25.12.08

Topoloxía

Ten razón Arturo, o discurso da proxección exterior da literatura galega é o mesmo da proxección interior. Como sinalo nun comentario que deixei no seu blog, ambas as dúas, a interior e a exterior, son as dúas facianas dun mesmo corpo que ten vontade de ser visible. Sen entrar en disquisicións sobre o que sucedía nos tempos do perezvarelismo, hoxe o que non parece sensato é investir en custosas viaxes internacionais e (tras case catro anos) non ser capaces de dotar ás nosas bibliotecas das nosas novidades editoriais (como está previsto na Lei do Libro e a Lectura). Sobre esta cuestión poderiamos facer denuncias que escandalizarían. Mais xa estamos cansos de batallar aquí e acolá e de recibir tratos severísimos. Neste eido, por prudencia, tiramos a toalla. No entanto, aproveitando a piedade destas xornadas de Nadal, cos meus comentarios pretendo contribuír a ese esforzo en man común que ten por obxectivo que os nosos libros en galego poidan ser minimamente visibles nas librarías e nos medios de comunicación (fundamentalmente electrónicos) preocupados por eles. Isto é o que chamo exercicio de «autoestima». E tal como están as cousas, este exercicio de proxección interior é imprescindible. Os grandes discursos grandilocuentes sobre o libro galego, deixámolos para os políticos, que para iso andan apurados en concurso electoral.

Marcadores: , ,

24.12.08

Visibilidade nas librarías

Hoxe Xornal de Galicia publica unha reportaxe, que moito agradecemos, sobre a visibilidade do libro galego nas librarías do país. Tamén aparece esta miña columniña con datos para axudar a reflexión.

Datos para animar un debate

Tras as periódicas crises de confianza sobre o interese dos libros editados en galego, anima o debate lembrar algúns datos do noso mercado interior do libro no ano 2007, tirados do informe elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España.
Galicia investiu 165 millóns de € en libros, o que supón o 5,3% do mercado español; se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da española, continuamos arrastrando un déficit de 1,3% no que atinxe a compra destes bens culturais.
Os tres millóns de exemplares de libros en galego vendidos (máis dun exemplar por habitante, o que non estña nada mal) acadaron unha facturación de case 32 millóns de €, o que supuxo un 19, 22% do mercado do libro en Galicia. De cada cinco libros vendidos, un foino en galego.
Os 250.000 exemplares vendidos de títulos de narrativa (apenas o 8,33% de todos os vendidos en galego) acadaron unha facturación de tres millóns de euros, apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia. É dicir, de cada cen libros que se venderon en Galicia no 2007, só un par deles tiveron a oportunidade de ser unha novela ou un libro de relatos, orixinal ou traducido, dos publicados en galego.
As 137 novidades de narrativa en galego publicadas competiron nas librarías cunha oferta en castelán de dez mil novidades (si, dez mil, unha barbaridade!), que facturou 573 millóns de €, vendeu máis de 56 millóns de exemplares e supuxo o 18,4% do mercado do libro en España.
Se establecemos comparacións serenas entre toda estes datos, podemos comprender acaidamente o que está sucedendo nas librarías durante esta campaña de Nadal. Un sector de ficción en galego de tres millóns despútalle o mínimo espazo dispoñible ao da ficción en castelán que en Galicia factura dez veces máis. David contra Goliat. Esas son as magnitudes dos nosos mercados. Nesa tensión desigual dentro da libraría é onde se está dirimindo o futuro da literatura galega.

Marcadores: ,

22.12.08

Os libros galegos non son galegos?

21.12.08

«Malia ao escaso tirón»

Lendo esta incrible noticia publicada no xornal.com sobre o posicionamento nas librarías das novidades editoriais galegas durante esta campaña de nadal, compréndese mellor que a nosa peor e principal doenza é a da falta de autoestima e confianza na literatura propia.
Velaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada.
Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico.
Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.

Marcadores: , , ,

27.11.08

Respecto para a nosa literatura

Na entrevista de Vieiros Rivas expresa hoxe con moita claridade unha preocupación que compartimos nestas brétemas sobre o enfoque actual da proxección da literatura galega. Esta frase é fulcral:
Creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior.
Como ten, tamén, moita razón cando di:
Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o seu redescubrimento no interior.
Se non pulamos con todas as nosas forzas pola saúde do noso mercado interior do libro (na calidade dos seus produtos e no seu atractivo para o público), se non coidamos con agarimo as nosas bibliotecas pública e librarías culturais, se non visibilizamos a nosa produción nos medios de comunicación galegos, de pouco servirá a voluntariosa presenza de editores, autores e políticos da cultura en feiras do libro internacionais. Estou con Rivas, non hai mellor proxección exterior para a literatura galega que as maiores doses de respecto e de autoestima que consigamos para ela no propio país.

Marcadores: ,

1.11.08

Juan Palomo ofendido polos nosos premios nacionais

Era de agardar. O blog de Juan Palomo de El Cultural (El Mundo) publica unha anotación na que expresa a súa indignación pola concesión de dous premios nacionais a dous autores galegos. O comentario non ten perda:
También en los premios Nacionales de Literatura que otorga el Ministerio de Cultura parte el bacalao la cuota nacionalista. Asombroso, dada la distancia abismal entre el número de libros publicados al año en castellano y los editados en las otras lenguas de España. Viene esto a cuento de lo sucedido la semana pasada: un libro en gallego (O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz), se alzó con el premio Nacional de Literatura Infantil, y otro en gallego, sólo en gallego (De provincia a nación. Historia do Galeguismo político, de Justo Beramendi), con el Nacional de Ensayo. Me pregunto cuántos de los miembros o miembras del jurado lo habrán leído, aunque lo extraño es que esto no pase con más frecuencia. La clave, lo digo por experiencia, es la composición del jurado. Los catalanes votan siempre a los catalanes, los vascos a los vascos y los gallegos a los gallegos. De inicio, jamás a un autor en castellano. Y a medida que en cada ronda es eliminado un autor “autonómico”, los jurados votan al “periférico” que va quedando. Siempre, todos los años lo mismo. Y cuando los “periféricos” son mayoría, gana el que quieren.
A verdade é que se nos facía raro que non aparecesen estes comentarios antes. Afortunadamente entre nós, hai outras voces sensatas.

Grazas, Ferreiro e Pawley.

Marcadores: ,

26.9.08

Que é un libro? Frankfurt 2008

A polémica sobre o carácter inédito ou édito dun texto presentado a un premio literario é outra proba do moito que está mudando o mundo da edición, as súas rutinas, usos e costumes. O debate de fondo de tantas polémicas reside na dificultade de contestar á pregunta de «que é un libro?». Leo en ediciona, un dos meus blogs de referencia sobre o debate actual sobre os futuros do libro, o que entenden por un «libro» os responsables de comunicación da Feira de Frankfurt 2008 (onde acudiremos dentro de tres semanas): «unha das varias posibilidades de procesar, circular e difundir contido. Outras vías para lograr o mesmo propósito son os sitios web, os xogos de ordenador e os arquivos de audio». Unha definición tan ampla que abre aínda moito máis o debate. Estou xa inquedo por comprobar o que ferve no eido da edición electrónica mundial, un dos temas principais deste novo Frankfurt.

Rogerio Santos proporciona publica unha interesante anotación sobre o posible estatuto dos blogs na Unión Europea. Eis outro texto para afondar na polémica.

Marcadores: , ,

24.9.08

O premio de Eduardo Estévez

A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado:
– A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos.
– O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes.
– As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso.
– No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez.
Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar.
Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).

Actualización (26-09-2008): Vieiros.

Marcadores: , , ,

22.9.08

Bravo, Suso!


O artigo de Suso de Toro de hoxe na tribuna de El País sobre a figura de Steiner volve ser oportunísimo. Estou con Perfecto Conde, é moi recomendable.

Marcadores: ,

20.9.08

Steiner, non é todo ouro de lei

Ten razón Xabier Cordal, as desculpas de Steiner están cargadas de dinamita. Se ben «pide sinceras disculpas» e admite que as súas declaracións sobre o galego foron froito dun «comentario irreflexivo», a continuación afirma que a súa foi «unha resposta ó chauvinismo rexional que ameaza agora a unidade de España», o que non ven máis que agravar a polémica. Que entende o profesor de Cambridge por «chauvinismo rexional»? Para el o uso das linguas oficias españolas ameaza a «unidade de España»? Hai veces que é mellor ter a boca calada, xa que se pretendía desculparse por «irreflexivo», agora este comentario máis meditado semella moito máis grave (considerar as linguas oficiais españolas como ameaza é outro disparate). A verdade é que os prexuízos culturais e a visión política deste señor non dan máis de si. Creo que é estéril continuar tirando dese fío, ben sabemos que non é todo ouro de lei.

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia as recomendacións que diversas persoas da cultura galega fariamos ao señor Steiner para desmontar os prexuízos sobre a nosa literatura. Un interesante canon espontáneo das nosas letras.

Actualización (21-09-2008): «Steiner, no; nosotros», Suso de Toro. Un artigo moi recomendable e clarificador.

Marcadores: ,

18.9.08

Esperpento

Impresionante! A noticia é mellor que a maioría das páxinas de humor de Ozú! Esta xente toleou de tanto reiterar a súa mentira.

Marcadores: ,

7.9.08

E chegou Aguas de Mondariz

Afeitos como estamos a contar cunha polémica sobre a lingua cada semana, á cola do documento do Club Financeiro de Vigo, aparece agora o pronunciamento particular sobre o tema da empresa Aguas de Mondariz. No portal de AGAL pode lerse a correspondencia electrónica intercambiada entre responsables desta empresa e consumidores que solicitan información arredor da cuestión do uso da nosa lingua.
Fóra dos repetidos argumentos do documento do Club Financieiro (imposición do galego, dos problemas de recrutar profesionais entre 30 e 40 anos con familia... ) o fulcral do pronunciamento da centenaria empresa de augas radica en apostar polo inglés como segunda lingua: "[...] hasta los chinos pra comunicarse con el mundo la utilizan". Unha vez máis, vencidos polos prexuízos, considérase que o galego non é unha lingua universal e que o seu uso é incompatible co aprendizaxe doutras linguas estranxeiras. Con todo, o documento conclúe expresando que a empresa continuará patrocinando e apoiando "a cultura gallega organizando eventos de literatura, teatro,música, etc, con la finalidad de promover el galego como una fuente de riqueza cultural, magia inspiracional y de melodía poética", ao tempo que proporcionando unha xanela compasiva co futuro do noso idioma: "La tradición y la propia gente es lo que lo ha preservado y preservará esta mágica y hermosa lengua". Todos os tópicos e prexuízos sobre a nosa lingua e a nosa cultura metidos nunha botella.

Sobre a polémica do documento do Club Financieiro continúan aprecendo textos moi interesantes. Aconsello a lectura da carta aberta de Xabier P. Docampo, o divertido artigo de Ánxel Vence no suplemento Estela de Faro de Vigo (non se pode acceder directamente na rede) e a anotación de Mario.

Marcadores: ,

3.9.08

Estravagante Club Financeiro

Hai case dous meses expresei a miña preocupación polo feito de que unha parte da nosa clase empresarial se deixase agarimar polos brazos castelánofobos. Desgraciadamente a información da que dispoñía daquela non estaba errada. Onte o presidente e o xerente do Club Financieiro de Vigo deron a coñecer un documento (vinte páxinas, poden baixarse en pdf) no que defenden con escasas matizacións as posicións da asociación Galicia bilingüe (e do Partido Popular) sobre o emprego do galego no sistema educativo, ao tempo que aproveitan para realizar estravagantes afirmacións sobre os prexuízos que para competitividade das empresas e para a fragmentación dos seus mercados supoñen normativas lingüísticas semellantes as de Galicia.
É moi significativo que o documento do Club Financeiro de Vigo (asinado no mes de xullo) apareza coincidindo co inicio do curso escolar (máis leña para a fogueira!), cando é clamoroso o silencio desta entidade sobre cuestións que lle serían propias a un colectivo empresarial, como, os efectos da crise económica, as deficiencias do noso sistema educativo ou por citar outro exemplo que me puxo esta mañá un bo amigo nun correo, "a sangría de profesionais novos e preparados que cada ano marchan a moreas de Galicia, entre outras cousas, pola incapacidade deses empresarios de crear un tecido produtivo que os acolla".
Con todo, a pesar de utilizar argumentos resesos, enchidos de prexuízos, falsidades e lugares comúns, debemos recoñecer que o Club Financieiro de Vigo abre con este documento outra liña de argumentación moi novidosa e audaz na loita castelanófona contra a normalización da nosa lingua: "a política lingüística dana a competitividade das empresas" (o que imaxinamos supoñerá que ao longo prazo tamén será para os membros deste distinguido club de empresarios a causante do aumento do paro, do peche dalgunhas empresas e do decrecemento do PIB en Galicia...) ou "prexudica a internacionalización das nosas empresas". Con esta liña de argumentación volvemos, sen dúbida ningunha, ás posicións lingüísticas asumidas antes da Constitución (da que por certo no documento non se cita nin o seu artigo nº 3): "Falar galego pode emprobecernos", "Falar galego aumento o desemprego", "Falar galego prexudica o futuro das empresas", "Falar galego baixa as vendas", "Falar galego... ". Pobre lingua proletaria do meu pobo causante de todos os males que sofre ou pode sofrir no futuro a economía nosa! Isto xa é o delirio.

