19.3.08

Keitai shousetsu, novelas no móbil

Hai meses en Trafegando ronseis (para min hoxe un dos mellores blogs en galego) dábse conta do fenómeno dos keitai shousetsu, novelas por entregas que os mozos e mozas xaponeses (de quince a vinte anos) baixan e len no móbil. Dicíanos que se trataban "en xeral, de historias cotiáns escritas con frases moi curtas nas que destaca unha linguaxe elemental e diálogos contundentes, influídos polos dos "manga". Contan historias de alto contido romántico aliñadas con prebe de melodrama. E todo isto con personaxes moi planos e situacións bosquexadas sumariamente". A anotación de ronseis remataba salientando que estas noveliñas cando eran, despois, editadas en papel acadaban vendas enormes.
Onte Bibliómano e Libros & Tecnología (outros dos meus blogs preferidos) volvían a facerse eco do fenómeno "keitai" salientando que en Xapón (un país con 78 millóns de móbiles) constitúe o fenómeno principal da "cultura telefónica". O móbil serve para atender chamadas, escoitar música, enviar mensaxes de texto e de imaxe, ler novelas por entregas, utilizarse como moedeiro electrónico, tirar fotografías e vídeos ou mesmo recibir alertas en caso de terremotos... En definitiva, unha multiplataforma comunicacional de peto.
A verdade estes keitai shousetsu (habería que traducilos por novelas celulares) a pesar da súa importancia no mercado editorial, non semellan literariamente moi atractivos (apenas outra versión de produtos de lectura de consumo). Porén, este fenómeno xaponés sinala, outra vez, a tendencia da integración das utilidades de comunicación nun aparello portable multiplataforma, onde a lectura tería, por pequeno que fose, tamén o seu oco. O debate sobre os libros do futuro continúa.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

1 Comments:

Anonymous Anônimo said...

chegará un día en que estaremos conectados aos aparellos, e ao desenchufarnos deles morreremos coma os afogados.
Hoxe estou morriñento do vello papel :(

10:32 PM  

Postar um comentário

<< Home