16.4.07

Campo do Fragoso XXXVIII

O VALOR DOS ABRAZOS
Despois de celebrado o derby e recuperado, por fin, o ansiado vieiro das vitorias, teño claro que o principal problema do Celta non é tanto a calidade do seu xogo como a de recuperar o equilibrio anímico perdido tras seis meses de derrotas. Fernando Vázquez, un técnico honesto e celtista de corazón, a quen temos que agradecer dúas magníficas tempadas, porén, non soubo este ano xestionar este aspecto emocional na súa relación co cadro de xogadores nin moito menos coa maioría dos afeccionados. Velaí, no eido das emocións, onde se produciron as principais mudanzas de Stoichkov, quen cos seus brazos abertos e o seu entusiasmo desbordado conseguiu que a confianza, o orgullo e a alegría volvesen ao terreo de xogo e, sobre todo, ás desanimadas bancadas. Stoichkov introduciu lixeiras modificacións no conxunto habitual, colocando a Nené polo centro, como acompañante na punta de Baiano, e distribuíndo máis xogo polas bandas. No entanto, as maiores mudanzas estiveron na actitude dos xogadores que, dende o comezo, encararon con afouteza, rapidez e determinación a portería dun moi pachorrento Coruña, que agardaba atopar a fenda do decaemento anímico celeste. Durante a primeira parte o Celta chegou cunha facilidade apabullante, mais, como é adoito, non conseguía finalizar con éxito. Venturosamente na reanudación, cando o Coruña comezaba a controlar o tempo de xogo, Baiano matou unha pelota precisa dende a esquerda dun activísimo Gustavo López. Co marcador por diante, Stoichkov non se arredrou unha miga e meteu a Bamogo para conseguir maior capacidade de contraataque. Así, os emocionantes minutos finais, co Coruña empurrando con auténtico perigo, foron unha festa nas bancadas. O derby demostrou que o Celta, se é capaz de recuperar a autoestima, ten xogo abondo para manter a categoría. Polo momento o valor dos abrazos de Stoichkov serviu para superar a primeira final.
Etiquetas: Celta

Marcadores: , , ,

5 Comments:

Blogger Veloso said...

E que lle pareceu o xogo de Tamas? Creo que, por primeira vez en toda a tempada, fixo un bo partido.
Unha pregunta, Brétemas, para os que só puidemos ver o partido por televisión: Houbo algún detalle da bancada con Fernando Vázquez?

9:43 AM  
Blogger Brétemas said...

Veloso:
ningún. Todas as beizóns foron para o búlgaro.

10:47 AM  
Blogger Manuel Ángel Candelas Colodrón said...

Amigo Brétemas:
Non lle molestan, cada vez máis, os berros de P Coruña, P Riazor? Ou ver alí metidiños naquel recuncho aos Riazor Blues?
Por outra banda, cánta razón ten vostede. No fútbol o corazón é un músculo co que hai que contar. E o de Fernando xa tiña maniotas despois de estiralo durante estas dúas tempadas magníficas.

11:27 AM  
Blogger e dalle! said...

Temos visto en Balaídos partidos moito mellores pero con menos sorte, porque o gol de onte, a verdade é que foi sorte,que tanto necesitábamos, pero a fin e ao cabo moita sorte síguese a fallar igual que antes pero o Depor foi penoso, e xa o dixo Fernando si baixamos é culpa del se nos mantemos é gracias a Stoichkov, enfin ... é fútbol

2:33 PM  
Anonymous Anônimo said...

non podo evitar terlle manía aos vigueses polo mal q trataron sempre a fernando vázquez. se descenden non hei lamentalo, síntoo moito.

5:42 PM  

Postar um comentário

<< Home