Marcadores: ,

2.9.08

A literatura galega ante o mundo

Alfredo Ferreiro afonda hoxe no debate cunha importante anotación de síntese: "A literatura galega ante o mundo". Comparto plenamente a proposta de Ferreiro e Casas, resulta inadiable a creación dunha institución pública destinada á proxección exterior da nosa lingua e da nosa literatura no exterior, ben sexa baixo a forma primeira dunha Oficina do libro galego ou do Instituto Rosalía de Castro previsto na vixente lei do libro e da lectura (e que os responsables políticos da actual Consellaría de Cultura e Deporte quixeron adiar na presente lexislatura), institucións públicas que deberían contar co traballo das redes sociais dixitais da creación literaria galega. Unha proposta que na vindeira lexislatura non debería ser desbotada.

Sobre este mesmo debate aconsello a lectura destoutra longa anotación de Mario.

Marcadores: , ,

1.9.08

"O caso somos nós"

Continúa o debate arredor do chamado "caso Steiner". Ao novo comentario sobre a nota do Pen Clube aparecido en Galicia hoxe, ao artigo de Alfredo Conde e á anotación de Xosé Manuel Eyré, engadíronse esta madrugada un lucídisimo e clarificador texto de Arturo Casas (publicado como comentario no blog do Levantador de minas) e un artigo magnífico de Miguel Anxo Fernán Vello. Aconsello vivamente a lectura dos textos de Casas e de Alfredo Ferreiro que sitúan a polémica no terreo, utilizando palabras de Casas, "da nosa representación exterior e a afectación diso sobre a nosa lexitimidade cultural/nacional". Moito agradezo esta chamada á racionalidade.

Polo seu interese reproduzo o primeiro texto dos publicados por ARTURO CASAS:

"Non desexo polemizar sobre un asunto que me parece menor ao pé de tantos outros de dimensións máis serias, pero non me resisto a presentar aquí algunhas observacións que talvez fosen xa mencionadas por outras persoas en relación co que comezou sendo “caso Steiner”, derivou axiña a “caso Cruz” e eu estaría interesado en reorientar como “caso nós”. Dado que o espazo é breve, permítome enumerar unhas notas nas que concreto o meu criterio:

1. Non parece apropiado, xusto nin intelixente cualificar a George Steiner de ignorante. Tampouco o é dirixir a artillaría toda contra Juan Cruz polas liñas e as omisións da entrevista nas que hai referencia á lingua e á literatura galegas. Outra cousa é cuestionar a intervención dun e outro en cousas que aos axentes da cultura galega nos afectan de xeito directo ou indirecto.

2. Comezo observando que son excepcionais os casos de comparatistas que entenden a fondo e de verdade de máis de catro ou cinco literaturas. Fóra deses límites, bastante estreitos se temos unha idea non xerarquizada das culturas, o que os comparatistas citan provén adoito dun coñecemento parcial e non directo de textos e contextos, mediado en realidade polo dito por historiadores, críticos, antólogos e polo aprendido en enciclopedias ou a través de traducións (no de mediación emprego a propia terminoloxía de Steiner). Os comparatistas tradicionais, que son case todos incluído o autor de Language and Silence, dialogan en realidade cun canon pre-postulado como universal, trufado se acaso con casuais apuntamentos e contrapuntos menores tomados dalgunha literatura igualmente menor.

3. A literatura galega carece dun espazo propio e definido na cartografía dos comparatistas de prestixio e nas dos máis reputados historiadores das literaturas europeas ou da literatura europea como entidade, sexa isto o que for. En realidade, existe unha dobre alfándega —a portuguesa e a española— que é moi difícil salvar e que se concreta en primeiro lugar na desaparición ou inconcreción das raíces literarias medievais na construción dunha identidade propia (propia para os galegos e propia tamén para os portugueses e para os españois). Pode resultar sorprendente que a romanística non alcanzase a vencer eses atrancos, porén esa é a realidade que temos. Os alumnos portugueses de Bacharelato, p.e., poden chegar a ignoralo todo sobre o que significa Galiza en relación coa súa propia literatura nacional ou a súa nación. Hai poderosísimas razóns simbólicas, históricas e políticas de fondo, claro. Igual que na construción da idea de España. Igual que na da cultura occidental. Construír identidades, postular realidades históricas… ten moito de invención narrativa e de acordo máis ou menos imposto nunha determinada comunidade. Outras veces, ten tamén moito de xustificación e de lexitimación histórica, en particular se manexamos a vara de medir colonial e poscolonial.

4. O problema de fondo do caso Steiner tal como se veu desenvolvendo na prensa e nos blogs galegos semella ser dobre: a nosa representación exterior e a afectación diso sobre a nosa lexitimidade cultural/nacional. Iso é o que verdadeiramente debería interesarnos, alén de leas nas que os asuntos persoais ou corporativos —en sentido positivo ou negativo— desfiguren o debate. Un debate que, por certo, entendo oportuno e que, segundo observan Brétemas, o Levantador de Minas e outros bloggers, podería actuar como catalizador para unha auténtica discusión sobre a planificación da proxección exterior da cultura galega. Aquel dobre problema complícase nos dous discursos combinados na entrevista de Juan Cruz a George Steiner. Parece doer (a algúns) que aquel a quen tacitamente se concede algo semellante ao título de “maior humanista vivo” (MHV) ignore ou minimice a existencia da literatura galega e trivialice ou mesmo criminalice (a través da pouco fina alusión ao concepto de balcanización e da apelación latente á suposta violencia de certas gramáticas) algunhas linguas, algunhas actitudes, algúns dereitos, algunhas leis. Acaso axudase a entendelo, esa reflexión sobre a violencia e as linguas, a lectura das páxinas sobre o alemán de Heidegger e de Celan. Celan, o talismán da súa vida, ten dito Steiner. En segundo plano, parece doer asemade que aquel que algúns presentan como “amigo de Galiza” (p.e. o editorial de Xornal.com) non chegase a mediar nalgún sentido para que a agresividade verbal, moral e política de Steiner ou ben non chegase así a nós (ao público, e iso non é censura) ou ben recibise algunha clase de contraargumentación ou matización minimamente eficaces no contexto da entrevista (previsíbeis se o desprezo se dirixise á cultura española, ou, noutra escala, p.e., á canaria). Un terceiro plano de dor ou de molestia derivaría da comparación: Cataluña e o catalán, si; nós, a nosa lingua e a nosa literatura, non.

5. Vaiamos coa primeira dor ou afrenta. Como se ten observado por parte doutras voces, é evidente que Steiner posúe informacións escasas e terxiversadas sobre a realidade social e cultural galega. Fala de oídas e comete erros grosos na descrición dos feitos e da realidade. É algo común entre os comparatistas europeos cando falan de Galiza e da súa cultura. Non creo que por ser Steiner, talvez oínte da COPE ou lector de El Mundo, debamos prestarlle moito caso máis. E desde logo, discrepo absolutamente de quen propón enviarlle libros ou documentación para “sacalo do erro”. Non logro entender esa asunción aparentemente inxenua de subalternidade nin ese propósito de alcanzar por fin unha mirada xusta, beatífica ou cómplice do MHV. Se xeralizamos esa praxe quedamos sen fondos para a Biblioteca Nacional do Gaiás, pois son moitos os maiores humanistas vivos que xogan na liga de Steiner. Entón: afecta á nosa lexitimidade ou a nosa dignidade nacional a invisibilidade ou a escasa visibilidade coa que somos detectados en certos radares? Radicalmente, non. Temos que contestar como grupo/colectivo/nación esta clase de erros? Entendo que non. É máis, dou por sabido que a maior parte dos que se manifestan publicamente a raíz de episodios coma este, saben que falan no fundamental de portas adentro, para os de dentro, para nós. Steiner disto nin se entera. Cruz, en cambio, si.

