3.4.07

En Brétemas hai un ano , hai dous anos... (VII)

  • Hai un ano publicabamos a primeira anotación no blog sobre Home sen nome, a última novela de Suso de Toro que, despois de dez meses nas librarías, continúa sendo moi ben acollida entre os lectores. Precisamente, o domingo pasado foi a obra arredor da que xirou o Clube de Lectura do programa de Angels Barceló. Non erramos na nosa anotación cando cualificabamos o libro de Suso como "memorable".
  • Hai dous anos reseñabamos a noite dos Premios Irmandade do Libro 2005, organizada pola Federación de Libreiros de Galicia, agradecendo o recoñecemento como mellor libro de 2004 para a Historia da Educación e a Cultura en Galicia de Antón Costa Rico. Esta voluminosa obra de mil duascentas páxinas, dende aquela, foi outra das que nos deu máis alegrías.

Marcadores:

18.3.07

En Brétemas hai un ano, hai dous anos... (VI)

  • Hai un ano reseñabamos o libro de Daniel Cassany, fundamental para fixar o concepto de literacidade crítica, ao que tantas veces nos temos referido neste blog. Unha obra que volvo recomendar vivamente.
  • Hai dous anos, a raíz dunha anotación de Rogerio Santos (parabéns para os seus catro anos de blog) recolliamos a clasificación que Zallo fai das industrias culturais. Unha visión moi clarificadora e útil ás portas da celebración de Culturgal (Feira do Libro e da Industria Cultural), un evento que, polas noticias que recibimos, xa ten case ultimado un magnífico programa de actividades (grandes concertos, conferencias, encontros sectoriais, actividades para nenos e nenas...) e comprometida xa unha numerosa presenza de expositores. Culturgal é un evento que convén seguir coa maior atención.

Marcadores:

26.2.07

En Brétemas hai un ano, hai dous anos... (V)

  • Hai un ano recomendabamos a entrevista de Teresa Moure en Vieiros. Estes días Teresa ultima a súa vindeira novela, Benquerida catástrofe, que, finalmente, publicaremos a finais do mes de abril, con motivo do Día do Libro.
  • Hai dous anos reflexionabamos sobre os comentarios reintegracionistas sobre unha miña proposta de regular o ensino da lingua e cultura galegas como materia optativa nos centros de Secundaria do resto do Estado; mágoa, que esta iniciativa non se recollese na nova Lei Orgánica de Educación.

Marcadores:

12.2.07

En Brétemas hai un ano, hai dous anos... (IV)

  • Hai un ano no día de hoxe celebrabamos a vitoria do Celta fronte ao Villarreal nun gran partido no que presentaba a súa candidatura europea. Nada que ver coa triste situación desta tempada.
  • Hai dous anos faciamos a crónica da presentación no Ferrol de Veu visitarme o mar. Precisamente estes días comezamos a edición de Ao pé do abismo, o novo libro de Rosa Aneiros que aparecerá na colección Crónica na primavera.

Marcadores:

4.2.07

En Brétemas hai un ano, hai dous anos... (III)

  • Hai un ano no día de hoxe propoñiamos que na redacción do novo Estatuto se recollese o deber de coñecer o galego, o seu dereito a usalo en todos os ámbitos dentro do territorio de Galicia, ademais de promover a redacción dunha Carta de Dereitos Lingüísticos. Esta foi unha das cuestións que, teoricamente, impediron o acordo entre os lideres, a pesar (e isto está agora acreditado) que existía un acordo entre os voceiros dos grupos (o día anterior) de aceptar a fórmula da "igualdade xurídica entre as dúas linguas oficiais".
  • Hai dous anos recuperabamos dúas frases de Eduardo Galeano sobre a memoria ("Creo na memoria como continuidade da vida. Non a memoria morta que nos convida a contemplar unha bolboreta cravada na parede.") e sobre a esperanza esperanza ("A esperanza é unha cousa que se conquista cada día con moita dificultade e que cada día cae e se ergue cando está viva de verdade."). Non perderon un chisco do seu interese.

Marcadores:

26.1.07

En Brétemas hai un ano, hai dous anos... (II)

  • Hai un ano no día de hoxe publicabamos unha anotación sobre o control da calidade na revisión de estilo dos orixinais e na corrección de probas con excelencia e eficacia. Mágoa que aínda non estea en marcha ese posible selo oficial de control de calidade no tratamento dos textos ao que faciamos referencia. Esta cuestión segue sendo unha das cuestións a mellorar no noso traballo.
  • Hai dous anos dabamos conta da aparición do Almanaque ZZ 2005, o título de maior tiraxe anual da edición en galego (sobre uns 90.000 exemplares), que, porén, ao non tratarse dunha edición non venal non computa nas estatísticas da nosa edición. Hai uns meses, cando estivemos na homenaxe a Lorca en Lugo, mercamos nas casetas do san Froilán a edición d' O gaiteiro de Lugo. Os almanaques agrícolas, a pesar da crise do modelo de vida rural tradicional, continúan vivos.

Marcadores:

19.1.07

En Brétemas hai un ano, hai dous anos... (I)

  • Hai dous anos recolliamos unha longa cita do libro de conversas con Xosé Manuel Beiras, moi acaída para interpretar o que está sucedendo o día de hoxe: "Abonda ollar e enfíar biografías de membros representativos das sucesivas xeracións -Faraldo, Rosalía, Murguía, Brañas, Villar Ponte, Castelao, por exemplo-: non hai continuum no proceso de construción do edificio da nación, senón unha sucesión de interrupcións, retrocesos e voltas a empezar".

Marcadores: