24.2.09
7.2.09
Astrolabio
29.1.09
17.1.09
Alema
5.1.09
O mercado dos libros en lingua galega
Carlos Callón publica unha anotación no seu blog e un artigo en Galicia hoxe sobre a situación do sector editorial en galego moi ben documentadas e atinadas. Agradécese o rigor. Beizóns.Actualización (05-01-2009): Outrosí, coa anotación de Lándoa.
Marcadores: Blogs, Comercio do libro, Edición
3.1.09
Cuarto aniversario
Repasando o que foi este cuarto ano, atopo algunhas anotacións que merecen ser lembradas. No mes de xaneiro a da recuperación dos merdeiros no entroido de Vigo; en febreiro as dúas anotacións sobre historias de fútbol rebelde; en marzo a da economía do gratuíto; en abril a da celebración do «Serán pola paz»; en maio a da lectura en pantallas; en xuño a de editores do século XXI, a raíz do manifesto de Sara Lloyd; en xullo a realizada sobre a intelixencia de Barreras; en agosto a da polémica de Steiner e o galego; en setembro a necrolóxica in memoriam de Suso Jares; en outubro as palabras de despedida de Ramiro Fonte; en novembro as quince características óptimas dun e-book e en decembro a nosa contundente denuncia dos bombardeos sionistas sobre Gaza. Creo que o vídeo do ano no blog foi o da cincenta moribunda, a crónica celeste máis auténtica foi a do escandaloso remate da pasada tempada e a beizón máis vibrante (houbo moitas) a da posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos.
A pesar de que non mo aconsellan os especialistas, decidín continuar co proveedor e deseño inicial do blog, actualizándoo só coas utilidades que considero imprescindibles, e coa da relación dos blogs que leo, xa que sigo crendo que o valor fundamental de cada un dos blog está na permanencia da voz do seu autor, é alí onde reside a credibilidade desa identidade individual de dominio público e da comunidade que crea ao seu arredor. Iso non quere dicir que desmereza o valor deses blogs lumieiras, extraordinariamente coidados e traballados para sorprendernos cada día aos lectores co seu galano.
Dende hai catro anos, a comunidade do blogs en galego ampliouse moito e hoxe xa é imposible seguir as anotacións de todos os seus membros, como intentabamos facer daquela. O que se gañou en perímetro (cinco milleiros de blogs son moitos, a verdade), perdeuse en identidade da comunidade. Hoxe son as redes sociais e as pequenas comunidades de blogs especializados tematicamente as que protagonizan aquel espírito entusiasta do primeiro blogomillo, tendencia que penso se intensificará aínda moito máis no futuro inmediato.
Aproveito esta anotación recompilatoria e de autobombo para agradecer a participación a todos os comentaristas do blog (máis de tres mil ao longo deste ano), a pesar de que nalgunhas ocasións discrepo abertamente das súas posicións, mais tamén considero que deben ser respectadas, xa que este espírito tolerante e aberto é o propio da nosa cultura blogueira. Beizóns, tamén, para os lectores e lectoras anónimos, que tantas veces me fan arroibar cando din que seguen as brétemas. Aquí continuaremos, mentres teñamos algo interesante que contar e tempo (iso é o máis escaso) para facelo, coa mesma esperanza, ilusión e humildade do primeiro día.
29.12.08
Inédito

Marcadores: Artes Visuais, Blogs
27.12.08
Suplementos analóxicos
Marcadores: Blogs, Lectura, Medios, Promoción do libro
6.11.08
«Diario Cultural», magnífico blog
Magnífico o blog do Diario Cultural da Radio Galega. Convertirase, como xa o é dende tanto tempo o seu programa diario, nun dos referentes da nosa información cultural. Os cortes das gravacións do arquivo do programa constitúen un recurso textual excelente. Beizóns para Ana Romaní e o seu equipo.Marcadores: Blogs, Blogs_e_libros
26.9.08
Que é un libro? Frankfurt 2008
A polémica sobre o carácter inédito ou édito dun texto presentado a un premio literario é outra proba do moito que está mudando o mundo da edición, as súas rutinas, usos e costumes. O debate de fondo de tantas polémicas reside na dificultade de contestar á pregunta de «que é un libro?». Leo en ediciona, un dos meus blogs de referencia sobre o debate actual sobre os futuros do libro, o que entenden por un «libro» os responsables de comunicación da Feira de Frankfurt 2008 (onde acudiremos dentro de tres semanas): «unha das varias posibilidades de procesar, circular e difundir contido. Outras vías para lograr o mesmo propósito son os sitios web, os xogos de ordenador e os arquivos de audio». Unha definición tan ampla que abre aínda moito máis o debate. Estou xa inquedo por comprobar o que ferve no eido da edición electrónica mundial, un dos temas principais deste novo Frankfurt.Rogerio Santos proporciona publica unha interesante anotación sobre o posible estatuto dos blogs na Unión Europea. Eis outro texto para afondar na polémica.
24.9.08
O premio de Eduardo Estévez
A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado:– A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos.
– O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes.
– As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso.
– No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez.
Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar.
Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).
Actualización (26-09-2008): Vieiros.
18.9.08
Desculpas
Marcadores: Blogs
16.9.08
5.9.08
A anotación de "Tio Vivo"
A experiencia desta semana arredor da anotación do pasado martes sobre a plana de "Pepe el hincha", publicada na revista Tio Vivo, foi das máis bonitas destas brétemas. Aos primeiros comentarios de Arume dos piñeiros e de Césare sobre o ano de publicación, sucedéronse diversas achegas ata chegar ás dúas de Gonzalo Vilas na que establece un data case exacta: 19 de xullo de 1964. Todas as contribucións foron tecendo a rede do coñecemento sobre o caso proposto: dende as estritamente futbolísticas, ás relacionadas co autor (o valenciano Peñarroya) ou coa editorial (Bruguera), ata outras literarias (como esoutra de Xosé Manuel González na que recorda que "Panduriño" é un personaxe secundario, con certa importancia na trama, da novela costumista de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya).Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de "Mortadelo e Filemón", da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os "simpáticos galleguiños".
Recordade premer sobre a imaxe para lela con maior facilidade.
31.8.08
Blog Day 2008
Hoxe é o Blog Day e como é adoito en semellante día corresponde recomendar cinco blogs de diversas comunidades e linguas. Aí vai a miña proposta deste ano para seguir tecendo a rede de blogs e libros:- Cadeirão Voltaire (non confundir co blog de Jaureguizar), interesante blog literario en portugués de Sara Figueiredo Costa, unha das autoras do tamén moi interesante O bicho dos livros.
- Ediciona (o blog dos profesionais do mundo editorial), blog en castelán, informadísimo sobre a actualidade do mundo da edición internacional, con atención especial ao debate sobre o libro dixital.
- Po dos livros, blog en portugués da libraría homónima de Lisboa, contén vídeos de fomento da lectura moi bos.
- La cárcel de papel (diario dun lector de tebeos), blog en castelán de Álvaro Pons, referente inescusable no mundo da banda deseñada.
- Blogtailors (o blogue da edição), blog en portugués dos autores de Extratexto, onde se pode atopar actualizadísima información sobre a edición internacional.
Marcadores: Blogs, Blogs_e_libros, Efemérides
19.6.08
2000
Nestes dous últimos anos, estas brétemas foron tamén ampliando a súa mirada temática (nada do que nos afecta podemos consideralo alleo) e reducindo o peso da crónica do noso traballo como editores de Xerais (sobre todo dende a apertura do blog da editorial, onde agora publicamos moitas das informacións que aparecían aquí). No entanto, continuamos a nosa reflexión acougada (e escasamente apocalíptica) sobre os futuros do libro (quizais hoxe o tema central de brétemas), nun momento de clara transición entre soportes, no que a primacía da calidade do contido textual é o valor principal. Continuamos tamén achegando a nosa preocupación pola participación política (singularmente en Galicia, un país que nos doe e estimula na esperanza), cando se albiscan sombras preocupantes sobre a derrota (entendida como deriva, loxicamente) da cultura da cidadanía. Temas que non nos impiden, madia leva!, desbordar a nosa subxectividade máis emotiva sobre temas futbolísticos (sen eu pretendelo, outro dos sinais de identidade do blog), onde nos sentimos menos determinados ca noutros eidos que requiren maior racionalidade.
Dende a anotación número 1000, estas brétemas recibiron máis de tres mil comentarios, o que supón unha clara redución con respecto ás mil primeiras, un fenómeno que vimos comprobando se produciu na maioría dos blogs (non só galegos). Con todo, conservamos un número de visitas que non deixa de abraiarnos e as que debemos agradecer a súa deferencia por lelas, enmedalas e criticalas. Seguimos crendo que a razón de ser dos blogs, destas identidades individuais de dominio público, no marco da nova web 2.0 (non sei se debe dicirse 3.0), reside en compartir informacións, reflexións, opinións, lecturas, películas, cancións, saudades, cabreos, risas ou momentos de beleza... entre amigos e amigas. Nesa angueira, seguiremos mentres teñamos acougo e azos.
Marcadores: Blogs, Internet, Literacidade, Persoal
28.5.08
Blogs e lectura
17.5.08
Poesía contra a ignorancia
Hoxe, 17 de maio de 2008, data na que homenaxeamos a don Xosé María Álvarez Blázquez, poeta resistente e editor popular galego do Moucho, continuando a iniciativa dos Blogues pola lingua, reproducimos o poema "Deitado fronte ó mar", de Longa noite de pedra do seu amigo o poeta Celso Emilio Ferreiro. Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...
Marcadores: 17_de_maio, Blogs, Lingua
15.5.08
Blogues polas lingua
Adherímonos á rede de Blogues pola lingua e ao contido do seu manifesto. Neste momento xa hai máis de oitenta adhesións. Animo a tecer esta rede de traballo compartido en defensa da lingua de todos e todas.Marcadores: Blogs, Iniciativas, Lingua
10.4.08
Xerais blog
Dende hai unha semana estamos desenvolvendo unha versión beta do primeiro blog da editorial. A nosa intención é utilizalo como soporte de comunicación de noticias, presentacións e novidades e de participación dos lectores e lectoras. Pretendemos, ademais, utilizar algunhas das utilidades que nos proporciona a ferramenta para publicar algúns monográficos. Unha vez consolidado e mellorado este primeiro modelo, queremos abrir outros blogs especializados no ámbito educativo e de fomento de lectura. Cremos que esta rede de blogs debe ser o eixo da nosa comunicación editorial na rede.




