22.11.05

Un abrazo, María Victoria

Ás nove e media desta mañá María Victoria despediuse para sempre. Aloumiñada pola súa filla Begoña e polo seu compañeiro Pedro, con quen formaba dende hai varios anos a inseparable Sociedade Literaria Olmo, a grande escritora pontevedresa deu cabo ao valente combate que librou dende hai máis de cinco anos coa "pupa cabrona", como ela chamaba a ese cancro que finalmente lle arrebatou a vida.
Assis Machado escribiu que esta enfermidade non recoñece as virtudes do suxeito a quen apreixa, nin tampouco muda a personalidade de ninguén, senón que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. Esta doenza maldita emparella na súa ferocidade a todos os seres humanos, que somos igualmente fráxiles ante esa verdade. María Victoria comentoume moitas veces estas reflexións cando, hai ano e medio, traballabamos na edición do libro no que relataba a súa experiencia. Durantes aqueles meses, María Victoria comunicoume en varias ocasións, diante da ledicia contaxiosa dun bo vaso de viño tinto e dunhas cabichas ben apuradas, a súa convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación; porén, insistíame na importancia de conservar todo aquilo que confire á vida un valor, de descubrir nas rutinas diarias (por dolorosas ou difíciles que sexan as situacións) pequenos praceres insospeitados, de establecer vencellos afectivos e amorosos cos amigos ou contar coa serenidade suficiente para enfrontar os contratempos do devir cotián.
María Victoria deixa esta súa pegada profundamente humana, esa destilación de vida en estado puro, en milleiros de alumnos, compañeiros docentes, escritores e amigos. Deixa, tamén, unha obra literaria valiosa, artisticamente grande, que seguirá viva en milleiros de lectores e lectoras de todas as idades. Sei que nestes seus días derradeiros, aínda se ilusionou un chisco coa aparición de Eu conto, ti cantas, o libro de contos en verso para picariños que ilustrou tan fermosamente para ela o seu amigo Manolo Uhía. Un abrazo e un aloumiño, María Victoria.

Actualización (23-11-2005): a noticia en El Correo Gallego, Galicia hoxe, La Voz de Galicia, Náufrago, Alfaias e Cabaret Voltaire.

Marcadores:

2 Comments:

Blogger Martin Pawley said...

:-(

11:51 PM  
Anonymous Anônimo said...

Trateina só un par de veces. Só dúas. E pareceume unha muller dunha dozura inmensa. Hoxe é un día tristeiro.

10:17 AM  

Postar um comentário

<< Home