Máis sobre as feiras
Ten razón Jaureguizar que cadaquén fala de feira como lle foi nela. A do libro de Santiago, que hoxe remata, non foi para botar moitos foguetes. Nós fixemos un esforzo importante: tres presentacións (bastante concorridas todas elas, sobre unhas corenta persoas cada unha) e catro asinaturas (con maior participación de lectores do que pensabamos). Sen embargo, non quedamos satisfeitos. E non falo das vendas (que aínda carezo de datos). As instalacións continúan sendo cutres, non hai posibilidade de sentar a tomar un café e botar unha parolada, falta publicidade dos eventos e, por riba, moitos dos libreiros de fondo non están presentes.
Suspéndese a Feira do Libro de Ferrol e hai moita incerteza de que se poida celebrar a de Vigo (a praza de Compostela está en obras e Corina non ofrece un emprazamento alternativo do gusto dos libreiros). Témome que o actual modelo das feiras do libro de Galicia, organizadas en exclusiva pola Federación de Libreiros (por moitas feiras novas que se organicen en Noia ou en Monforte) están tocando definitivamente fondo. Un sinal da crise real do sector libreiro e da incapacidade de todo o mundo do libro galego de xuntarse arredor dun modelo alternativo de promoción. Comprendo aos que se queixan, mais tamén boto en falta maior enerxía e compromiso para seguir turrando deste carro.
Marcadores: Librarías
3 Comments:
non pode ser boa idea seguir o exemplo doutros países e termos unha feira do libro boa e grande na que nos xuntemos todos unha vez ao ano?
estou pensando, en concreto, no caso vasco e a súa feira de durango.
trátase de reunir esforzos de todos os actores desta peli: libreiros, editores, distribuidores, escritores e mais as administracións. e organizar aló encontros, conferencias, presentacións de libros...
que se perde a feira do libro achegada á xente? pode ser. pero eu teño para min que os habitantes das feiras do libro non son outros que os mesmos que sempre habitamos as librarías, só que todos xuntos na mesma fin de semana.
peor aínda: eu que habito as librarías de compostela paso bastante de mercar libros entre a lama da feira. prefiro a libraría de sempre a cuberto da choiva.
Estou contigo. Os editores pretendemos organizar un grande Salón do Libro e da Industria Cultural en Pontevedra con esta inención. O modelo de Durango (funciona dende hai trinta anos) para nós é un exemplo a experimentar. Haberá que darlle tempo.
o tema é que ese proxecto vaia adiante como proxecto común, non só como proxecto dos editores.
eu avogo por que os editores incluades xa nese proxecto aos libreiros e mais aos escritores.
os libreiros empezan a ver ruír o seu proxecto de feiras.
os escritores moito nos queixamos de ter unha participación subsidiaria no deseño desas feiras.
igual é o momento de empezar a tirar todos á vez deste carro. e todos para o mesmo lado.
Postar um comentário
<< Home