22.2.09

Campo do Fragoso LXXII

RIDÍCULO
O Éibar gañou con todo merecemento e autoridade a un Celta ridículo, sen corazón nin cabeciña ningunha, un equipo o noso que hai un mes perdeu o horizonte do seu soño. Tras seis partidos sen coñecer a vitoria, anotando na táboa clasificatoria só dous puntos de dezaoito posibles, o equipo de Pepe Murcia descartouse onte de forma definitiva das candidaturas ao ascenso, colocándose na perigosa desputa dos postos de descenso a segunda división B. A de onte foi unha noite importante para os apenas cinco mil celtistas que contra vento e marea resistimos en Balaídos. Tras a primeira media hora de xogo, cando afogando ao Celta no medio do campo os eibarritarras bailaron os nosos até deixalos en completo ridículo, comprendimos que estabamos asistindo á cerimonia do definitivo fracaso da tempada e, por ende, do proxecto deportivo acuñado por ese nefasto personaxe para o celtismo chamado Ramón Martínez, responsable primeiro da confección dun cadro de xogadores moi frouxo e desequilibrado e da contratación dun adestrador que xornada a xornada demostra non estar á altura técnica que precisa un club que pretende ascender a primeira división. Foi, outra vez máis, a entrada no terreo de xogo de Trashorras no minuto trinta e dous da primeira parte a que permitiu que os celestes gañasen o control da pelota e os dianteiros comezasen a visitar a área vasca. A piques de rematar a primeira parte, Ghilas, moi desafortunado e nervioso, non soubo aproveitar en dúas ocasións senllos magníficos servizos de Dani Abalo e Dinei. Porén, o Éibar tivo a fortuna de abrir o marcador dous minutos despois de comezada a reanudación, grazas a un golazo de Carlier que soubo aproveitar un fallo garrafal de Trashorras. Mais a xogada clave do encontro chegaría só uns minutos despois, cando Ghilas errou no lanzamento dun penalti cometido contra David Rodríguez. Antes do lanzamento, como sucedera tamén hai quince días fronte ao Castelló, o arxelino, Trashorras e David Rodríguez litixiaron sobre quen debería facelo, liorta vergonzosa que amosa a total falta de autoridade e criterio do técnico. Desaproveitado o penalti, os celestes quedaron noqueados, dominaban sen chispa e sen convicción de obter a remontada, febleza que aproveitou Sutil convertindo unha formidable volea, moi aplaudida polos afeccionados galegos, que deixou sentenciado o encontro. A partir dese momento, consumouse o divorcio dos seareiros co equipo, especialmente co adestrador, que recibía estrondosos asubíos solicitando o seu cese. Pouco importou que faltando tres minutos, David Rodríguez conseguise marcar, cando xa ninguén acreditaba nas posibilidades nin sequera dun empate. O ridículo, e a vergonza que nos fai pasar cada semana este Celta de Mouriño e Ramón Martínez, é infinito. Seguimos co pesadelo.

Marcadores: , , ,

9.2.09

Campo do Fragoso LXXI

DESILUSIÓN
Na matinal de onte o Castellón gañou cos maiores merecementos a un Celta que volve dirixir a súa faciana cara o abismo. Nas últimas tres semanas os celestes obtiveron apenas un punto de doce en xogo, malogrando o esforzo da súa difícil remontada outonal e afastándose moito (non sabemos si xa definitivamente) das prazas clasificatorias onde é posible soñar, as únicas nas que os celtistas queremos ver ao noso equipo. Despois de partidos tan decepcionantes coma estes catro pasados medra a nosa convicción de que os maiores problemas deste Celta da Concursal non son só os económicos, senón tamén aqueles referidos a súa pobre dirección técnica, tanto a dos despachos de Praza de España como a do banco de Balaídos. O Celta debe ser o único equipo das categorías profesionais que deixa fóra por razóns técnicas a maior parte dos seus xogadores extracomunitarios, a todas luces, coa honrosa excepción de Dinei, fichaxes fallidas do actual director deportivo celeste. Outrosí sucede no banco do estadio, onde Pepe Murcia amosa cada domingo as súas enormes limitacións tácticas e escasa intuición para xestionar os partidos. O Celta debe ser, tamén, o único conxunto desta igualadísima competición de segunda división que sistematicamente deixa fóra do equipo inicial ao seu xogador de mellor toque e calidade técnica (Trashorras); como, tamén, debe ser un dos poucos conxuntos que emprega idéntico esquema (4-4-2) para todos os partidos, tanto ten que sexa local ou fose visitante. Toda unha lección de torpe e desesperante terquedade á que nos ten afeitos o noso actual adestrador. Con este mesmo guión discorreu, liña por liña, o encontro fronte a Castellón, un equipo moi xeitoso que viña con esta lección ben aprendida. Abondoulle para controlar o partido adiantar a súa defensa e concentrar xogadores na mediana, realizando dende alí un traballo brutal de presión que asfixiou aos de Murcia que non atopaban outra solución que guindar puntapés imprecisos sobre Dinei e David Rodríguez. Froito deste esforzo posicional os castellonenses tiveron a súa primeira oportunidade de marcar transcorridos sete minutos, que axiña souberon concretar un cuarto de hora despois. Atado por semellante presión, cun Oubiña aínda en rodaxe e cuns extremos onte moi desafortunados, o Celta naufragou desentendéndose do coidado da pelota. Houbo que agardar á entrada de Trashorras, tarde, moi tarde, cando o marcador xa sinalaba 0-2, para que o equipo gañase en sentido de xogo e comezase a crear ocasións de perigo. Porén, xa non había tempo para a remontada, mais aínda cando pouco axudaba a pésima arbitraxe. Esta clara derrota anuncia que o camiño da segunda división pode ser moi longo. A desilusión volve a bancada.

Marcadores: , , ,

19.1.09

Campo do Fragoso LXXX

TOQUE TRASHORRAS
O sábado á noite houbo que agardar oitenta longos minutos para que a ledicia do gol comparecese en Balaídos. Foi a entrada de Trashorras no campo, nese momento, a que permitiu que a súa primeira intervención fose botar unha falta, dende a banda dereita, cun toque tan preciso e ben medido que permitiu a Michu cabecear á escuadra con enorme facilidade. Un gol, unha xogada gañadora a balón parado, que desfacía un nobelo moi ben tecido, ata entón, polo colista diante dun Celta moi disperso e un pouco pasota. Murcia recuncou co seu tan exitoso esquema de dous dianteiros e dous extremos, dándolle entrada no medio centro a Oubiña. Se desta volta o seu esquema non funcionou coa eficacia doutras ocasións, se debeu a que foron outros os xogadores que o ensaiaron. Nin Maris nin Ghilas (que substituíu a Dinei, lesionado xa nos dez primeiros minutos) souberon en momento ningún moverse nin colocarse ao ritmo que sinalaban os extremos e laterais nin aproveitar as clarísimas oportunidades proporcionadas polos desbordes e centros de Dani Abalo, onte, con moita diferenza, o mellor xogador sobre a lameira. Ocasións malogradas polos dous dianteiros celestes que, durante o comezo da segunda parte, cando o Celta comezou a apretar, fixeron temer á bancada polo propio resultado, xa que apuparon aos mozos sevillistas a realizar un par de contragolpes con finalizacións notables, salvadas in extremis por san Notario. Porén, as entradas, avanzada a segunda parte, de Michu –substituíndo a Borja Oubiña, quen ao longo do encontro demostrou estar aínda lonxe do seu mellor punto– e logo de Trashorras (que saíu por un Óscar Díaz, antonte pouco afortunado) liquidaron as posibilidades dos filiais que tras o primeiro gol galego se foron derrubando. O segundo gol dos nosos, xa case co tempo vencido (cando a bancada celebraba a manciña do Barsa anunciada no marcador), naceu dunha contra pola esquerda levada por Roberto Lago e Ghilas que o arxelino transformou en gol, grazas a unha parede desequilibrante de Trashorras. A entrada fulgurante do de Rábade, obrigado polo esquema táctico do adestrador a estar máis tempo no banco dos suplentes ca no terreo de xogo, demostra que no fútbol apenas dous toques precisos abondan para darlle sentido a este fermoso xogo colectivo. O sábado en Balaídos a calidade de dous futbolistas galegos, Dani Abalo e Roberto Trashorras, transformou un encontro aburrido e envurullado nunha vitoria decisiva que permite ao Celta continuar seguro a súa traxectoria cara o territorio dos soños, que se enxerga cada vez con maior claridade. Cun chisco de fortuna este Celta pode completar unha esperanzadora primeira volta.

Marcadores: , , ,

5.1.09

Campo do Fragoso LXIX

BENVIDO OUBIÑA
Todo o encontro co magnífico Hércules foi moi desputado e igualado. Se ben na primeira, os dous conxuntos acusaron os efectos da paradiña do nadal, a segunda parte foi excepcionalmente competida e emocionante ata o seu derradeiro minuto. Os alacantinos xa avisaron no primeiro cuarto de hora, cun xute perigoso dende fóra da área de Taborda, que non viñan a Vigo a pecharse diante da súa área, querían a vitoria para coller o liderado. Durante toda a primeira parte sucedéronse os ataques visitantes, aínda que as mellores oportunidades de gol foron celestes, grazas, sobre todo as subidas polas bandas de Abalo e Óscar Díaz, cada vez máis atrevidos nas súas evolucións. O partido rompeu tras o descanso xa que o Celta marcou na xogada do saque do centro, cando apenas transcorreran quince segundos. Dinei enviou longo sobre David Rodríguez para que este dun xute cruzado abrise o marcador. Cun gol no peto, o Celta animouse a resolver o partido, o que conseguiu Óscar Díaz de forma espectacular aproveitando un polémico roubo de balón de Dinei na liña de fondo. Co marcardor tan adverso e faltando aínda media hora, os do galego Mandiá non deron o partido por perdido e empurraron con moita afouteza, aseñorearon o xogo e acurralaron ao Celta diante da meta de Notario. Froito deste esforzo chegou o gol de Rubén Navarro, tras unha combinación de ata catro dianteiros, outro de Taborda (anulado por “fóra de xogo”) e varios remates de Tote que Notario salvou de forma asombrosa. Nestes minutos finais, angustiosos para os celestes e para a bancada, as saídas de Trashorras, Oubiña e Noguerol axudaron a recobrar alento e conter a avalancha herculina. Felizmente, os nosos souberon resistir e mesmo tiveron oportunidade de aumentar o marcador, durante o desconto, grazas a un xute formidable de Trashorras que pegou no pao. En definitiva, a bonita matinal de onte déixanos tres puntos e dúas excelentes noticias. Primeira: a fórmula que ensaiou Pepe Murcia fronte ao Zaragoza de xogar con dúas puntas e dous extremos profundos demóstrase que é moi competititva para esta segunda división; este fútbol máis directo e sinxelo (quizais, tamén, menos elaborado e vistoso) facilita vitorias que, amodiño, van colocando ao Celta no espazo dos soños. Segunda: tras unha dificilísima travesía do deserto en solitario e durante quince meses, Borja Oubiña debutou esta liga en Balaídos e demostrou, en apenas dez minutos, que volve ser futbolista decisivo, xa que cada vez que toca a pelota, o Celta é un equipo con sentido e maiores argumentos de xogo colectivo. Este regreso de Borja pode axudar moito a acelerar a esperanzadora traxectoria que o equipo veu collendo nos últimos meses.

Marcadores: , , ,

14.12.08

Campos do Fragoso LXVIII

AUTOESTIMA
A merecidísima e clara vitoria de onte fronte ao poderoso Zaragoza, con toda seguridade o máis claro favorito ao ascenso, serve ao Celta para recuperar a autoestima perdida nas Palmas e para volver engancharse no territorio dos soños, o único onde os esforzados seareiros celestes queremos velo disputar esta competición de segunda división. Sorprendeu Pepe Murcia cun cambio radical do seu esquema habitual, apostando por un novidoso 4-4-2, no que David Rodríguez acompañaba na punta ao goleador Dinei e Dani Abalo e Óscar Díaz subían descarados polas bandas. A aposta do adestrador celeste tivo un éxito rotundo. No primeiro cuarto de hora –cunha saída fulgurante e arrolladora, onde os dianteiros nosos tiveron até catro ocasións de gol (a primeira de David Rodríguez, unha man a man co porteiro, nada máis comezar o partido)–, como case durante todo o encontro, o Celta amosou un ritmo, unha intensidade, unha verticalidade e unha colocación sobre a lameira excelentes. Non se notaron as ausencias de Trashorras e Ghilas (até agora as nosas referencias máis creativas), nun conxunto ben construído dende a defensa, onde o traballo extraordinario de Ariel Rosada, axudado por Michu, proporcionaba seguridade e magníficas recuperacións ofensivas. No entanto, o Zaragoza, mediada a primeira parte, conseguiu espertar e nun dos seus ataques Ewerthon enviou ao pao un xute dende a central da área, que deixou a bancada sen alento. Foi a mellor e case única oportunidade aragonesa. O partido, até entón, moi entretido polo afán atacante dos dous equipos, entrou nunha fase aburrida, que beneficiou as aspiracións célticas. Tras o descanso, coincidindo coa chegada do ballón, Rosada aseñorou o encontro, cunha visión do xogo incriblemente intelixente e un sacrificio na presión extenuante. Cos vimbios desa disciplina fabricouse o primeiro gol galego, un xute contundente de Dinei, dende fóra da área que entrou pola escuadra, tras un oportuno servizo de tacón do xenial Rosada. Co marcador adverso, un Zaragoza desconcertado adiantou liñas e atacou irreflexibamente até con cinco xogadores que se esnafraron diante dunha defensa céltica que non perdía a súa orde e tampouco renunciaba a dirixir o contraataque. Maris, que substituíu a Rodríguez, puido sentenciar, tras un peiteado de Dinei. Mais foi o arousán Dani Abalo quen, ao primeiro toque, soubo aproveitar unha parede de Dinei para pechar o marcador. Esta vitoria, tan ben construída dende a disciplina de todas as liñas celestes, aumenta considerablemente a fortaleza emocional do equipo. Algo, até agora, excepcional que hoxe celebramos co maior entusiasmo.

Marcadores: , , ,

17.11.08

Campo do Fragoso LXVII

MURALLA
A pesar do empate raquítico fronte á muralla vallecana, do partido de onte podemos tirar, canto menos, dúas conclusións positivas: a primeira, o Celta leva xa dous meses sen perder na competición ligueira, grazas a que vai fortalecendo a súa liña defensiva (até agora o seu punto máis feble); e, segunda, os seareiros celestes comezan, aínda que sexa timidamente, a volver ás bancadas de Balaídos (a de onte foi a mellor entrada da tempada). No entanto, este empate sen goles foi un resultado insatisfactorio para os méritos que os de Pepe Murcia fixeron sobre a lameira. Tras unha saída entusiasta dos celestes, que conseguiron nos primeiros minutos senllas chegadas perigosas de Michu e Ghilas, o Rayo Vallecano tivo o mérito de adormecer o encontro, apagándoo e afeándoo nunha batalla táctica no medio do campo, onde os seus pivotes paraban de forma expeditiva calquera das iniciativas de creación dos nosos. Semellante pasividade atacante vallecana contaxiou aos celestes durante un bo treito da primeira parte. O xogo embarullábase coma nun labirinto no centro o terreo e apenas Dinei conseguiu nunha ocasión xutar con perigo na área, Ghilas e Óscar Díaz (que abandonou o campo mancado no minuto 37 e foi substituído por Danilo) realizar un par de desbordes e Fabiano centrar nunha ocasión dende a súa banda. Tras o descanso, diante da desesperante actitude contemplativa dos madrileños, os celestes incrementaron de forma moi decidida o seu ritmo e empurraron ás dúas liñas da muralla vallecana (moi ben colocada sobre a súa área). Grazas a este dominio case absoluto (os vallecanos só aspiraban a que se producise un erro defensivo galego e poder montar un contrataque, feito que nunca aconteceu) o Celta dispuxo de dúas clarísimas oportunidades para facerse co encontro: un cabezazo de Dinei rematando un saque de recanto (que vimos dentro) e, sobre todo, a mellor xogada do partido, unha gran entrada de Ghilas pola banda dereita, o seu centro posterior, ao que non chegou por milímetros Dinei, e o conseguinte rexeite defensivo que un desacertado Danilo, a porta baleira, guindou ás bancadas de Marcador. Nos minutos finais, a pesar da insistencia do ataque celeste, a muralla vallecana foi imposible de franquear. Con este pobre resultado, o Celta abóase á estratexia da goma que coñecimos o pasado campionato: cando semellaba que podía enganchar tres vitorias consecutivas (e colocarse, así, preto das posicións de ascenso), dá un decepcionante paso atrás. Con todo, para non perder esperanzas, quedémonos coa solidez defensiva do conxunto e coa magnífica actitude atacante da segunda parte.

Marcadores: , , ,

3.11.08

Campo do Fragoso LXVI

O CELTA MÁIS GALEGO
Ao Celta abondoulle unha magnífica primeira parte para vencer con claridade ao Salamanca, o actual líder deste frouxísimo campionato de segunda división, consolidando paseniño a súa remontada na táboa clasificatoria e a súa serie de nove partidos oficiais sen coñecer a derrota. Unha boa noticia. Arrincou este Celta, o máis galego que recordamos en moito tempo (cinco xogadores no cadro inicial), moi concentrado e presionante, interferindo dende o medio centro as liñas de pase do rival, que non conseguía dar dous pases con xeito. Ademais, no primeiro cuarto de hora, as subidas polas bandas do magnífico Dani Abalo (moi ben apoiado por un, afortunadamente, recuperado George Lucas) e de Ghilas crearon varias ocasións de perigo. Pouco despois, un bo pase interior de Trashorras permitiu a Dinei realizar un centro con moita rosca que un defensa, tratando de despexar, axudou a introducir na súa propia meta. O gol apupou aos celestes que continuaron co control do xogo durante outro cuarto de hora, para, logo, embarullarse no centro do campo ata o descanso. Porén, a segunda parte foi maliña, aburrida ao comezo e moi agobiante ao remate. Os visitantes, que ata entón non foran capaces de chegar en ocasión ningunha á área céltica, adiantaron un chisco as súas liñas e aseñorearon o encontro, o que motivou un repregue ultradefensivo celeste, ordenado polo seu medroso adestrador. Aínda que as numerosas chegadas salmantinas nunca tiveron perigo (semellaba incomprensible que este equipiño encabezase a clasificación), a inquedanza foi progresivamente aumentando na bancada, sobre todo, no comezo do derradeiro treito do partido, cando Roberto Lago foi expulsado por unha parvada de colexial, e os nosos quedaron en inferioridade numérica. A oportuna entrada de Óscar Díaz proporcionou o alento e a mordacidade da que carecían os célticos; un seu espectacular longueirazo, realizado en carreira e dende trinta metros, puido acougar o partido. Os cinco minutos de desconto foron infartantes, un pasacorredoiras no que a pelota circulaba coma tola dunha a outra área. Foi entón cando apareceu Trashorras, un xogador tan xenial coma aparentemente indolente (promete crear a inevitable polémica dos xogadores descontinuos que agachan no pé unha luva), que enganchou un balón no aire, dende fóra da área, e o enviou coma un misil entre a cruceta dos paos. Magnífico! Un dos mellores goles que temos visto nos últimos anos en Balaídos. Abandonamos o estadio cantando «Miña terra galega», o himno de Siniestro Total (todo un acerto do novo locutor), con esperanzas renovadas. Nesta segunda, todo está moi aberto.

Marcadores: , , ,

14.9.08

Campo do Fragoso LXV

DEPRIMENTE PECHACANCELOS
Tras esta nova derrota, xa non temos dúbidas: este Celta de Pepe Murcia e Ramón Martínez é un equipo moi frouxiño, sen intensidade anímica ningunha, sen unha concepción orixinal e áxil do xogo e, o peor de todo, sen vimbios de calidade suficientes que permitan albergar esperanza ningunha. A moitos seareiros puideron parecerlles inoportunas ás declaracións realizadas durante a semana polo indolente adestrador andaluz; mais, sufrindo o xogo deprimente que realizaron os seus pupilos onte na lameira de Balaídos, debemos recoñecer que eran absolutamente realistas e sinceras: “o obxectivo deste Celta non é o ascenso” porque, desgraciadamente (aos pésimos resultados hai que aterse) a súa única aspiración é intentar non desaparecer como club. O partido fronte ao Nastic de Tarragona, mui ben dirixido polo ex-céltico Jandro (el só toleou a todos os nosos centrocampistas e defensas), foi un novo episodio dun pesadelo que, agora con novos protagonistas, se ven repetindo ao longo do último ano. Na primeira parte, os celestes dominaron o encontro e estragaron as súas oportunidades. Dani Abalo fixo un par de boas internadas pola súa banda que non atoparon remate, Ghilas outra moi perigosa (que puido ser penalti) e Trashorras un lanzamento lonxano (que semellaba gol). Aí rematou o noso perigo. A segunda foi toda dos cataláns que deron un auténtico baño aos galegos. Coa lección ben aprendida do anterior partido co Girona, deixaron que o Celta marease a pelota con escasa profundidade, á esculca da oportunidade de destrozar co seu contraataque a un equipo que sabían que cando recibise un tanto se desfaría coma un xeado. Así foi punto por punto. Xa aos catro minutos da reanudación tiveron unha oportunidade enorme, que cinco minutos despois o velocísimo Dipo xa non desperdiciaría. Co marcador en desavantaxe, e como sucedera hai dúas semanas, Murcia tardou case vinte minutos en reaccionar e introducir os seus trocos. A pesar de que Dinei (substituíu a un nulo David) rematou nunha ocasión ao longueiro e Noguerol (o mellor dos celestes) subiu algunhas boas pelotas á área, o encontro quedou con todo o peixe vendido cando no minuto corenta N’Gal batiu a Notario. A preguiza coa que Pepe Murcia dirixiu o encontro amosa que se sabe fugaz ave de paso. Quizais, durante algunhas xornadas, as estreiteces da lei concursal o poidan salvar, mais tal como van as cousas (o Celta despois de moitos anos está de pechacancelos) semella a pé feito que lle corresponderá a Alejandro Menéndez, o actual adestrador do Celta B intentar dirixir a remontada.

Marcadores: , , ,

2.9.08

TioVivo


O amigo Fausto Isorna envíame esta páxina recuperada de TioVivo. Non ten desperdicio.

Pode lerse máis comodamente premendo sobre a imaxe.

Actualización (16:00 horas): Arume dos piñeiros e Cesare preguntan sobre a data de publicación desta portada de TioVivo, sen dúbida, unha cuestión moi importante para sacarlle ao texto e ao contexto (sociolingüístico e identitario) máis miga. Os datos que atopei son os seguintes:
– A revista TioVivo comezou a publicarse semanalmente en 1957 promovida por un grupo de historietistas da editorial Bruguera (entre eles Peñarroya, o autor desta portada), agrupados na Cooperativa D.E.R. (Dibujantes Españoles Reunidos). A partir de 1961 foi adquirida por Bruguera que iniciou unha nova numeración. Entendo que esta plana corresponde a esta segunda etapa. Sendo a numeración da plana que reproducimos, 176, o ano previsible da súa publicación debería ser 1964.
– A empregada galega recórdalle a Pepe "El Hincha" que Luisito Suárez e Amancio son os mellores xogadores do mundo. Recordemos que Amancio Amaro, o memorable extremo do Deportivo da Coruña, fichou polo Real Madrid (formando parte da selección española que en 1964 gañou o campionato europeo) en 1962 e Luis Suárez (quizais o mellor xogador galego de todos os tempos), fichou polo Barcelona en 1953 e logo polo Inter en 1961. Outra referencia a un futbolista galego na plana é a de Pahiño (o afouto goleador de Navia, fichado polo Real Madrid ao Celta no ano 1948).
– Cruzando esta información, semella que é verosímil afirmar que esta plana de TioVivo está datada en 1964, un ano no que competiron en primeira división o Pontevedra (liga 1963-64) e o Deportivo da Coruña (liga 1964-65), ambos os dous descendidos ao remate de senllas tempadas. Razón pola que ese simpático "Panduriño", apupado pola empregada, podería ser o Pontevedra ou o Deportivo da Coruña.

Marcadores: , ,

31.8.08

Campo do Fragoso LXIV

MAL COMEZO
Tras as boas sensacións da pretempada tiñamos fundadas esperanzas en que este Celta refundado na concursal comezaría a liga de forma ilusionante e axiña nos faría esquecer dous anos de pesadelo. Porén, este Celta do trinque (no que só permanecen dous xogadores da tempada pasada no primeiro equipo titular, o capitán Rubén e o medio centro destrutor Rosada) amosouse aínda moi inmaduro e absolutamente incapaz de superar a un equipo tan ben estruturado como o Girona, o recén ascendido que noqueou na fase de ascenso ao Pontevedra e permaneceu invito na pasada tempada regular de 2º B. Foron os cataláns un óso demasiado duro de roer para un equipo aínda en construción, como é o de Pepe Murcia, máis obsesionado por manter o axuste do seu debuxo táctico e o control do xogo ca en procurar situacións de vantaxe e de perigo na área rival. Dende o inicio, os de Raúl Agné agardaron polos celestes diante da frontal da súa área onde, coa excepción dun par de internadas polas bandas dun magnífico e descarado Dani Abalo (o canteirán foi o mellor dos célticos) e dunha moi boa galopada de Óscar Díaz, finalizaban as lentísimas combinacións dirixidas dende o centro por Trashorras, o único mediocampista dos nosos con certa capacidade creativa. Unha e outra vez as tenues subidas celestes quedaban afogadas alí pola intensidade defensiva catalana que aproveitaba as súas recuperacións para despregar perigosos e veloces contraataques que supuxeron un par de clarísimas oportunidades malogradas in extremis por Notario, o novo gardarredes céltico. Tras a reanudación, apenas variou este panorama ata que no minuto dezaoito un erro fatal nun despexe dentro da área celeste de Óscar Díaz facilitou que o Girona marcase a pracer o seu gol. Entón, Pepe Murcia non soubo reaccionar; desconcertado agardou un cuarto de hora para introducir, entón á desesperada, toda a súa artillaría ofensiva, un feito que apenas intimidou a un Girona xa cada vez máis seguro e dominador do partido. Ademais do sabor agre desta primeira derrota e da preocupante incapacidade rematadora amosada por todos os novos atacantes celestes (tanto Ghilas, David como Dinei estiveron a un baixo nivel), o encontro deixou algunha escintilación de esperanza, sobre todo polo bo comportamento dos dous centrais galegos (Rubén e Noguerol estiveron impecables) e polo perigo creado por Dani Abalo na súa banda, ao que contribuíu o seu bo entendemento con Trashorras. Agardabamos moito máis. Un pobrísimo balance para un mal comezo do proxecto de Pepe Murcia.



A completísima reportaxe fotográfica do partido é de Javicelta. Obrigado.

Marcadores: , , , ,

12.7.08

Kamel Ghilas, novo dianteiro do Celta


Procedente do Vitoria Guimarães chega ao Celta Kamel Fhati Ghilas, un atacante versátil (principalmente de banda esquerda) internacional arxeliano con pasaporte francés. Ghilas xogou tres tempadas na liga francesa co Cannes e logo pasou á liga portuguesa. O máis sorprendente é que parece estivo na axenda do Arsenal de Wenger. Alguén pode explicar como é posible que un xogador polo que na primavera pasada se pedían 1,75 millóns de libras polo seu traspaso, cun equipo clasificado para a previa da Champions pode chegar libre ao Celta da concursal e fichar por tres anos? Semella cousa de meigas. No vídeo poden verse algúns dos seus goles co "Eurovitoria": "tres preciosos tantos" para o locutor portugués. Semella unha boa fichaxe este compatriota de Zidane. Ghilas (autodenominado "o fenómeno alxerino") ten aberto este blog.

Marcadores: , ,

6.7.08

Salvemos o Celta!

Esta paréceme unha iniciativa oportuna. Velaí dous parágrafos do manifesto apoiado por celtistas de todas as condicións:
"O Celta é máis que unha Sociedade Anónima Deportiva. É algo máis que un nome, é un sentimento en algo que para algúns tan só é un deporte de masas, pero que a nós, celtistas, levanos a sentir dende as maiores ledicias ás máis profundas depresións. Algo que non se pode explicar con verbas.
Por iso as novas acerca da súa posible desaparición amosan unha profunda preocupación por algo que naceu alá no ano 1923. Facemos o chamamento por nós, os siareiros actuais. Polos nosos pais e avós que nos levaron por primeira vez a Balaídos. Polos fundadores, por Manuel De Castro “Handicap”. Polos nosos fillos, que herdarán o noso sentimento. O Celta non pode desaparecer, non se pode borrar as ilusións, esforzos de tanta xente ó longo de tantos anos."
Pode asinarse aquí.

Marcadores: , ,

30.6.08

É fútbol, só bo fútbol

Aos que nos gusta o fútbol, e non temos complexos en seguilo domingo a domingo, o campionato acadado polos rapaces de Luis Aragonés foi un acto de xustiza deportiva. Un xogo intelixente e paciente, baseado na elegancia no control e condución da pelota, e un esforzado compromiso de todo o grupo de xogadores na presión defensiva, como mellor estratexia de xogo, amosan que este pode chegar a ser un deporte ben fermoso. O xogo marabilloso de rapaces –como o galego Torres, o noso admirado Silviña ou os cataláns Xavi Hernández e Cesc Fábregas, demostra que a cerna deste deporte de equipo reside na procura concienzuda do instante decisivo, eses dous ou tres segundos nos que se acende a faísca da beleza do gol. Porén, os excesos, os ditirambos ou a pailanada do nacionalismo españolista na celebración desta vitoria son atribuíbles ao fracaso histórico dunha idea monolítica de España, que non acaba de cuallar. O triunfo do equipo multinacional de Luís foi do fútbol, só do bo fútbol. Deixémolo aí.

Marcadores:

16.6.08

Campo do Fragoso XLIII

ESCÁNDALO
Nunca na nosa historia de seareiros celestes, e levamos acudindo a Balaídos dende hai corenta anos, sentimos tanta vergonza e tanta indignación polo comportamento do noso equipo como na segunda parte do encontro de onte. A primeira foi moi cómoda. O Celta, levando o partido ao ralentí, como se estivese disputando un partido de preparación fronte a un rival moi inferior, púxose por diante aos dez minutos, grazas a un servizo moi longo de Núñez que Canobbio rematou cunha boa dereita. Logo, mantendo o mesmo ritmo preguiceiro e diante da incomprensible anemia atacante do Alavés, que apenas chegou con perigo nun par de ocasións, Perera estragou varias oportunidades claras para aumentar o marcador. Porén, tras a reanudación mudou o panorama de arriba a abaixo. O equipo visitante, apupado polos seus numerosos seareiros, situados en Río Baixo, saíu disposto a gañar o encontro, mentres que o noso, semellaba que prefería non facelo. Como aquel Bartleby, o oficinista que inmortalizara Herman Melville, os celestes fixeron da súa inhibición, da súa apatía (preferimos pensar froito do seu decaído estado de ánimo) o comportamento que facilitou que os alavesistas metesen tres goles verbeneiros en só seis minutos, asegurando así a súa permanencia e condenando irremisiblemente ao Rácing de Ferrol ao descenso. Foi entón cando os seareiros celestes rebentamos irados, diante da inhibición dun cadro de xogadores de conveniencia, aos que non lles importaba que esta nova derrota provocase un impacto emocional tan duro para os seus afeccionados, avergonzados polo castigo enorme e inxusto que o seu Celta infrinxía ao segundo equipo galego do seu corazón. Con este comportamento indigno, este equipo formado por Ramón Martínez, o auténtico responsable desta tempada de catástrofe, acadou o seu máximo nivel de degradación, xa que rebasou as liñas dos valores incuestionables do deporte: o esforzo e o orgullo para acadar a vitoria. O escándalo chegou ao seu cénit cando o arbitro asubiou o remate do encontro: a maioría dos xogadores célticos, coa excepción de Antonio Núñez (un profesional dunha peza), correron a toda mecha para protexerse no curral do vestiario. Nese momento, nas bancadas había unanimidade: a aplicación da Concursal é unha magnífica oportunidade para desfacerse canto antes deste cadro de mediocres millonarios que non merecen levar durante máis tempo a camiseta celeste que representa ao país dos galegos. Non hai dúbida, a tempada que ven, teremos que mudar de xente.

Marcadores: , , ,

15.6.08

Celta, a derradeira oportunidade

No artigo da semana volvo coa miña reflexión sobre a crise do Celta e as posibilidades de refundación do seu proxecto galego.

Marcadores: , , ,

10.6.08

A derradeira oportunidade para o Celta

Estaba cantado. A pésima tempada a nivel deportivo e os múltiples erros de xestión da era Horacio obrigaron ao consello de administración do Celta a solicitar voluntariamente no xulgado mercantil a concursal (o que antes chamaban quebra ou suspensión de pagamentos). Non existía marxe ningunha, xa que a outra posibilidade que tiña Mouriño sería promover a disolución do club. A pesar de que o caso do Celta non é único (o Deportivo debe 150 millóns), a situación celeste, agotadas as posibilidades de ascenso e os ingresos televisivos que supoñerían, é desesperada. A pesar de que todo o mundo do futbol profesional español está arruinado (o que demostra o fracaso da aplicación e posta en práctica da Lei de Sociedades Anónimas Deportivas), son os clubes de segunda aos que lles está tocando apandar co inicio dunha nova reconversión, quizais máis dolorosa que a realizada nos anos noventa.
A Concursal do Celta, inserida nun plan de viabilidade (no que se pretende renegociar a débeda con Facenda, Caixanova e asegurar unha cesión do estadio por parte do concello e durante vinte anos) pretende reducir a enorme débeda da entidade (84 millóns de euros, recoñecidos a finais de 2007, ás que habería que engadir as perdas do primeiro semestre deste ano como consecuencia do fracaso de non acadar o ascenso) en cinco anos e endereitar un barco que vimos á deriva ao longo das dúas últimas tempadas.
É innegable que esta nova situación xurídica supoñerá para o Celta importantes dificultades e propón múltiples dúbidas, na medida que o club terá un estreitísimo marxe de manobra para xestionar a súa (ata agora, nefasta) política deportiva, xa que será controlado por unha instancia xudicial. Isto suporá que o club será xestionado cunha economía meduliana: rebaixaranse as posibilidades de novas fichaxes e ás contías dos salarios de técnicos, directivos e, sobre todo, xogadores. O primeiro efecto da Concursal será, inevitablemente, o dunha importante limpeza no cadro de futbolistas. E iso pode ser moi positivo –como demostra a situación do Sporting de Xixón e do Málaga, que nesta mesma situación pelexarán esta fin de semana polo ascenso–, se axuda a que directivos e seareiros baixemos da nube fachendosa na que estivemos instalados por riba das nosas posibilidades (durante unha década) e recuperemos a identidade de equipo humilde que representa aos laboriosos galegos. Por moito que doa, non podemos seguir vivindo eternamente do soño daquel marabilloso xogo da serpe do Eurcocelta, alicerzado nos mellores tempos de Mostovoi, Karpin e Víctor Fernández. Agora toca volver atravesar, durante algunhas tempadas (cantas?), o deserto da Segunda; o que pode constituír unha magnífica oportunidade para refacer un proxecto futbolístico galego (onde dificilmente lle vexo cabida ao actual director deportivo), baseado nunha combinación axeitada de canteiráns (dende Borja, Roberto Lago, Michu a Iago Aspas) e mozos e veteráns repatriados (dende a fichaxe de Trashorras á cesión de Jonathan Pereira). Toca volver a aquel Celta humilde da nosa nenez (o de Ibarreche, Herminio, Las Heras...). Esta pode ser a derradeira oportunidade para evitar destrozar a memoria de oito décadas de fútbol atlántico.

Actualización (11-06-2008): Claves para entender a aplicación da lei concursal (Faro de Vigo).

Marcadores: ,

2.6.08

Campo do Fragoso LXII

SAN ESTEBAN
A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.

Marcadores: , , ,

19.5.08

Campo do Fragoso LXI

50 PUNTOS
Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.

Marcadores: , , ,

5.5.08

Campo do Fragoso LX

RIR OU CHORAR?
Aínda
que os resistentes celestes temos coiro abondo para encaixar unha nova derrota, hai unha coincidencia xeralizada nas bancadas de Balaídos en que o mellor que podemos agardar é que remate canto antes esta tempada nefasta protagonizada por un Celta patético e ridículo, diante do que xa non sabemos se é mellor chorar os sete chorares pola súa falta de alma ou rir a escache pola candorosa inxenuidade dos seus xogadores e o seu cadro técnico. Diante do Málaga, un equipo máis ben simpliño (que, por certo, vai conseguir o ascenso, o que demostra, contra todo o que se di, o accesible desta categoría), repetiuse liña por liña o guión doutras tantas derrotas celestes: poñémonos por diante ao comezo da primeira parte; logo os nosos dianteiros estragan tres ou catro ocasións de gol desas cantadas; e, xa avanzada a segunda, un par de erros defensivos ridículos estragan todas as nosas posibilidades de vitoria. Sucedeu a pasada semana en Tarragona, cando o Celta tiña gañado o encontro no minuto setenta; e volveu a repetirse onte, cando o Celta fixera o máis difícil, adiantarse de chiripa no marcador (grazas a un claro penalti sobre Okkas no minuto vinte e cinco, que transformou Canobbio), tras unha saída atacante moi intensa dos malacitanos que durante o primeiro cuarto de hora non deixaron saír aos nosos da súa área e obrigaron a Esteban a sacar algunha man preciosa cando o balón se precitaba sobre as redes. Co marcador en contra o Málaga quedou grogui ata o descanso, mais os dianteiros celestes, como é adoito no guión dos seus partidos, estragaron tres claras oportunidades para liquidar o encontro. Tras a reanudación, o torpiño adestrador celeste non soubo ler que a incorporación de Sandro no medio do campo (onde, ata entón Michu e Vitolo polo menos gañaban no barullo) supoñía que os malagueños non entregaran o partido. Abondou unha perda de balón infantil de Okkas no medio campo para abrir un amplo corredor que soubo aproveitar Eliseu e, cinco minutos despois, nunha xogada de estratexia o conxunto da defensa céltica agasallou de forma elegante a Ivan Rosado toda a pelota para que os malacitanos levasen o encontro. Diante de semellante e reiterado ridículo, impropio dun conxunto de fútbol profesional, as bancadas divertíronse solicitando a marcha do propietario do club e a presenza do Celta B. Que cren que debemos facer os afeccionados: rir ou chorar?

Marcadores: , , ,

4.5.08

Estado de desánimo

No artigo da semana fago unha reflexión sobre a crise societaria e empresarial do Celta para que entendo existen apenas dúas sañidas: aplicación da Lei Concursal ou disolución da entidade.

Marcadores: , , ,