Barómetro da lectura 2008, melloras en Galicia
O Barómetro da Lectura 2008 da Federación de Gremios de Editores de España achega boas novidades. Se os comparamos cos datos de 2007, comprobamos con alegría que o pasado ano Galicia aumentou o seu índice de lectura, a pesar de que a nivel de todo o estado diminúe, abandonando así, por vez primeira desde que existe este estudo, as tres derradeiras posicións entre as comunidades autónomas. Segundo o barómetro o 52,6% dos galegos maiores de 14 anos serían lectores, o que supón un incremento do 1,4% con respecto a 2007; situándose por riba dos índices de Estremadura, Andalucía, Castela A Mancha e Murcia. No entanto, o índice galego sitúase por baixo da media estatal (54,6%), ao tempo que enmarcado na tendencia dos últimos cinco anos (51,6%), aínda se sitúa no terceiro posto pola cola. Tamén son mellores que en estudos anteriores, as estimacións dos índices de lectura en galego, xa que o 6,3% dos lectores en Galicia (4,9% en 2007) lerían habitualmente en galego (22,2% en catalán en Cataluña), porcentaxe que chegarían ao 59,2% cando sumamos o idioma habitual e ocasional de lectura (54,9% en 2007). Con respecto aos habitos de compra de libros, o estudo estima que en Galicia a compra de libros en galego supón o 7,3% (24% en catalán en Cataluña), o que supón un decrecemento, xa que en 2007 esta porcentaxe acadaba o 10%. Datos todos eles que amosan un esperanzador repunte dos índices de lectura en Galicia, ao tempo que diminúe o índice de compra de libros en galego. Cremos, no obstante que o balance é esperanzador no seu conxunto.
[A presentación inclúe a totalidade do barómetro que vai moito máis alá das referencias publicadas na prensa.]