6. Segunda dor, segunda afrenta. Con independencia do xuízo persoal que Juan Cruz merecese a cada un de nós antes do episodio —algo excesivamente presente nalgunha columna de opinión e na nota pública do PEN (por que dedicaría a metade da nota a presentarse?)—, nesta película el é un actor secundario. A súa actitude como entrevistador só debería molestar a quen considere que alguén co seu perfil público está para defender ou amparar referencias a terceiros, a terceiros coma nós, por poñer un caso (porque nós somos terceiros nos operativos mediáticos que Cruz xestiona; ou alguén ignora isto?). Malia Cruz, en efecto, formar parte dunha empresa e duns intereses determinados, en absoluto creo que nesta partida iso constitúa un referente fundamental das regras do xogo ou da estratexia de fondo. Orabén, hai outras facetas á marxe do acto e do momento da entrevista, outras prácticas, outros habitus… Hai unha traxectoria. Hai un aceptarse e postularse como interlocutor privilexiado coas provincias. Hai un sentirse cómodo co papel de canonizador do extrarradio. Hai un regusto aduaneiro. Hai unha funcionalidade apaciguadora, redutora e redutiva da pluralidade que hai fóra. Só pasan uns poucos, e de un en un. Cruz, un tipo simpático, seica, un tipo que vén de dicir que se sente ferido polo PEN galego, fala con algúns intelectuais e escritores, preséntaos no centro, delimita mesmo antecámaras nas que pode ir situando suplentes como Bieito Iglesias, un crack. A Cruz gústalle conversar, gústanlle as historias. Préstalle o ambiente Verines, como a moitos dos nosos autores e axentes. Naqueles mesmos días fala, tamén en El País, de Galiza = Praia de Santa Cristina e escolle informantes: Rivas, Reixa, un restaurador… Ve o que ve. Procura o sabor local, folcloriza, cata langostinos… O método non variou tanto no que vai de Pardo Bazán (De mi tierra) para aquí. Hai quen contemporiza con isto. Hai quen asente. Para o que fai e quere facer Juan Cruz non precisa máis. Ás empresas ás que se debe tamén lles é abondo porque conflúen con Cruz na lei básica da partida: o centro é rico, plural e irredutíbel, non admite limitación a un par de nomes; os outros centros son homólogos en riqueza e pluralidade; nas marxes rexionalizadas abonda con sinalar unha representación en singular, o seu mundo é menos rico, máis uniforme, é un complemento (isto asúmeo tamén a prensa local e actívao como mecanismo permanente de representación da realidade cultural). Esta é a política, non só en PRISA, claro, non só en España, non só en Galiza. Todo centro exerce ese control porque, se non, non é centro. Todo centro aspira a asimilar e metabolizar o que os seus vixías sinalan como valioso no extrarradio, e se de paso se consegue minorar iso que era alleo e se fai propio pois mel na filloa (v.g.: “100 escritores en español [Manuel Rivas, Carme Riera, Bernardo Atxaga e outros…] eligen los 100 libros que cambiaron su vida”, EPS). Quen descoñece estas regras?

7. Terceira molestia: que eu saiba Steiner ten seis libros traducidos ao catalán, entre eles o último da súa produción. A produción traducida forma parte da produción cultural. Steiner é xuíz e parte neste caso. Que eu saiba Steiner non ten libros traducidos ao galego nin ao éuscaro. Os límites da súa linguaxe ou das súas linguas —as que sabe, as que entende, as que lle menciona o seu axente— son tamén nel os límites do seu mundo. Parece ser que nunca estivo aquí, onda nós. En Barcelona si estivo, non hai moito. E foi ben recibido e moi celebrado. Unha súa conferencia transmitiuse en directo nunha web municipal. Pero, ollo, non creo que agora sexa tempo de pensar en invitalo a que veña. Atención, AELG: nin cantigas nin agarimos, por favor.

8. O caso somos nós. Paga a pena pechar o suplemento dominical e entrar con forza na segunda feira para tomar decisións adiadas durante excesivo tempo por institucións, medios e gobernos: como identificarse e autorrepresentarse?, como proxectarse e dialogar coas representacións que as outras culturas fan de nós?, como xestionar o noso desigual legado cultural e literario (da Idade Media ao século XIX) e a excelente hora presente (séculos XX e XXI)?, como convencer(nos) de que tras o hiato histórico de séculos seguimos sendo nós e somos tamén outros?, que interlocutores elixirmos?, que medios?, como dialogar coa Galiza que non se identifica con esa tradición?, como suxerir a comparatistas como Claudio Guillén que se Rosalía fala mal de Castela e da súa paisaxe non é porque tautoloxicamente renuncie a calquera experiencia do outro senón porque existía a sega e existía a historia?, como marcarse un rumbo serio e firme e non entreterse con Steiner nin con Cruz nin co sexo políglota dos anxos?" Arturo Casas.


Marcadores: , ,

29.8.08

Steiner: superar a fase da indignación

É desafortunado que Juan Cruz, o autor da entrevista a Steiner, sexa considerado polo PEN Clube como o responsable das opinións do filósofo parisino sobre a nosa lingua. Seguindo o fío da longa entrevista é ben difícil responsabilizar ao xornalista e editor canario desas opinións, baseadas só na ignorancia do prestixioso filósofo e nos prexuízos existentes nalgunhas elites intelectuais europeas sobre as nacións sen estado. Culpabilizar a Cruz (por "botar máis leña ao lume da situación lingüística, no marco do Manifesto pola lingua común") é un xeito doado de conformismo, obviando, ademais, que as declaracións de Steiner constitúen un síntoma moi preocupante dunha das nosas principais doenzas: a nosa incapacidade para presentarnos (e polo tanto para facérmonos respectar) no exterior. Como sinala hoxe Miguel Anxo Fernán Vello que "ningún Goberno galego teña feito nada en serio –realmente en serio, con boas ideas e medios– por proxectar en Europa a riqueza, a inmensa riqueza da Literatura Galega" pode tamén estar na raíz desta triste polémica, o que , en caso ningún, exime de responsabilidade a aqueles que nos desprezan como fixo este señor.
Superada a primeira fase de indignación e estupor (tan necesaria como comprensible) provocada por tan lamentables declaracións, as nosas institucións culturais e educativas (dende o Consello da Cultura Galega, as tres universidades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as consellarías de Cultura e Educación, ás propias asociacións de escritores e editores...) deberían reaccionar en man común coa intención de informar a este señor sobre o estado da nosa lingua e o valor da nosa literatura. Seguro que unha comunicación cordial e intelixente, da man de Meendinho e Rosalía, podería axudar ao señor Steiner a saír da ignorancia sobre o noso. Pola contra, estou seguro que culpabilizar da polémica a Juan Cruz, só vai contribuír a proxectar unha imaxe antipática e vitimista da nosa literatura.
Debemos recoñecer que a pesar dos esforzos realizados nos últimos anos (tanto polas asociacións de editores e escritores; como, moito máis recentemente, pola Consellaría de Cultura nas feiras internacionais do libro e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na rede de centros de estudos galegos), carecemos dunha estratexia de país para dar a coñecer a nosa lingua e a nosa literatura no mundo. Artellala en man común (coas achegas e xenerosidade de todos) sería a mellor lección que podemos tirar desta "polémica Steiner".

Actualización (30-08-2008): Juan Cruz solicita en xornal.com unha rectificación ao PEN Clube e o levantador de minas publica unha moi interesante anotación sobre a polémica.

Actualización (31-08-2008): declaracións de Juan Cruz a Galicia hoxe: "Síntome ferido".

Marcadores: , ,

26.8.08

Steiner e o galego

A entrevista de Juan Cruz a George Steiner, o prestixioso profesor da Universidade de Cambridge, amosa como as persoas teoricamente intelixentes e valiosas, cando están desinformadas, din as maiores parvadas. O caso é que interpelado por Juanito Cruz sobre se o idioma pode estar na orixe do terrorismo de ETA, o intelectual deita de forma brutal todos os seus prexuízos sobre o galego (e de paso sobre o valor que para ele posúen as "linguas minoritarias"):

Quizá. Pero, cambiando de tema, me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego.
Para Steiner "O catalán é un idioma importante, cunha literatura impresionante", mais se pregunta de forma retórica: "o galego, por que ha ser obrigatorio na universidade". O famoso crítico literario (Premio Príncipe de Asturias) emprega sen arroibarse un falaz argumento de autoridade, outorgando as linguas un valor distinto en función do poder que atribúe a comunidade dos seus falantes. Para el, o catalán e a súa "literatura impresionante" poden empregarse na universidade, mais utilizar o galego entre os membros da comunidade científica (segundo as súas declaracións) "significa que vamos a seguir dividiéndonos en pequeños grupos regionales, y eso despierta el odio étnico, como el que existe en los Balcanes".
Máis alá de constituír unha solemne parvada, o comentario de Steiner é un síntoma do escaso coñecemento (e por riba prexuízado) que existe sobre a nosa lingua e a nosa cultura no mundo (mesmo entre as elites universitarias). O peor é que a parvada de Steiner é un tristísimo síntoma do que somos e supoñemos para estas elites académicas, o que (máis alá da nosa lexítima indignación) nos debería obrigar a reflexionar sobre a estratexia que estamos utilizando para darnos a coñecer e respectar no exterior. Ocórreseme que os responsables das tres universidades galegas lle fixeran chegar ao profesor Steiner unha completa bibliografía literaria galega ou mesmo que o seu colega da Universidade de Oxford, o profesor Rutherford, axudase de forma privada a tan fogoso intelectual a vencer a supina ignorancia que amosa sobre a lingua galega.
Aconsello a lectura de tres magníficos comentarios que lin hoxe sobre estas lamentables declaracións: o atinadísimo artigo de José Manuel Ponte e as oportuna anotación no blogs de Manuel Jabois e Ian.

Actualización (27-08-2008): Galicia hoxe e A opinión da Coruña dedican senllas reportaxes á polémica. As opinións das numerosas persoas que fomos consultadas son coincidentes: Steiner meteu a zoca ben metida.

Marcadores: , ,

8.2.08

Unha carta de Iciar Bollaín

Agustín recoméndame que lea a carta que Iciar Bollaín escribiu onte en El país sobre o "cine español". Proponme, ademais, que onde pon "cine español" lea "literatura galega" e comprobarei que a carta describe unha situación parella. A verdade é que o fixen ("Se non houbera literatura galega", titulei para min) é as coincidencias parecéronme verdadeiramente abraiantes (sector "subvencionado", escaparate para a nosa lingua e a nosa cultura, deixar espazo nas mesas de novidades para os libros de fóra...). Propoño facer o mesmo exercicio paralelístico coa carta de Alex de la Iglesia sobre o mesmo tema... Seguro que atopamos outras tantas semellanzas.
Etiquetas:

Marcadores: ,

4.2.08

A síndrome do Froiz

Hoxe coñecín este interesante artigo de Mario de Regueira que aborda a polémica de marras dende outra mirada non exenta de ironía.

Marcadores:

25.1.08

Blog da sección de Crítica da AELG

A sección de Crítica da AELG animouse a abrir un blog. A súa primeira anotación sae ao paso das manifestacións do académico Franco Grande. Recollo un parágrafo ben significativo do seu contido:
"Na súa opinión a crítica literaria galega debería contar cos atributos de ser orientativa e non pedante, no caso de que ela existise, pois a súa mesma existencia é posta en dúbida. O sr. Franco Grande, daquela, non infravalora senón que denigra, invisibiliza e despreza o traballo de interpretación crítico e valorativo daqueles que a exercemos, con maior ou peor fortuna, e sempre coa máxima honradez intelectual."
Benvida sexa na polémica a opinión dos críticos, unha peza clave no funcionamento da nosa literatura e sector editorial. Beizóns para eles e moito pulo para tecer a rede dende este blog colectivo.


Marcadores: , , ,