4.2.06

O galego, un deber

A pesar de que se poderían poñer algúns matices, estas declaracións, vindo de quen veñen, son un paso adiante. O novo Estatuto debe recoller o deber de todos os cidadáns galegos de coñecer a lingua galega e o seu dereito a usala en todos os ámbitos dentro do territorio de Galicia, ademais de promover a redacción dunha Carta de Dereitos Lingüísticos.
O deber de coñecer o galego xa estaba presente na Lei de Normalización Lingüística de 1983 e foi retirado por sentencia do Constitucional no ano 1986 (por mor do recurso presentando por Domingo García Sabell, daquela Delegado do Goberno de Felipe González e presidente da Academia Galega). Este deber, a pesar desta sentencia, xustíficase co dereito de igualdade dos cidadáns, que toda a lexislación debe garantir.
O recoñecemento deste deber da cidadanía é o garante do cumprimento efectivo dos dereitos lingüísticos, tanto no que atinxe ao ámbito público como ao privado, ao mundo empresarial como ao da xustiza (os eidos onde o galego ten maiores dificultades para ser desvelado). A consolidación deste deber aseguraría, tamén, a consolidación do galego como lingua xeral de referencia nas Admnistracións Autonómica, Locais e do Estado en Galicia, así como a obrigatoriedade de que os funcionarios ao seu serizo posuísen capacitación necesaria para o seu uso.
Outrosí, sucedería coa Carta de Dereitos lingüísticos da cidadanía galega que permitiría garantir a posibilidade de vivir en galego a quen o desexe, sabendo que conta con amparo efectivo da lei e das institucións. Penso que esta Carta debería garantir:
  • O dereito da cidadanía a recibir a educación en lingua galega como vehicular no ensino non universitario;
  • O dereito da cidadanía a expresarse e ser atendidos sempre, tanto oralmente como por escrito en galego, eliminando calquera atranco no exercicio deste dereito,
  • O dereito da cidadanía a recibir información pública en galego
Considero que estas son dúas condicións irrenunciables e, como se demostrou no caso catalán, totalmente asumibles polo actual marco constitucional. En cuestión de lingua, non podemos pasar por menos.

Marcadores: