26.12.06

La Favorita de Príncipe

Os vigueses queremos a rúa do Príncipe por que é a nosa rúa do paseo. Na miña casa, ao pé do Barrio do Cura, identificabámola coa propia cidade. “Imos pasear a Vigo”, diciamos cando baixabamos ao Príncipe. Cando neno devecía por correr diante dos escaparates das longas galerías de La Norma e Tobaris. Pasmaba diante da Papelería La Española. Gostaba entrar nas Galerías Durán, para ver as chilindradas de entroido da Libraría Barrientos e, de paso, botaba un ollo ao expositor do pintor Sanluís, no que lembro tamén tre visto algunha muller semiespida. Pasaba moi a modiño diante das Colonias, unha docería onde nunca entrabamos, e que tiña os escaparates cheos de botellas, para min, moi raras e de pratiños con piñóns, améndoas e outras galdrumadas. Non podía faltar no noso paseo entrar no escaparate de Moya, a xoguetería onde vendían os primeiros “scalestriks” que nunca tiven, nin parar diante do Sport, nin subir as escadas de Galerías Alfredo Romero, onde se mercaban os traxes de primeira comuñón, nin na xastrería Esmar, nin en Zapatos Chavalín, onde sabía que agasallaban os nenos coas pelotas gorila.
Onde si entrabamos moitas veces era en La Favorita no número 46. Sempre foi a miña tenda preferida no Príncipe. Todos os veráns iamos mercar aqueles “campings” azuis co piso de goma Pirelli, ou as “bambas” para facer ximnasia e xogar ao fútbol. Chistábame entrar pola porta da zapataría, pola rúa de Velázquez Moreno, para así poder axexar na ventá da perruquería de Allú, un dos maiores celtistas que coñecín de pequeno. Facía por demorarme nos escaparates e nas vitrinas exteriores, sempre rotuladas a man. Admiraba as vitrinas e os mostradores interiores da mercería, onde expoñían boinas Elósegui, enormes bragas de algodón, medias de cristal, ou os grosos carpíns para os mariñeiros. Engaiolábanme os armariños de bandexas dos carretes de fío de todas as cores de Fabra y Coats. Observaba os centos de caixiñas, perfectamente identificadas, de onde as dependentas, vestidas coa súa bata azul, sacaban botóns, puntillas, fitas, gomas, corchetes, pedraría ou os fíos de perlé de Áncora que mercaba a miña avoa para ganchillar os panos que logo inzaban a casa enteira. La Favorita sempre chea de mulleres bulindo na cola, diante dos mostradores de madeira, unha e outra vez fregada e refregada.
La Favorita era, naturalmente, para min, a de Don Juan. Un señor pequenote, vestido adoito cunha elegante cazadora de napa e agochado tras os seus lentes diminutas na súa pequena oficina acristalada. Don Juan e Tito, o seu socio, mantiveron La Favorita como un clásico da rúa do Príncipe ata hai apenas uns anos. Foron fieis ao espírito fundacional dun establecemento que fundado polos seu pais, chegados de Cataliña, perviviu durante case un século nun dos lugares máis emblemáticos da cidade.
Hoxe na rúa do Príncipe xa non hai fotógrafos de rúa, nin vendedores de parisién, nin libraría ningunha. Apenas unhas cantas xoeirías das de toda a vida, como a de Rainiero Fernández, o grande fotógrafo afeccionado, e un par de zapatarías resisten o empuxe da nova economía global, que no terreo do comercio impoñen as franquicias e tendas das grandes cadeas. De todo aquilo quédanos a memoria da infancia e as fotografías que o noso amigo Manolo Vicente, sempre tan previsor, fixo uns días antes que pechara para sempre La Favorita de Príncipe.

(Unha primeira versión deste texto inaugurou a miña sección "Campo de Granada" de Faro de Vigo, o 22 de agosto de 1999. Publícoo, de novo, lixeiramente actualizado, xa que como pediu unha boa amiga, saudosa dos nosos anos yeyés.)

Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

2 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Bonito post!

Eu aínda me lembro da pastelería Las Colonias, de Moya e de La Favorita... Espero que sigan en pé a preciosa papelería La española e as ben surtidas tendas de belas artes e perfumería Viso, amais das mercerías Saldaña. Mágoa me dá que as cidades vaian perdendo a súa personalidade (a que lle dá entre outras cousas este tipo de comercio) en aras das mesmas franquicias que se aposentan en todas partes.

Un saúdo afectuoso.

11:00 AM  
Blogger miriño said...

Vigo tamén é a miña cidade... porque é a cidade onde nacín, onde pasei a primeira parte da miña vida... pero estou un tanto desvinculado dela. E teño lembranzas desdibuxadas dun Vigo de hai uns vinte anos... Cousas tan precisas e tan bonitas, e sobre todo, tan ben contadas tiran de min a coñecer máis e mellor a miña cidade, que agora podo volver a percorrer.

Graciñas por esta 'visión' tan evocadora.

12:09 PM  

Postar um comentário

<< Home