18.4.06

Enblogs´06

Mañá participarei no Enblogs'06 nunha mesa de experiencias, moderada por Ascárida, xunto con Monica André, Miguel Vila, Isaac Cordal, onde abordaremos a diversidade de historias que se recollen nos blogs. Para animar o debate os organizadores pedíronme que contestase este cuestionario:

Que che aportou o fenómeno blog?
–Abrín brétemas os primeiros días do ano 2005, aínda que era lector de blogs en galego con continuidade desde o verán de 2004. Asumín a escritura do blog como un reto para experimentar coas posibilidades da textualidade electrónica. Os blogs supoñen unha nova literacidade, un xeito diferente de ler e de escribir, en base as posibilidades de intertextualidade que proporcionan o seu hipertexto e a súa intermodalidade (texto, imaxes e sons). A experiencia foi para min moi satisfactoria. Lendo e escribindo nos blogs aprendín moito. Estoulle moi agradecido a todos os que forman parte das comunidades de blogueiros nas que participo polo moito que me achegaron.

Son os blogs unha moda social ou viñeron para quedarse?
–Parto do principio de que as posibilidades técnicas son posibilidades creativas. Supoño que as utilidades actuais que proporcionan os blogs se irán modificando (de feito xa melloraron nestes tres anos) e o soporte, polo tanto, transformando. Aparecerán, pois, novas posibilidades. Non vexo o fenómeno blog como unha moda e si, polo contra, como unha poderosa ferramenta de comunicación e creación intermodal. Os blogs son un dos fenómenos máis importantes da literacidade electrónica. Esta nova textualidade dixital é un fenómeno irreversible.

No ano 2005 produciuse unha auténtica explosión do número de bitácoras en galego. Cres que o fenómeno seguirá expandíndose?
–As estimacións dun milleiro de bitácoras en galego amosan a importancia do fenómeno, aínda que, se as comparamos coas existentes no conxunto da blogosfera, non deixan de ser unha pinguiña. O fenómeno blog expandirase ao ritmo da incorporación do galego a Internet e da recuperación do seu uso como lingua vehicular. Nestes dous eidos son pesimista, xa que fender esta nosa fenda dixital e a anemia normalizadora só será posible se existen políticas públicas moi decididas e enérxicas. Mágoa que ata agora isto non se vexa no horizonte.

Enriquecen os blogs a esfera pública e fomentan a pluralidade?
–Un dos grandes valores dos blogs son a súa posibilidade de proporcionar información e opinión alternativa á dos medios impresos.

Que influencias pensas que teñen os blogs na vida cultural e nos medios de comunicación?
–Os blogs están axudando a marcar tendencias e a abrir a axenda informativa dos medios impresos. No pequeno sistema literario galego xa están, dunha ou doutra maneira, influíndo.
Etiquetas: ,

Marcadores: