19.2.09

Escola dixital

Hoxe participei en Madrid nunha reunión onde se valoraron algunhas iniciativas de escola dixital das que se están desenvolvendo en España. Nesta liña, semella significativo o anuncio realizado pola xove ministra de Educación italiana Mariastella Gelmini : dentro de cinco anos os libros de textos de primaria e secundaria serán substituídos por outros en formato dixital.

Marcadores: ,

8.2.09

Luns sen clase por temporal

Mañá, luns 9 de febreiro, suspéndense as clases de todo o ensino non universitario e das galescolas. Neste novo temporal funcionou a coordinación entre os dous polos do goberno, ao tempo que esta información (máis completa que noutras ocasións) está fluíndo pola rede e chegando ás comunidades educativas a grande velocidade.
Con carácter xeral a Dirección Xeral de Protección Civil aconsella a toda a poboación adoptar medidas de autoprotección fronte a «chegada dun fenómeno de meteoroloxía adversa a nvel de alerta laranxa por vento en terra» mañá luns. «Segundo as informacións recibidas da Axencia Estatal de Meteoroloxía, prevense refachos de compoñente sudoeste de máis de 100 quilómetros á hora. Así, recoméndase evitar os desprazamentos, retirar obxectos que poidan caer á rúa dende balcóns, fiestras e tellados e afastarse de edificios en ruína ou construción, árbores e paneis publicitarios.» Engadido que se agardan «precipitacións que poderán acumular ata 40 litros por metros cadrado en 12 horas, o que se corresponde cun nivel de alerta amarelo. Este fenómeno meteorolóxico adverso afectará, especialmente, á provincia de Pontevedra desde as primeiras horas de mañá e ata a madrugada do martes.» Pois, iso, a ter coidadiño. Aí ven outra galerna...

Marcadores:

3.2.09

Web 2.0 no CFR de Ferrol

Mañá pola tarde estaremos no IES Sofía de Casanova de Ferrol participando no ciclo «A Wed 2.0, o triunfo da interactividade», organizado polo Centro de Formación e Recursos.

Marcadores: , ,

28.1.09

Cidadanía sen obxeccións

Unha ampla maioría dos membros do Tribunal Supremo rexeitaron o «dereito a obxectar» a materia de Educación para a Cidadanía da ESO. Unha noticia, que aplaudimos xa que pon remate a unha falsa e interesada polémica educativa animada de forma meduliana durante os dous últimos anos polo Partido Popular e pola Conferencia Episcopal. Este suposto «dereito á obxección», con escasísima acollida entre as familias, uníase ás excentricidades metodolóxicas de Esperanza Aguirre e Camps coas que pretendían, dende as súas comunidades, boicotear a implantación da materia; medidas, afortundamente xa, tamén reconducidas polos tribunais.
Sabiamos que os contidos da EpC, que desenvolven os grandes valores que defendemos os demócratas (recollidos no texto constitucional e nos desenvolvementos dos estatutos), non lesionaban dereitos fundamentais ningúns dos pais nin dos estudantes. Así, se repasamos os currículums destas materias ou a maioría dos libros de texto publicados polas diversas editoriais privadas (con enfoques metodolóxicos non sempre coincidentes), podemos comprobar que non é doutra cousa que de cultura democrática e do traballo educativo sobre os grandes valores constitucionais de respecto á liberdade, á igualdade e ao pluralismo do que versa a EpC. Este e non outro é o miolo da sentenza.
Agora, a volta dos alumnos obxectores as clases e a obriga de recuperar as sesións perdidas (como propón a ministra Cabrera) serán unha primeira e necesaria lección de igualdade e responsabilidade para estes estudantes (algúns dos valores que traballan as materias). Ben sería, tamén, que os membros do PP, os seus voceiros mediáticos e a Conferencia Episcopal, que teñen a obriga de acatar a sentenza, pediran ademais algunhas desculpas. No entanto, e non son agoreiro, témome que non o van facer e seguirán enredado coa polémica co seu recurso ao Constitucional.

[Por certo, gustoume a idea do videocomunicado da ministra sobre a sentenza. Un xesto interesante sobre a utilización de internet. ].

Marcadores: ,

15.1.09

NEG, XXV Aniversario

Santiago, 14 de decembro 2008, XXV Aniversario de Nova Escola Galega.
[Aconséllase premer sobre a foto para vela a grande tamaño]

Marcadores: , ,

23.12.08

Entrevista con Xosé Lastra

Aconsello a lectura da entrevista a Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega, publicada en Xornal de Galicia. Un bo repaso á axenda dos temas da educación e do futuro da lingua. Lastra non parece moi optimista.

Marcadores: ,

15.12.08

Nova Escola Galega, cos vellos amigos e amigas


O encontro do pasado sábado, con motivo do vinte e cinco aniversario de NEG, foi unha entrañable reunión de compañeiros e compañeiras que compartimos dende hai máis de dúas décadas o celme común da escola das pombas que fala galego. Alén do carácter emotivo da reunión, o acto permitiu recoñecer a traxectoria de seis educadores (Xesús Alonso Montero, Rosa Liñares García, Valentín Arias, María Luisa de la Torre Gómez, Cristina Álvarez Rodríguez e Xoán Babarro) que foron declarados socios de honra e aprobar un interesantísimo documento (A nosa palabra para as novas xeracións de educadores/as) no que se reactualiza o noso documento de Escola Pública Galega. As ideas de renovación pedagóxica e galeguización educativa que defenden os trescentos membros de Nova Escola Galega continúan sendo imprescindibles para o noso sistema educativo público.

Marcadores: ,

13.12.08

Nova Escola Galega, vinte e cinco aniversario

Hoxe participaremos no vinte e cinco aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica no que levamos participando dende a súa fundación. Un día para reatoparse cos vellos amigos do corazón.

Marcadores: ,

18.11.08

O profesorado debe ler co seu alumnado

«A lectura non é unha área máis, é a peza fundamental para aprender o resto das asginaturas», dixo Fernando Reimers, catedrático da Univeridade de Harvard, na lección que inaugurou a semana monográfica, organizada pola Fundación Santillana, «La lectura en la Sociedad de la Información». O profesorado de calquera das materias debe ler co seu alumnado, como unha das súas actividades docentes principais. Agradécese que autoridades académicas reivindiquen a importancia fulcral do ensino da lectura en todos os niveis educativos. Non abondan as ocasións para repetilo.

Marcadores: ,

6.10.08

2 solucións para un problema


Abbas Kiarostami (1975).
Envíamo un bo amigo como homenaxe a Suso Jares.

Marcadores: ,

5.10.08

Suso Jares, ourive sensible

No artigo da semana publico unha lembranza de Suso Jares. Ao longo da semana foron aparecendo diversos textos no seu recordo: os dous artigos de Marcos Valcárcel e a anotación e os comentarios no seu blog; a anotación do noso amigo Manuel Area Moreira (profesor de Tecnoloxía da educación da Universidade da Laguna); a de Klimta, a de Francisco Castro e os seus comentarios, o artigo de María Reimóndez an edición impresa d' A Nosa Terra e os comentarios que deixaron os profesores Gloria Ramírez, JM. Alonso Muñiz e José Tuvilla Rayo no xerais blog... A todos eles o noso maior agradecemento polas súas palabras.

Actualización (06-10-2008): artigo de Xosé María Palmeiro, anotación de Bouzafría, condolencias da Coordinadora Galega de ONGD.

Marcadores: , , , ,

29.9.08

Xesús R. Jares, in memoriam

«Dende hai varios anos, Suso libraba con enorme serenidade unha difícilísma partida, na que seguiu ofrecendo aos seus seres máis queridos un modelo de dignidade e serenidade humana, e como tal, morreu cos brazos abertos, aloumiñando e amando a vida, consolándonos con provisións enormes de coraxe, sementando camiños de paz e gromos da tenrura e da esperanza polas que loitou ao longo dos seus cincuenta e tres anos.
Suso foi o primeiro cidadán da república libre da paz, da igualdade e da fraternidade, palabras que nos ensinou a pronunciar co respecto que merecen os grandes ideais da humanidade.
Mestre, catedrático, pedagogo, educador pola paz, investigador universitario, cidadán libre da utopía da Irmandade, é dos que levaba orgulloso na fronte unha estrela e no bico un cantar, as insignias da nosa Galicia do corazón.
Dende os anos mozos da Compostela universitaria, cando tivo a fortuna de atopar a Paz, a súa inseparable alma xemelga, moitos somos os que con Suso compartimos o soño de construír «para todos os nenos galegos unha escola do sol, das pombas e das gaivotas», os ideais pedagóxicos do movemento Freinet do que Suso foi en Galicia un pioneiro na súa primeira escoliña rural de Montederramo, onde hai trinta anos iniciou a súa andaina.
Ideais que alicerzou a súa chegada a Vigo, a comezos dos anos oitenta, como profesor do Colexio Público García Barbón, onde, toliño e atrevido que sempre foi, montou axiña unha horta escolar, onde os rapaces de segunda etapa cultivaban tomates e leitugas e, pouco despois, fundou o colectivo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, o noso movemento de renovación pedagóxica, auténtica célula de amizade e de soños compartidos.
A creación de Educadores pola Paz, unha das obras das que máis orgulloso se sentía, supuxo, tamén o inicio do movemento de «Educación para a Paz» xa que este grupo de profesionais da educación foi o primeiro que asumiu en España a construción da paz e a resolución pacífica dos conflitos como eixo vertebrador da súa actividade educadora. Non teñades medo de acudir a Internet e escoitar e presenciar a maxistral conferencia de cincuenta minutos que Suso pronunciou hai uns anos nas xornadas de convivencia de Gasteiz sobre esta cuestión. Un testemuño extraordinario, emocionantísimo, que nos deixou en herdanza.
Educadores pola paz, o grupo animado de forma infatigable polo traballo paciente e rigoroso de Suso, constituíuse nunha entidade de base, crítica e independente que serviu de alicerce ao movemento de Educación pola Paz, primeiro en Galicia, logo en todo o estado, máis tarde en Portugal e, xa durante os anos transcorridos deste novo milenio, en Latinoamérica.
Hoxe non podemos deixar de lembrar como nos anos oitenta, o grupo de Educadores pola Paz organizou as primeiras celebracións en centros escolares vigueses do «Día Escolar pola Paz» (30 de xaneiro), formando as primeiras cadeas de nenos e nenas pola paz diante do cárcere vello, as primeiras soltas de globos nos patios das escolas ou os programas cos rapaces de Bacharelato en radio Popular. Hoxe non podo esquecer, como Suso, un organizador nato, promoveu a celebración das exitosas «Xornadas de Educación para a Paz» que, por primeira vez, trouxeron a Vigo a conferenciantes como Fernando Savater e no que se proxectaban películas memorables como «Johnny colleu o seu fusil» (o cinema foi outra das súas grandes afeccións).
Aquel agromar de Educadores pola Paz consolidouse vizoso en Panxón no ano 1986, coa celebración do primeiro «Encontro Galego de Educadores pola Paz», dende entón, unha cita anual, que se consolidou en Camposancos, onde se despregou por primeira vez o paracaídas e se comezaron a desenvolver os xogos cooperativos, nos que é unha autoridade mundial.
Durante a década dos noventa o grupo de Educadores pola Paz consolidou a súa presenza e influenza sobre o mundo educativo (tanto galego, español como portugués), sobre todo, por medio das publicacións de Suso sobre educación, paz e dereitos humanos. Foi esta década a dun enorme entusiasmo para Suso. Sira, Sira outro dos seus orgullos, inundouno de ledicia e optimismo, ademais de consolidar a súa traxectoria na Universidade da Coruña, onde foi acollido con enorme agarimo polos seus compañeiros e compañeiras.
Relevancia singular tivo en 1996, o desenvolvemento do proxecto solidario e multidisciplinar «Construír a paz. Cultura para a paz», artellado arredor dun libro e dunha exposición itinerante, no que participaron un centenar de ensaístas, escritores e pintores. As presentacións multitudinarias deste libro e do proxecto de cooperación en diversos teatros galegos constituíron un fito sen precedentes na nosa historia educativa e da edición en galego. Así como o desenvolvemento do proxecto solidario en Guarapuava, en Paraná, no Brasil, onde Suso viviu unha experiencia moi marcante. Nese período, Suso promoveu a constitución da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ), da que foi presidente, e da Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ), que presidiu ata o día de onte.
Xa neste milenio Jares, cunha notable presenza en Latinoamérica (o continente do seu corazón), enfocou a súa reflexión sobre a resolución pacífica dos conflitos nas aulas, promovendo os programas «Aprender a convivir» do concello de Vigo e «Aprender xuntos. Convivir» do concello de Lugo, ao tempo que elaborou unha proposta de tramitación dunha «Lei galega da paz», presentada por Nova Escola Galega e aínda pendente de resolución, coa intención de que o Goberno Galego asumise dende unha óptica global o fomento dos valores da cultura de paz. Foi a reflexión sobre a importancia da materia de «Educación para a cidadanía» o tema que ocupou as derradeiras angueiras académicas de Suso e lle ocasionou bastantes cabreos.
Ademais deste traballo de enxeñaría pola paz e pola educación en valores, Suso Jares desenvolveu unha intensísima actividade académica no eido universitario, recollida nas súas obras ensaísticas, publicadas orixinalmente en galego e traducidas na súa maior parte ao español e portugués. Dese labor editorial e publicístico, que a Suso sei tanto gostaba (vivía o proceso de edición cunha emoción e un primor como poucos autores coñezo), naceu o seu derradeiro proxecto a triloxía «Educación e paz», da que se publicaron dous títulos este ano e da que estamos ultimando o terceiro.
Precisamente, e así o preparou Suso nos seus últimos días, o vindeiro 10 de decembro, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, será presentado no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo este volume «Educación e paz III. Literatura e paz», o derradeiro libro colectivo coordinado por Jares no que participan corenta escritores e escritoras galegos. Ese día, ademais, renderémoslle a grande homenaxe nacional que o seu maxisterio merece.
En días tan difíciles para todos os que tivemos a enorme fortuna de gozar da súa amizade fraterna, aínda sabendo que as palabras non abondan para enunciar o noso pesar, só podo expresar máis que a miña admiración e agradecemento (que sei todos compartimos) por este seu labor de ourivaría sensible destinado a contribuír na loita contra a desesperanza e o conformismo e a procurar dende os espazos educativos unha sociedade plenamente democrática, xusta, solidaria e pacífica. Cantemos, cantemos sen temor na súa honra. Con todos os nosos abrazos para Paz e Sira.»

* Fragmento do texto lido na cerimonia civil do 28-09-2008 en lembranza de Xesús R. Jares.

Marcadores: , ,

28.9.08

Xesús R. Jares: educar para o conflito


Conferencia de Xesús R. Jares sobre «Educación para o conflicto» no Congreso de Convivencia de Gasteiz.

Marcadores: , , , ,

Faleceu Xesús R. Jares

Estou enormemente conmocionado xa que hai só unhas horas que faleceu o meu amigo Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Suso sempre foi un modelo de dignidade e, como tal, morreu cos brazos abertos á vida, ofrecéndonos a tenrura e a esperanza pola que loitou toda a súa vida. O acto civil na súa memoria terá lugar hoxe domingo ás 20:00 horas no Vigomemorial. Con todos os nosos abrazos para Paz e Sira.

Marcadores: , ,

21.9.08

Cultura democrática

No artigo da semana reflexiono sobre a implantación das tres materias de «Educación para a Cidadanía» que para min teñen como obxectivo primeiro o desenvolvemento dunha cultura democrática.

Marcadores: , ,

26.7.08

Nova Escola Galega, 25 anos

Galicia hoxe publica unha entrevista con Xosé Lastra Muruais, presidente de Nova Escola Galega, con motivo do vinte e cinco aniversario do noso movemento de renovación pedagóxica. Esta é unha efeméride que para min non pode pasar desapercibida. A miña vida profesional, tanto como docente, pedagogo e editor non se pode entender sen Nova Escola Galega, un colectivo de medio milleiro de profesionais da educación soñadores que, dende eidos diferentes (a escola, a universidade, os concellos, a edición educativa privada ou dende a merecida xubilación) seguimos teimando na procura da escola galega das pombas. Ten moita razón Lastra cando amosa a vixencia do noso proxecto, continuamos acometendo "unha acción decidida, autónoma e favorable á causa da educación pública e democrática, laica, galeguizadora e socialmente integradora, amais de respectuosa co pluralismo democrático". Nestes vinte e cinco anos, mudaron moito a escola e a sociedade galega, porén continúa a nosa teima pola construción dunha escola pública galega. O vindeiro 29 de novembro estaremos no Museo Pedagóxico Galego para celebrar este primeiro século de angueira, o que é dicir unha parte vital das nosas vidas.

Marcadores: ,

18.6.08

U-lo currículum de Bacharelato?

A piques de de rematar as clases a vindeira semana e de iniciar os trámites da matrícula para o vindeiro curso, aínda non apareceu publicado no DOG o currículum do novo Bacharelato LOE. Fedello cada día no portal educativo da Consellaría co desexo de atopar a nova da aparición deste documento fundamental para artellar o comezo do vindeiro curso. no que se implantará o primeiro curso do Bacharelato LOE. Este retraso (que provoca importantes consecuencias sobre o profesorado, o alumnado e os editores de materiais educativos) é un síntoma máis que preocupante do nivel de xestión desta consellaría, sometida ao réxime inexorable que marcan as datas do calendario escolar. Que está sucedendo na Consellaría de Educación? Agardo que que o decreto se publique nos vindeiros días.

Actualización (20-06-2008): afortunadamente hoxe o Consello da Xunta aprobou o decreto de currículum.

Marcadores:

20.4.08

Máis cidadanía

No artigo da semana critico a redución de horas de Filosofía, Historia e Educación Física, que a Consellaría de Educación introduce no decreto que regula o ordenamento e currículum do novo bacharelato. Fago miñas as palabras dos membros da asociación de profesores de Filosofía Sine Nómine que promoven un manifesto na rede sobre esta cuestión (pode asinarse aquí).

Marcadores: , ,

19.4.08

Memorable "Serán pola paz"

A de onte foi unha noite moi emocionante e memorable. Un milleiro de persoas (1000, non me trabuquei) ateigaron o Teatro Caixanova para participar no Serán pola paz, onde presentamos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz e celebramos o 25 aniversario de Educadores pola Paz. A presentación de Manolo Romón foi magnífica. Os discursos institucionais interesantes (especialmente o do alcalde Abel Caballero, que apostou por unha cultura de paz laica e pcomprometida). As intervencións dos autores dos libros acaídas (algunhas como as do teólogo Tamayo e o vicerreitor da Universidade de Lisboa, Luis Moita, extraordinarias). As lecturas dos poetas galegos e portugueses potentes. E as actuacións musicais memorables: Abe Rábade virtuoso, Uxía (a sorpresa non prevista no programa) saudosa e entrañable, e Berrogüetto (xa con Xavier Díaz) impresionante.
Porén, e a pesar de todo o expresado (o acto alongouse durante tres horas), o verdadeiramente importante desta noite inesquecible foi a homenaxe que todos lle rendemos á figura de Xesús R. Jares, ese orfebre da cultura de paz. Suso é unha autoridade mundial en Educación para a Paz, como puidemos comprobar pola presenza no acto de persoas chegadas de Latinoamérica (México, Colombia e Chile) e de diversos lugares da península coa única intención de abrazalo e expresarlle o seu recoñecemento. Ao longo da noite, eu que son un sentimental incorrixible, non puiden evitar quedar invadido polas saudades de hai vinte e cinco anos, cando os dous tiñamos arredor de vinte e cinco anos, e desde o grupiño de Nova Escola Galega de Vigo abrimos este vieiro de loita contra o conformismo e a desesperanza no eido educativo. Con todas as beizóns para Suso Jares.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

13.4.08

Serán pola paz

No artigo da semana, con motivo da celebración o vindeiro venres en Vigo do Serán pola paz, realizo un breve percorrido polo traballo do grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Recomendo moi vivamente participar neste acto literario-musical no que presentaremos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz. Sei que aínda quedan unhas poucas entradas. É moi previsible que completemos o aforo de case 800 persoas. As entradas poden retirarse nas oficinas da Concellaría de Educación de Vigo.

Marcadores: , , , ,