25.3.05

A crítica que queremos

A polémica sobre a crítica deu unha nova volta de torca. O responsable do Cartafol e o seu crítico máis rabudo argumentan en senllos artigos as razóns do seu posicionamento como "crítica libre e desinhibida" (acaso, o resto da escasa crítica que temos sobre a literatura galega non o é?).
Chámame a atención a utilización por vez primeira do argumento das subvencións á produción editorial (semellan un maná agasallado ao chou, por non se sabe quen, aos editores e profesores que manexamos a cultura oficial), para eles ofrecerse como garantes do control democrático e da luz que lle falta ao tinglado da nosa edición.
Desconfío sempre dos que se ofrecen como salvadores, moito máis, cando os argumentos que utilizan están baseados en información prexuiciada. Agradézolles que abran ese debate necesario sobre as subvencións (e o seu reparto) que recibe o libro editado en galego, onde, a pesar do que expresen os profesores Barreiro e Rodríguez, non é, como eles valoran, todo un disparate (quizais, apunto piadosamente. por carecer da totalidade dos datos).
O crecemento da produción literaria en galego (un éxito de todos) creou problemas e distorsións importantes, como a dificultade para distinguir entre a Literatura e os produtos literarios editoriais. Para min tan necesaria unha como os outros. Mais neste mar (afortunadamente) vizoso, e tamén inseguro, da nosa incipiente industria cultural é máis necesario ca nunca levantar a crítica como un faro de altofalante e de luz intermitente. Todos (os editores os primeiros, os autores, tamén, e non só os lectores) precisamos de mapas e cartas de navegación precisas. Necesitamos establecer valores estéticos de referencia que sexan fiables, para non extraviármonos na viaxe entusiasta que emprendemos. Velaí o papel fundamental desa crítica rigorosa e plural que todos queremos.

Marcadores: