17.4.05

Beber soños con palabras descarreiradas

O momento máis interesante da Fiera foi o coloquio dos autores convidados polo Ministerio de Cultura. Felicidad Orquín moderou unha mesa na que propuxo a Emilio Pascual, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Jordi Sierra I Fabra e Gustavo Martín Garzo que abordasen, durante vinte minutos, a súa visión sobre "Unha nova literatura para distintas realidades". En realidade tratábase de que cada un deles expresase a súa poética sobre este subxénero, a chamada literatura infantil e xuvenil, a que aborda os temas do noso tempo e que, teoricamente, vai destinada a un público específico, o dos nenos e nenas. Apuntei na libreta a atinada definición que Felicidad fixo da LIX: "literatura complexa de escritura transparente.
Mágoa que o coloquio, de grande calidade literaria, fose case clandestino (medio cento de asistentes, editores españoles na súa grande maioría), e tivese escasa repercusión (a pesar de contar cunha destacadísima participación galega, os medios galegos non deron noticia ningunha, se facemos a excepción da nota de Europa Press sobre o desenvolvemento da Fiera, elaborada por unha colaboradora de Kalandraka presente na feira). En Bologna só estaban presentes as cámaras de TV3 que seguían a presenza da Conselleira de Cultura da Generalitat. O fracaso organizativo do Ministerio, sendo España o país convidado, foi evidente.
As intervencións máis acaídas do coloquio foron as dos autores galegos. Tanto Marilar como Agustín brillaron, ofrecendo senllos discursos fermosos, literariamente ben construídos sobre a súa concepción da literatura infantil e xuvenil.
Marilar construíu a súa intervención arredor da idea de que as palabras descarreiradas necesitan, igual ca os soños, ser plantadas de novo para que delas agrome unha nova realidade. Explicou como palabras descarreiradas como desventura, rapaza, disidente foron o xermolo de tres das súas obras (A expedición do Pacífico, A banda sen futuro e Rúa Carbón, a novela inédita que Xerais publicará en maio), reivindicando o papel que nesas novelas realiza dos soños "o futuro non está escrito en ningures"), da memoria ("permite disolvernos da desolución da morte) e do conflito ("sermos capaces de cruzar as liñas de fronteira"). Marilar rematou a súa intervención (xenial!!!) propoñendo a necesidade de que lectora e lector asuman riscos, sen eles non se poden acadar os soños.
Pola súa banda, Agustín construíu a súa poética a partir da afirmación, "todos os meus libros están tecidos cos fíos da miña vida" e das citas de Cunqueiro, "precisamos beber soños coma quen bebe auga", "un escritor debe ter a obriga de contar a totalidade humana". A partir delas, argumentou que inventa historias nun contexto realista, nas que paradoxicamente irrompe un elemento fantástico, xa que isto permítelle profundizar na realidade ("Aquí, negro sobre branco, rexen outras leis"), rememorando o verso da premio Nobel polaca Wislawa Szymborska. A partir de aí puxo algúns exemplos dos seus libros (Aire negro, Cos pés no aire, No corazón do bosque...), reivindicando unha novela que funcione coma un iceberg, aspirando a dirixirse a lectores de todas as idades.

Marcadores: ,

2 Comments:

Anonymous Anônimo said...

http://www.lavozdegalicia.com/buscavoz/ver_resultado.jsp?TEXTO=3629430&lnk=GALEGA,AMOSA,SEU

1:21 PM  
Blogger Brétemas said...

Refírome a información específica sobre o coloquio. A noticia da Voz, interesante, quen o dubida?, foi publicada con anterioridade. Hai que agradecer o interese de Europa Press realizando unha información na propia Feira, a pesar de que fose difundida con algúns erros (non atribuibles a súa redactora) por medios galegos: trabucaron o termo "editores" por "libreiros".

9:37 PM  

Postar um comentário

<< Home