7.2.09

Agustín Fernández Paz, «Letra E» 2009

Acabamos de saber que Agustín Fernández Paz recibirá en Vilalba no mes de xuño a «Letra E» (O escritor na súa terra) que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A decisión foi adoptada na asemblea anual da asociación celebrada esta mañá na que foron reelixidos Cesáreo Sánchez Iglesias como presidente e Antía Otero como vicepresidenta.

Marcadores: ,

6.2.09

6F: o día de Ferrín

1.2.09

Todos con Ferrín

Foto J. de Arcos
No artigo da semana animo a participar na Homenaxe Nacional a X. L. Méndez Ferrín que se celebrará en Vigo o vindeiro venres, 6 de febreiro, a partir das oito da tarde no Auditorio do Centro Social Caixanova. Faro de Vigo publica, tamén, unha longa conversa de Fernando Franco con Ferrín. Unha entrevista de lectura moi recomendable.

Marcadores: , , ,

26.1.09

Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

O día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.

Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.

Marcadores: , , ,

19.1.09

Homenaxe a Poe


Hoxe celebramos os dous centos anos do nacemento do xenial Poe.

Esta Annabel Lee de Radio Futura é un agasallo para Manolo Lourenzo.

Vía: Juan Varela

Marcadores: , , ,

15.1.09

Faleceu Manuel Riveiro Loureiro



Sabía que Manuel Riveiro Loureiro estaba triste. Hoxe deixounos. Coa súa ausencia quedamos tristes e desconcertados. Manuel foi un escritor autodidacta, narrador fecundo da vida e un autor dramático notable. O vídeo gravado o pasado mes de decembro é hoxe un documento emocionante, apostando pola esperanza da chega da terceira República. Sempre recordarei a cordialidade e lealtade que mantivo comigo, a pesar de que nunca lle publiquei ningunha obra. Un home dunha peza. Con todos os abrazos.

Marcadores: , ,

12.1.09

Fernández del Riego denuncia

O xornalista Javier Mosquera publica onte no Faro unha entrevista de dúas páxinas con don Francisco Fernández del Riego. Co pretexto de comentar o recente noventa e seis aniversario (si 96!) do patriarca do galeguismo, Mosquera (un bo amigo de don Paco) tíralle da lingua sobre cuestións estritamentes persoais (o que fuma, o que bebe, o que come, as súas rotinas de traballo...). No entanto, ao remate, don Paco, sempre tan contido e discreto, dispárase e fai unha contundente denuncia pública sobre a situación da súa doazón (biblioteca e pinacoteca) á cidade de Vigo e o desinterese dos diferentes alcaldes por cumprir as condicións asinadas con el no ano 1995 (sendo alcalde Carlos G. Príncipe):
- A situación da súa doazón á cidade?
- Bueno? Está paralizada totalmente. Non estou satisfeito. A biblioteca e o museo son valiosos? É un museo contemporáneo, da miña época, con obra de Colmeiro, Laxeiro, Maside, Torres, Minguillón? É una doazón en vida, feita en 1995 con dúas ou tres condicións que están por cumprir. Unha delas e o do persoal, e non ten persoal ningún. Tal como está sirve de complemento á Fundación Penzol?

-Non se están cumplindo as cláusulas da doazón?
- Non. Especialmente no que afecta a persoal e condicións da sede. Está totalmente desprotexida. Vigo ten un gran pecado. É una potencia industrial, pero ten un desaproveitamento da vida cultural notable. Falta tradición.
- Foron moitas as promesas de arranxar a situación?
- Moitas. Pasaron moitos alcaldes e nada? A biblioteca está morta e o museo debería ter personal idóneo e visitas guiadas. Hai moito material sin incorporar porque no hai onde metelo e mantense na caixa forte e outro o conservo na casa. En total non ocupa máis que un par de habitacións na Casa Galega da Cultura. Sinto unha decepción grande? Non estou arrepentido, porque teño unha identificación coa cidade moi grande, pero síntome triste. Xa desistín de decir nada. .. Alá eles. Estou moi decepcionado cos dirixentes, pero teño claro que una cousa son os administradores e outra a cidade?
Ten toda a razón don Paco denunciando unha situación que, coñecéndoa (como outras), non tivemos a coraxe de facer pública nunha cidade cada vez máis degradada no eido institucional. «Unha cousa son os administradores e outra a cidade» é unha frase clave e luminosa para explicarlles aos que aquí non viven o que ven acontecendo en Vigo dende hai varias décadas.
Imaxino que esta denuncia de don Paco servirá para que esta semana os responsables municipais (non sei a quen lle corresponde, se á concellaría de Cultura ou a de Patrimonio; se ao BNG ou ao PSdeG-PSOE) convoquen unha roda de prensa e prometan que esta cuestión do tan «querido e admirado don Paco xa está en vías de solucionarse» (isto é o que vimos escoitando na última década a diferentes alcaldes e concelleiros). E, como tantas outra veces, aquí acabou o conto e pasamos páxina. Moi triste o que está pasando no Campo de Granada.

Marcadores: , , ,

10.1.09

Projecto Clarice no Porto

2.1.09

Berger, «Un home afortunado»

Aproveitei os tempos mortos destes días de festa lendo Un hombre afortunado de John Berger. Asombra a modernidade da prosa e da estrutura deste libro, publicado hai máis de corenta anos e traducido agora ao español. En 1966, Berger e o seu amigo, o fotógrafo Jean Mohr, conviviron durante un tempo con John Sassal, un médico rural. Baixo a aparente crónica literaria e fotográfica da vida cotiá deste doutor, Berger propón unha reflexión radical sobre a profesión médica que o leva a escrutar con enorme lucidez cáles son os límites e manifestacións do «humano», dende o pracer até a dor. En realidade, máis alá da narración das anécdotas do doutor, das relacións cos seus pacientes, do protagonismo no seo daquela comunidade pobre (onde era considerado un «heroe popular»), o tema central deste libro, fermoso e extraordinario, é tratar de responder a pregunta tan fulcral: cál é o valor que ten unha vida humana? Berger asume ese reto empregando as categorías do literario, dende o relato de ficción ao ensaio antropolóxico (onde acuden na súa axuda escritores como Gramsci, Piaget, Conrad ou Sarte), e a súa resposta non pode ser máis clarificadora: «Non afirmo saber canto vale a vida dunha persoa: non se pode responder con palabras a este cuestión, senón só con obras, coa creación dunha sociedade máis humana». Berger, outra vez máis, demostra que no relato contemporáneo esváeronse as fronteiras entre a ficción e a non ficción, entre o imaxinado e o vivido. A de Berger é literatura como forma de coñecemento. Un home afortunado é un libro serio, deses que falan de cousas importantes. Recoméndoo moi vivamente.

Marcadores: ,

30.12.08

Noticia de Salinger

Gustoume esta información de EFE, lembrando o noventa aniversario de J.D. Salinger. Como editor galego d' O vixía no centeo podo acreditar que non é ningunha lenda urbana que cando renovamos o contrato, cada cinco anos, nos comprometemos a que nas edicións que fagamos non incluiremos paratextos ningúns sobre o autor nin sobre a obra. A pesar de que Salinger é un escritor invisible, que non concede entrevistas nin autoriza que lle saquen fotografías dende hai catro décadas, o pulo da súa obra continúa xeración tras xeración de lectores. Eis a visibilidade do texto sobre a figura do escritor.

Marcadores:

24.12.08

Con Agustín en Vilalba


Temos que agaradecerlle a Martín Pawley que o domingo 14 de decembro gravase pacientemente todas as intervencións da homenaxe que lle tributamos a Agustín Fernández Paz en Vilalba.

Marcadores: , ,

16.12.08

Fran Alonso, «Un país a medio facer»

Atina de cheo o meu compañeiro Fran Alonso cando na entrevista que lle fai Vieiros, a raíz da aparición d' Un país a medio facer (o seu libro máis recente, que moito recomendo), afirma valentemente: «A automoción e a banca reciben moitas máis axudas públicas cá cultura». Efectivamente, a pesar de que sectores como o da lectura é considerado na recente Lei do Libro como un «sector estratéxico» para o país e a pesar de que os que nos dedicamos á edición padecemos o «sambenito» prexuizoso de ser constantemente acusados de recibir subvencións, as axudas públicas que recibimos son escasas e o futuro do noso sector cultural deféndese no mercado co apoio do pobo lector. O maior éxito do noso sector cultural durante estas dúas décadas, ás que se refire Fran no seu libro, radica na consolidación dun público que, aínda de dimensións cativas, vai dialogando cos produtos da industrial cultural en lingua galega, xerados polos nosos escritores, músicos e artistas. Pasar dese país a medio facer a do país orgulloso do que fai é o reto actual que afronta a cultura en galego.

Marcadores: , ,

10.12.08

Agustín Fernández Paz, «Nun lugar dos soños»

O vindeiro domingo, 14 de decembro, Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Muíño de Rañego da súa Vilalba natal pola Fundación Manuel María. Tras unha mesa redonda (ás 12:00) sobre a súa figura, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, Paco Martín, Xulio Xiz e Manuel Bragado, colocarase o terceiro hectómetro literario no Paseo dos Soños e celebrarase un xantar de irmandade no restaurante «A Nova Ruta» de Vilalba. Pode avisarse asistencia ao xantar no teléfono: 646413890.

Marcadores: ,

1.12.08

Tratamento subordinado

Mais que recomendable a longa conversa que manteñen Agustín Fernández Paz e Manuel Vidal Villaverde este luns en Galicia hoxe. Entre as moitas cousas a salientar das palabras sabias de Agustín recollo estes dous fragmentos imprescindibles:

O primeiro sobre a lingua:
Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que poidamos vivir en galego coa mesma normalidade coa que o pode facer unha persoa castelán falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.
O segundo sobre algúns dos problemas da lectura e escrita en galego:
Escribir nunha lingua minorizada socialmente leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na propia sociedade (e penso agora nos libros galegos en Galicia, confinados coma nunha reserva india nunha parte significativa das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou no insidioso mantra de que somos unha literatura subvencionada) como na posibilidade de ser traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. Así que esta cuestión é política, e son as medidas de política económica e cultural as que poden axudar a solucionala.

Marcadores: , , , ,

30.11.08

O Ourense de Marcos Valcárcel

No artigo da semana, a raíz dos actos de onte en Ourense, fixen unha pequena homenaxe a Marcos Valcárcel.

Marcadores: , , ,

29.11.08

Todos con Marcos

Neste serán, antes da homenaxe, presentaremos Historia de Ourense, o libro máis recente de Marcos Valcárcel. Recomendo a magnífica reportaxe de Vieiros, as entrevistas de Soitu, La Región internacional e a anotación do propio Marcos no seu blog. Todos con Marcos.

Marcadores: ,

23.11.08

Unha primavera para Aldara

Onte vimos en Vigo a representación d' Unha primavera para Aldara, o primeiro texto dramático de Teresa Moure, gañador do Premio Rafael Dieste 2007. A adaptación de Xulio Lago e do elenco de formidables actrices da veterana compañía Teatro do Atlántico prendeunos completamente durante dúas horas. A pesar da dificultade da posta en escea dun texto longo e complexo, alén das características da súa estrutura dramática e da ambientación pechada no espazo dun convento do século XV, a representación séguese con enorme facilidade, grazas á magnifica intepretación das actrices (especialmente de María Bouzas, expléndida no papel de Aldara, a revolucionaria abadesa) e á aposta polo fío narrativo realizada polo adaptador. O menos conseguido é o travestismo da irmandiña Nuna, con evidentes problemas de verosimilitude no teatro actual (aínda que non no isabelino, tradición á que pretende achegarse o magnífico texto de Moure). No entanto, explorando os límites do teatral e arriscando na ruptura das caracterterísticas do xénero (comedia ou traxedia?), esta adaptación de Teatro do Atlántico do alegato de Teresa a prol da liberdade individual das mulleres e do pacifismo na resolución dos conflitos non desmerece a calidade dun dos textos de literatura dramática máis interesantes dos publicados en galego nos últimos anos.

Marcadores: ,

13.11.08

Batume, blog de Manuel Lourenzo González

Acabamos de coñecer a primeira anotación de Batume, o blog aberto por Manuel Lourenzo González ao fío da publicación d' O xardín das pedras flotantes, premio Xerais de Novela 2008. Un moi prometedor blog literario. Beizóns e longa travesía!

Marcadores: ,

11.11.08

Carlos G. Reigosa, premio Torrente Ballester 2008

A vida do outro de Carlos G. Reigosa é a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2008 dado a coñecer no día de hoxe. «Que me fixo a min a Transición?» é a pregunta que trata de responder, aos cincuenta e seis anos, o protagonista da obra, o director dun xornal madrileño (de orixe galega), cando despois de ter un amago de infarto se decata que non se coñece a si mesmo. Escrita toda ela en primeira persoa, A vida do outro é, en palabras do autor, «unha novela sobre o xornalismo e a vida». Carlos G. Reigosa, autor dunha longa obra narrativa e ensaística toda ela en galego publicada por Xerais, agarda estes días a publicación de Laxeiro por si mesmo, no que recupera a entrevista, aínda inédita, que lle fixera hai vinte anos ao xenial pintor de Botos. Case vinte e cinco anos despois de obter o primeiro Premio Xerais de Novela por Crime en Compostela, Reigosa recunca nun dos máis prestixiosos premios literarios das literaturas galega e castelán. Os nosos maiores parabéns para el.

Aconsellamos escoitar a entrevista que hoxe lle fixeron no «Diario Cultural» da Radio Galega.

Marcadores: ,

9.11.08

Morreu Camilo Gonsar

Acabamos de coñecer a noticia do falecemento hoxe do académico Camilo Gonsar (Camilo González Suárez-Llanos), membro da xeración da «nova narrativa» e un dos escritores galegos máis elegantes e discretos que teño coñecido ao longo destes últimos anos. As nosas condolencias para os seus.

Marcadores: ,