seus proxectos máis queridos: a rota do Miño, dende A Pastoriza á Guarda.
Etiquetas:

Marcadores: ,

12.2.08

Yes, we can


Isto é unha marabilla de comunicación política.

Marcadores: , ,

Jujel

Preme. Que é este sitio? O seu obxectivo é: "Funcionar coma servizo público para que moitos galegos a poidan usar coma páxina de inicio, mellorar o filtrado das buscas de Google e estudar o impacto dun medio na Internet onde se manifestan estes fenómenos fonéticos galegos."
Beizóns, creo que isto é unha marabilla.

Marcadores: ,

Ler libros na pantalla

A editorial Harper Collins ofrece no seu espazo web a posibilidade de ler libros completos (como a versión en inglés do libro máis recente de Paulo Coelho), aínda que non poden ser descargados nin copiado nin impresos. Os textos estarán dispoñibles para os lectores durante un mes. A directora da editorial considera que "o mellor xeito de vender libros é permitir ao lector a lectura do seu contido". Tamén hai posibilidades de facelo dende o iphone. O dispositivo funciona de forma bastante amigable. Esta é unha iniciativa chamada a abrir un debate profundo sobre o emprego da rede na promoción editorial e da lectura, máis aínda cando está promovida por un dos grupos de edición máis poderosos do mundo. Seguirémola para poder valorala acaidamente.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

11.2.08

Ian Mcwen, entrevista

Interesante entrevista a Ian McEwan con motivo da publicación de Chesil Beach, a súa máis recente novela.
Etiquetas:

Marcadores:

10.2.08

Penúltimos en lectura

No artigo da semana volvo sobre a análise dos datos do Barómetro de hábitos de lectura 2007 e reitero a proposta de dedicar o vindeiro 2009 como "Ano da Lectura".
Imaxe: Club de lectura. Biblioteca Monte Alto. Obrigado.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

9.2.08

Contrapunto

O blog de Manolo Gago é unha fonte permanente de bo gusto e beleza. Ademais de moitos outros temas, comparto con Manolo o seu interese pola eficacia emotiva da "publicidade branca". Hoxe pendurou estas dúas pezas do Metro de Madrid, que son sinxelamente preciosas. A veterana axencia Contrapunto, produtora da segunda das pezas, ten realizado moitos outros traballos magníficos. Velaí o anuncio que nos prepararon hai vinte anos para o lanzamento do noso dicionario e o seu tan famoso spot corporativo "Unha mala publicidade pode facerche perder consumidores":





Marcadores: , ,

Vestio

Acabamos de recuperar para a colección "Fóra de Xogo" Vestio, a novela que Xosé Miranda publicara por vez primeira en 1995. Un libro que enlaza temática e formalmente, co moi exitoso volume de contos As mans no medo (publicado o pasado ano e xa reeditado) e co, tamén reeditado, volume de narracións do fantástico A biblioteca da iguana. Tres obras dun mesmo ciclo dun dos nosos maiores narradores contemporáneos.
Velaí o texto de contracuberta que preparamos:
"A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos. Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora."
Recomendo encarecidamente a lectura para aqueles gosten das novelas de terror e do fantástico. A solidez narrativa de Miranda (xa corenta e oito títulos no noso catálogo) nunca defrauda.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

8.2.08

Libros de mañá, a posición de Manuel Gago

Manuel Gago publica hoxe unha anotación importante, a raíz do debate sobre "Os libros de mañá", ao que tantas referencias fixemos no blog. A posición de Gago resúmese no derradeiro parágrafo da anotación:
"A cuestión é en que medida é relevante agardar por algo que non sabemos cando nin como chegará. Eu teño a sospeita de que o problema está no prisma e no enfoque. A Internet actual é un fervedoiro de narrativas de popularidade crecente. Realidade, ficción, unha mestura das dúas; a rede é un magnífico campo de experimentación para a narración -por parte dos escritores- e para a comercialización -por parte dos editores. Eu creo que o gran futuro das editoras está no seu papel intermedio entre contadores de historias e o público, no desenvolvemento de novas liñas de negocio vinculadas á ficción dixital, alimentada día a día, con modelos publicitarios e de xestión moi dinámica, composta por blogs, redes sociais, webs adhoc, videoconferencias, cómics interactivos, implicando ao autor na responsabilidade sobre o mantemento diario do negocio, avaliando os seus resultados con rapidez, ofrecendo ao lector o mesmo que lle ofrece un libro papel, descanso, lecer, motivación, emoción diaria, en pequenas pílulas. Por suposto, sei que son un deses numerosos pesados que se dedican a arreglarlle o mundo aos editores sen ter unha nómica que viva de vender libros, pero agora dígoo como lector e consumidor ávido de ficcións: a min gustaríame unha historia dese tipo. Ben feita. Editada. Electrónica. Que poida seguir en calquer lugar e desde múltiples puntos de vista. Cos seus personaxes, os seus tempos. Levable no móbil, imprimíbel, buscábel."
Pouco que obxectar a unha posición que como lector comparto, o mesmo que a da inevitable chegada dun dispositivo electrónico portable de lectura, que ha substituír, máis ou menos cedo ao papel impreso. O reto que temos por diante os editores é crear unha nova cadea de valor para esta nova tipoloxía de edición, algo que nestes momentos aínda está por consolidarse. O futuro a medio prazo da edición está na excelencia do contido e non, como até agora, na fabricación de unidades impresas e a súa distribución ao detalle. Agradécese unha achega esperanzadora como a de Gago.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

Historias de fútbol rebelde II

A PELOTA COMO BANDEIRA
Apupado polos comentarios de Mario e dedoscomovermes á miña anotación, rememorei o que conta Eduardo Galeano, no seu libro El fútbol a sol y a sombra, sobre ese partido famoso do Dynamo de Kiev. Creo que este relato é unha das mostras máis claras das verdadeiras razóns do carácter, á vez, heroico e identitario do fútbol. O escritor uruguaio remóntase aos días da invasión nazi de Ucrania en 1942. O exército alemán organizou, entón, un partido de fútbol. Un enfrontamento entre unha selección dos membros das súas forzas armadas contra o Dynamo de Kiev, formado, na súa maior parte, por obreiros da fábrica de tecidos local. “Os superhomes contra os mortes de fame”, subliñaba Galeano. O estadio rebosaba. As bancadas calaron cando os ocupantes meteron o primeiro gol; acendéronse cando o Dynamo empatou; e estalaron cando, case o remate do primeiro tempo, os locais se puxeron por diante.
Durante o descanso, o comandante das forzas alemanas mandou ao seu asistente aos vestiarios do Dynamo:
–O noso equipo nunca foi vencido en territorios ocupados –advertiu o militar a aquel fato de obreiros futbolistas–, se vostedes gañan, fusilarémolos, –engadiulles.
Pouco despois da reanudación do encontro, chegou o terceiro gol dos ucraínos, e cando meteron o cuarto, o estadio “veuse abaixo nun só e longuísimo berro”.
Galeano xa non precisa de moitas palabras para rematar o relato: “antes de que se cumprise o tempo regulamentario, o árbitro deu por rematado o encontro”. Excuso dicir que os xogadores do Dynamo foron todos fusilados coas botas postas. Anos despois da Liberación, aqueles heroes mereceron unha estatua pétrea, que se conserva no centro de Kiev.
Este relato en tempo de guerra, enchido da lucidez e da emoción que imprime Galeano na xusta brevidade dos seus textos, amosa algunhas claves do valor épico e simbólico deste xogo universal de pelota. Os obreiros ucraínos defendían en cada un dos lances do xogo a súa dignidade asoballada e os seus compatriotas berraban, implicitamente, “liberdade” con cada un dos seus tantos. Velaquí, expresado cun dramatismo, quizais esaxerado, o valor no eido simbólico deste espectáculo de masas que constitúe unha das canles de expresión dos sentimentos colectivos de pertenza a unha comunidade. Este tipo de análise permítenos comprender o sentido das mobilizacións populares que se producen despois dos triunfos ou ascensos (“concibidos como xestas”) dos clubes humildes de países coma o noso. Velaí a esperanza dos afeccionados a que a pelota coma bandeira sinale o día dun entusiasmo tan estrondoso como efémero. Intentaremos seguir furgando estas estremecedoras historias do fútbol rebelde.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Unha carta de Iciar Bollaín

Agustín recoméndame que lea a carta que Iciar Bollaín escribiu onte en El país sobre o "cine español". Proponme, ademais, que onde pon "cine español" lea "literatura galega" e comprobarei que a carta describe unha situación parella. A verdade é que o fixen ("Se non houbera literatura galega", titulei para min) é as coincidencias parecéronme verdadeiramente abraiantes (sector "subvencionado", escaparate para a nosa lingua e a nosa cultura, deixar espazo nas mesas de novidades para os libros de fóra...). Propoño facer o mesmo exercicio paralelístico coa carta de Alex de la Iglesia sobre o mesmo tema... Seguro que atopamos outras tantas semellanzas.
Etiquetas:

Marcadores: ,

Barómetro hábitos de lectura 2007


Onte referiámonos ao Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2007, elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España. Hoxe podemos ofrecer a presentación deste extenso e concienzudo traballo (169 textos e táboas) que cómpre debullar devagariño (aconsello descargala). Entre os datos referidos a Galicia cómpre reparar nestes que son moi significativos:
  • Apenas o 4,9% do total da poboación galega maior de catorce anos le adoito en galego (en Cataluña o 21,6% e en Euskadi o 4,2% o fan en catalán e éuscaro, respetivamente).
  • Porén, o 54,9% dos lectores nosos, tamén o son habitualmente en galego (en Cataluña o 74,7% e en Euskadi o 35,9% o son en catalán e éuscaro).
  • Galicia está tamén na cola da porcentaxe de libros (50%), lonxe da media estatal (56%).
  • Porén, se excluímos a compra de libros de texto, Galicia ocupa, xa sen paliativos, a derradeira posición (39%) fronte á media (44,7%).
  • O 10% dos libros mercados en Galicia son en Galego (en Cataluña o 22,7% e en Euskadi o 6,5%, o son en catalán e eúscaro, espectivamente).
Volveremos sobre os datos deste importante estudo, que desagregados proporcionan moitas pistas para detectar tendencias que se albiscan sobre o futuro da lectura en España. O esforzo dos promotores do barómetro, cada vez máis completo e rico, merece o noso recoñecemento.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

7.2.08

Galicia: penúltima en lectura

Hoxe coñecimos os datos do barómetro de lectura e compra de libros de 2007: non hai novidades, Galicia continúa, outro máis e a pesar do cambio político, na penúltima posición, aínda moi afastada da media española e mesmo baixando dous puntos en relación ao anterior. Ou noutras palabras lemos menos e pouco semella importarnos.
Ben sei que as mudanzas neste eido se producen moi amodiño, mais cómpre intentar algo máis enérxico e ilusionante do que se ven facendo até agora. Mañá, con seguridade, nos xornais impresos aparecerán as lamentacións habituais sobre a nosa triste indixencia lectora. Podemos considerar esta situación como algo irreversible, como un xeito de condición identitaria que asumimos fatalmente?
Levo moitos anos tratando de negar ese determinismo; máis aínda, creo que na cuestión do fomento da lectura non podemos perder a oportunidade histórica que temos entre as mans. Para iso cómpre asumir esta cuestión como o eixo de todas as nosas políticas culturais, educativas e de igualdade. E para iso precisamos traballar con moita convicción sobre tres piares: o primeiro, o da creación dunha atmosfera lectora no conxunto da sociedade (lectura para todos, sobre todos os soportes e sobre a maior diversidade de formatos e tipoloxías textuais); o segundo, o da revolución bibliotecaria, transformando as bibliotecas na primeira institución cultural de cada comunidade local; e o terceiro, converter de forma efectiva a lectura no eixo transversal do ensino non universitario e a biblioteca escolar, na aula primeira de cada centro escolar.
Sei que nestes dous últimos anos consolidáronse experiencias moi interesantes, sei que se están facendo algúns esforzos moi notables, mais sei, tamén, que non abondan estas experiencias singulares se non as enmarcamos nun modelo de mobilización lectora impulsado por todas as administracións, polos axentes do sector do libro, polas empresas, asociacións e, sobre todo, pola participación cidadá. Eis o noso reto para poder saír nalgunha ocasión dos postos de cola onde continuamos.
Actualización: (08-02-2008): Faro de Vigo, La Voz de Galicia,
Etiquetas:

Marcadores: ,

6.2.08

5.110 días que ten a vida

Esta anotación de Folerpa é o mellor que teño lido estes días sobre a infamia de Madrid. Beizóns, Marcos.

Marcadores: ,

O poder da túa voz

Nova campaña de Amnistía Internacional. Este spot non pode ser emitido polas canles españolas de televisión por ser considerado como publicidade política.
video

Marcadores: , ,

5.2.08

Historias de fútbol rebelde

Grazas á chuzada de Fulano descubrín esta anotación de Camilo Rueda Navarro sobre "Historias de fútbol rebelde e rebeldes do fútbol". Recomendo a historia do Celtic (o primeiro equipo británico en gañar a Copa de Europa), a de Paul Breitner (o fútbolista maoísta que xogou no Real Madrid), ou a do doutor Sócrates (capitán do mítico Corinthians). Unha anotación que debe quedar no arquivo dos que continuamos acreditando no fútbol, a pesar da súa abafante mercantilización, como expresión de anceios colectivos e de solidariedade universal. Como debemos intentar tecer a rede, aí vai a miña achega a estas historias de fútbol rebelde.

A DIGNIDADE DA URSS

Dúas semanas despois daquel fatídico 11 de setembro de 1973, cando Pinochet promoveu o golpe de estado que expulsou do Palacio de la Moneda ao presidente mártir Salvador Allende, a selección da URSS debeu enfrontarse á de Chile en Moscova nun encontro clasificatorio de repesca que daba acceso ao Mundial de Alemaña 74. Aquel partido confuso, arbitrado polo brasileño Armando Marques, rematou con empate a cero, agardando polo encontro de volta que debía celebrarse en Chile o 21 de novembro de 1973. A selección da Unión Soviética esixiu, entón, que non se disputase no Estadio Nacional de Santiago de Chile, alegando que esta instalación deportiva fora utilizada pola Xunta Militar de Pinochet como campo de concentración (xuntaron alí a máis de catro mil persoas), onde se realizarán numerosas execucións e torturas, e solicitando á FIFA á que se escollese outro escenario. Entón, a FIFA acometeu unha das súas máis aberrantes actuacións efectuando unha revisión do estadio digna das mellores obras do absurdo, cos prisioneiros observando aos seus representantes dende as xanelas dos subterráneos, ameazados con ser executados se berraban para denunciar a infamia. A pesar da escueta negativa que a URSS enviou á FIFA de que non se presentaría a xogar en Santiago, a selección chilena compareceu, na data establecida pola FIFA, o 5 de xaneiro de 1974 no Estadio Prisión para xogar un triste encontro sen rival ningún, conseguindo con dous tantos a porta baleira, para vergonza do fútbol internacional a clasificación para o Mundial. A Unión Soviética foi sancionada por tan digno comportamento pola FIFA cunha multa de cen mil dólares. No vídeo pode comprobarse un daqueles goles dunha das máis noxentas mascaradas futbolísticas da historia, celebrada por Pinochet coma unha "nova vitoria contra o comunismo". Ben é recordar hoxe o comportamento de dignidade do conxunto da URSS.


Etiquetas:

Marcadores: , ,

4.2.08

Escribo para lerme


Discurso de agradecemento de Xabier P. Docampo from Martin Pawley on Vimeo. Palabras precisas e moi emocionantes do mestre: "Non me roubes o pais, non me roubes a lingua... [...]. O día que perdamos a lingua non somos ningúen. A lingua é a nosa casa, a nosa patria."
Pawley achega máis vídeos sobre esta homenaxe e sobre as exposicións do Salón. Grazas por achega tan valiosa.
Etiquetas:

Marcadores: ,

A síndrome do Froiz

Hoxe coñecín este interesante artigo de Mario de Regueira que aborda a polémica de marras dende outra mirada non exenta de ironía.

Marcadores:

3.2.08

2008, ano sen papel

É moi interesante esta anotación de Calidonia sobre as razóns que o levaron a mercar un Sony Reader que pode axudarnos a valorar as posibilidades deste dispositivo de lectura electrónica. Seguiremos as súas anotacións de usuario que semellan, polo comentario que nos deixa nunha das nosas, moi favorables e demostran que esta cuestión está "máis aberta que nunca":
"Adianto que para min o único inconveniente é o prezo, o cal non é un inconveniente a ter en conta, se atendemos á evolución da tecnoloxía e do mercado.
O fetichismo ou o atractivo da presentación é unha cuestión que máis que un obstáculo á difusión destes trebellos é un criterio de segmentación do mercado de lectores. Quen lle confira a iso importancia é evidente que seguirán apostando por encher as estantes de papel. Quen non se importe con iso e coide que a obra, o contido, enche as súas expectativas de lectura, non terá, na miña opinión, ningún problema: nin de lectura (resolución superior á das edicións de peto), nin de portabilidade (2GB de libros nun moleskine!), nin de batería (centos de horas de lectura!).
Antes ao contrario, os dispositivos de lectura presentan vantaxes sen igual que entroncan co mundo dixital. Imaxinan os textos da Galipedia automaticamente convertidos a un libro que se pode consultar (e navegar!) neste dispositivo. É só un exemplo.
Por iso coido que non é só que o asunto no nestea pechado, senón que está máis aberto que nunca. E parece que si, que 2008 é xa o seu ano de despegue."
Agradecemos a Calidonia tan interesante anotación. Quizais probemos con este dispositivo.

Marcadores: , ,

Campo do Fragoso LIII


OUTRO PASO ATRÁS
Pouco podemos obxectar á xusta vitoria do Castellón fronte a un Celta feble e caótico, infelizmente enrugado cando tiña que dar o chimpo decisivo para consolidarse como aspirante. O Castellón, moi ben dirixido por Pepe Murcia, amosouse durante todo o encontro como un dos máis sólidos e eficaces equipos (mesmo á altura do Numancia) que teñen visitado Balaídos esta tempada. Teceu unha rede moi estreita de catro defensas e outros tantos mediocampistas que os dianteiros celestes, a pesar de contar co manexo do balón, nunca foron capaces de superar, coa excepción, na primeira parte, dun magnífico longueirazo de Canobbio nun saque de falta dende a frontal da área. Porén, os castellonenses interpretaron moi sabiamente o xogo do contraataque da man da sociedade arxentina formada polos seus dous únicos dianteiros, Tabarés e Oberman, autores dos seus goles. Tabarés, tras unha absurda perda de balón dun descentrado Roberto Lago, cando non se levaban nin dez minutos de encontro, cabeceou como quixo un servizo magnífico que dende a banda dispuxo o seu compañeiro; apenas comezada a segunda parte, Oberman noqueou aos celestes cun cacheirón impoñente dende fóra da área que pillou na eira ao pobre do Esteban. Resultado tan desfavorable animou ao diletante López Caro a introducir trocos no seu conxunto, facendo debutar en Balaídos a Goran Maric e Sales, dous dianteiros que moi pouco axudaron a mellorar o triste panorama de impotencia dun equipo que dominaba mais que non creaba perigo real ningún. Paradoxicamente, só a lesión de Canobbio (o mellor dos nosos), que motivou a entrada de Larena, animou o encontro, xa que Jorge axiña conseguiu enganchar unha pelota a corenta metros e dirixir un globo precioso que pillou adiantado ao porteiro visitante. Este gol xenial do canario foi o mellor do partido. Con todo, é unha mágoa constatar, outra vez máis, que este equipo de López Caro non ten feituras de conxunto gañador nin posúe a intensidade, a precisión, o esquema de xogo e a intelixencia colectiva precisas para actuar como tal nos momentos decisivos. Mentres, o presidente e o director deportivo, os auténticos responsables desta impotencia desesperante, continuarán facendo declaracións inútiles sobre a calidade do cadro de xogadores, nas que xa non acreditamos os afeccionados. Onte o Celta deu outro paso atrás, isto é moi preocupante.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,