22.8.06

A nosa dimensión tráxica

Onte mentres especulabamos sobre as razóns da catástrofe incendiaria, a nosa dimensión tráxica acentuábase, semella que sen solución de discontinuidade, co accidente de Villada.
Como atinadamente sinala hoxe Juan esta nova traxedia amosa a precariedade patética e vergonzosa das actuais comunicacións de ferrocarril con Galicia (practicamente nas mesmas condicións de hai vinte e cinco anos cando fixemos a mili). Son moitos os nosos milleiros de mozos e mozas estudantes ou emigrantes "mileuristas" que poden dar testemuño do estado calamitoso dos nosos enlaces ferroviarios con Madrid, Euskadi ou Cataluña. Un escándalo que se produce mentres se nos solicita paciencia por agardar á vindeira década polo AVE.
Négome a aceptar que podamos considerar estas catástrofes continuas como un sino tráxico dun país periférico ao abeiro da súa mala sorte. Somos os primeiros en sinistros medioambientais, laborais e viarios. Podemos continuar resignándonos sine die a encabezar este taboleiro da España máis negra? Algo máis que lamentarse haberá que facer para evitalo? Ou non?
Etiquetas: Galicia, Sinistros

Marcadores:

11 Comments:

Blogger X said...

Facer algo máis, si, pero, que e cara onde?

7:18 PM  
Anonymous Anônimo said...

Quizáis, unha cousa que se pode facer é escoitar menos ós políticos e máis ós técnicos, que levan sobre unha década denunciando o tren de alta velocidade non soluciona os verdadeiros problemas dos actuais usuarios do ferrocarril, sinon que os agrava, na medida de que case todo o presuposto ferroviario se desvía ás inxentes obras do chamado AVE a costa de abandonar a conservación dunhas liñas convencionais mal aproveitadas e mal organizadas.

10:36 AM  
Anonymous Anônimo said...

Concordo con X totalmente, non obstante cando me decatei da traxedia e a súa vinculación con Galicia, pensei en Jacques Monod e na súa obra “O azar e a necesidade”. Realmente o desenvolvemento ten a súa cara e a súa cruz.

11:42 AM  
Blogger Ana Bande said...

Si que se poden facer cousas, entre elas abandonar o victimismo e os complexos, fragar os ollos para ver máis alá da Canda e o Padornelo. Non creo nesas análises das desgrazas que se presentan sempre como cultas, isto foi unha traxedia da que ó mellor non teñen a culpa os políticos, ¿por qué quedmos máis tranquilos descargando as nosas responsabilidades a fantasmas como o centralismo o secular abandono...? Ao mellor o conductor ía borracho, ao mellor hai moitos conductores que pasan de todo e non respetan os sinais, ao mellor ten algo que ver a Renfe e os seus atrasos....Ao mellos hai que escoitar aos expertos veñan de onde veñan, non estou de acordo coas visións tan reducidas que pretenden que todos os nosos problemas veñen do secular abandono de Galicia. Saúdos.

11:57 AM  
Blogger Brétemas said...

Diante das catástrofes adóitanse empregar dúas explicacións deterministas que me parecen igualmente inaceptables: a vítimista (a da culpa esóxena) e a cínica (a da culpa endóxena). A explicación sobre a causa dos incendios é paradigmática destas dúas posicións. Abonda con seguir os artigos que día a día se publican nas páxinas de opinión do Faro, onde empregando unha suposta ironía desacredítase por igual ao cidadáns do país e aos seus gobernantes. Abonda con seguir os argumentos dos que afirman a existencia dunha trama incendiaria que, dificilmente, nunca vai poder ser comprobada.
Creo que para facerlle fronte a este determinismo paralizante debemos seguir unha estratexia diferente. Galicia ten as mesmas posibilidades de benestar e de convivencia sostible que calquera outro país europeo. Apostar a longo prazo por políticas rexeneradoras no eido institucional e modernizadoras no económico e social paréceme o vieiro posible. Galicia non é un paraíso de chiflados, egoístas, depredadores sen escrúpulos ou de políticos inmorais e voraces (como algúns teiman en convencernos). Vencer esta falsa idea é a primeira batalla dos que nos adscribimos ao consorcio da esperanza.

5:24 PM  
Blogger X said...

Respecto ao que di F. Miguez, non se trata de apostar máis polos técnicos e menos polos políticos senón que deben ser os políticos os que aposten polos técnicos.
Debémoslles esixir, que non pedir, aos políticos que neses postos de libre designación coloquen a persoas cualificadas relacionadas co eido que van administrar. Alén diso que sexan de confianza, mais non que o criterio determinante sexa a confianza versus amiguismo e logo non saiban que facer co cargo.
En canto ao das culpas esóxena e endóxena non é unha teima, pero creo que para solucionar un problema debemos comezar por localizar o que vai mal, senón arriscámonos a que todo o que fagamos poida ir na dirección incorrecta.
E respecto ao do consorcio da esperanza, apúnteme vostede, señor Bragado.

10:01 PM  
Blogger Ana Bande said...

Eu tamén me apunto ao consorcio da esperanza. Estoy de acordo con vostede Sr. Bragado e tamén co Sr. Míguez, pero insisto que non debemos vincular as continxencias diarias, xa sexan catástrofes causadas pola natureza ou polo home, cunha fatalidade propia do noso país. Deste xeito só estamos contribuindo a supervicencia dos tópicos máis rancios e antigos que dificultan as análisis serias que poidan conducir a solucións dos problemas. O de Villada, coma tantas veces, é consecuencia dun exceso de velocidade totalmente inxustificada. E iso é outro problema, que ao fin te moito máis que ver coa educación en xeral en en todo o país que cun atraso secular da nosa rexión. Unha colega miña dos Estados Unidos cando ven a España, sempre me di que non se lle ocurre viaxar en autobús porque xa da por sentado que "en España los autobuses se caen constantemente", bueno, agora vai pensar tamén que non pode ir en tren porque constantemente se saen das vías, nin en avión porque poden ternos secuestrados un par de días...En fin, que estes "accidentes" son claramente reflexo de incompetencias e deixación de responsabilidades que se acaban asumindo como algo normal.

10:30 AM  
Blogger R.R. said...

Estou dacordo en que o determinismo é inaceptable. Pero se un viaxa habitualmente en tren dende Galicia a Barcelona, na estación de Sants verá que en tódalas vías agás a súa hai trens cun aspecto de modernidade que impiden o pracer de rememorar as viaxes que se fixeron hai vintecinco ou trinta anos -no meu caso os recordos non van máis alá.

E nun mundo no que se pode facer chegar avións, trens, coches e barcos sen piloto dun lugar a outro sen complicacións, hoxe nos encontramos co debate de se o maquinista (0,0 no control de alcoholemia) escoitou ou non o sinal de advertencia para frear o cacharro, e culpamos sen remisión aparente de exceso de velocidade a un señor ó que non se sabe sequera se lle chegou a notificación dun cambio de vía. Postos a buscar causas, os chivos expiatorios tampouco son recomendables, aínda que haxa erros e causantes de erros que merecen ser penados cando se proba a súa culpabilidade e non antes, a americana tamén saberá desto ;-)

Con respecto a determinismos endóxenos ou esóxenos, está claro que botar as culpas sempre ó Pé que nos pisa non ten sentido, pero negar evidencias como o atraso nos medios de transporte que a RENFE destina a Galicia, tampouco axuda a corrixir erros dos que veñen mortes, cousa algo frecuente últimamente nesta empresa.

Saúde e saúdos.

11:17 AM  
Anonymous Anônimo said...

Collín ese tren hai dous anos e medio para ir a Bilbao; saín de Coruña ás oito da mañá e cheguei ao meu destino doce horas e media máis tarde. Perto da metade dese tempo é xa o que leva saír de Galiza (a iso das dúas e pìco aínda anda por Astorga).

É moi bonito falar do AVE e todo iso, pero a realidade é que hoxe en día o traxecto Coruña-Lugo lévalle a RENFE dúas horas, e unha máis chegar a Monforte (e non falemos xa dos seus horarios).

6:52 PM  
Anonymous Anônimo said...

É vergonzosa a situación do país. Sendo como somos un gran pobo, temos que sufrir a incompetencia duns gobernos que por indiferencia, escuros intereses ou dexadez, nos mal gobernan dende sempre. ¿Cando vai xurdir ese cambio político que situe a Galicia e aos galegos no lugar que merecen e por dereito lles corresponde? Chegou a hora de que a nosa voz se deixe oír.
Amara Orzania.

9:11 AM  
Blogger Brétemas said...

Ian proporciona unha perspectiva de análise sobre o que falamos moi interesante os chamados problemas malditos, "wicked problems" ou "problemas fóra de toda escala". Algunhas das cuestións sobre as que debatemos poderían adoptar esta categoría na medida de que a súa solución satisfactoria require o esforozo do diálogo e da corresponsabilidade de todos os actores.

12:44 PM  

Postar um comentário

<< Home