23.9.06

Enrique X. Macías: II. Achegamento a un currículum artístico

Enrique X. Macías naceu en Vigo en 1958 e faleceu na mesma cidade en novembro de 1995, con apenas 37 anos. De formación musical autodidacta, participou de 1980 a 1984 nos cursos de verán de Darmstadt, cunha bolsa do Instituto para a Nova Música desta cidade alemá. Foi compositor residente nos estudos de música electrónica da Radio Finlandesa (Helsinqui, 1981) e da Academia de Música de Cracovia (Polonia, 1982), así como compositor convidado do Instituto de Sonoloxía de Utrecht (Holanda, 1985), do Groupe de Recherches Musicales de París (INA/GRM, 1986 e 1988) e do STEIM de Ámsterdam (Holanda, 1988). Tamém traballou no Espace Musical de Paris (1987 e 1988). En 1992 participou no curso de verán para compositores no IRCAM en París.
Entre os premios obtidos cóntanse os seguintes: Tribuna Internacional Gaudeamus (Holanda, 1981 e 1984); “Cristobal Halffter” de composición (1983); primeiro premio do concurso de composición da Joven Orquesta Nacional de España (1984); mención honrosa do concurso internacional de composición “Fernando Pessoa” (1985); Tribuna de Jóvenes Compositores da Fundación Juan March (1983 e 1987); segundo premio do concurso de composición da Sociedade General de Autores de España (1987). Representou a España na Tribuna Internacional de Compositores da UNESCO (París, 1985).
Recibiu encargos de: Radio Nacional de España, Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa, Radio Finlandesa, Ministerio da Cultura Español, Círculo de Belas Artes de Madrid, Groupe de Recherches Musicales de París, Centro para la Difusión de la Música Contemporánea de Madrid, Festival Antidogma de Torino, Universidade de Santiago de Compostela, Radio France, Centro Galego de Arte Contemporánea, Concello de Vigo, Orquestra Sinfónica da Galicia, Ensemble TM+, Festival Música Viva e Festival Internacional de Música de Canarias.
A súa obra foi gravada para as máis importantes radios europeas (RNE, RAI, Radio France, NOS, Radio Finlandesa, ...); así como programada en importantes festivais e tribunas internacionais: Bienal de Venecia, Festival Antidogma de Torino, Semana Internacional Gaudeamus da Holanda, Encontros Gulbenkian de Música Contemporânea, Festival de Música Experimental de Bourges, “Perspectivas do Século XX” de París, “Tage für Neue Musik” de Zürich, “Cicle Acousmatique” do INA/GRM de Paris, Tempada do Ensemble 2e2m de Champigny, “Salzburger Kulturtage”, Festival de Xenebra, serie “Musique du XXème Siècle” da Radio France, “Let us know the names” da Unión Europea de Radiodifusión, Almeida Theater / London Sinfonietta, Festival Música Viva, CGAC de Santiago de Compostela, Festival Internacional de Música de Canarias…
A discografia completa de Enrique X. Macías, totaliza catro elepés e cinco cedés.
Os catro discos de vinilo inclúen as seguintes obras: Impromptu I (incluído máis tarde na Sonata para piano) por Roberto Bollea; Langsam e Portrait du Matin en edicións do Círculo de Belas Artes de Madrid, e Tránsito nunha edición da SGAE.
Os cinco cedés, tres deles monográficos e editados por Miso Records (Portugal), inclúen as obras: Nobilissima Visione II / Postludios, Cadencias e Interlúdios / Percurso I (Miso Records 1993); Iubilæum, La Chambre dans l'Espace, Sonata para piano (Miso Records 1993); Duplo e Exequias (Miso Records 1994). Os outros dous inclúen outra versión da obra La Chambre dans l'Espace e Les Adieux (11ºFestival Antidogma, 1989)
Actualmente atópanse em preparación outros dous discos compactos monográficos de Enrique X. Macías, un deles da responsabilidade da editora Col Legno (Alemaña), que incluirá as obras Clamores y Alegorias, La Lyre du Désert e Alias, e outro da responsabilidade da Miso Records que incluirá Itinerario de Luz e Estrofas / Antistrofas entre outras.

Marcadores: