22.6.07

Mudanzas no Bacharelato I

Onte participei nunha longa sesión de traballo na que representantes da Alta Inspección do Ministerio de Educación e Ciencia presentaron a un numeroso grupo de editores educativos as características principais dos novos currículums e da ordenación do Bacharelato que entrará en vigor a partir do curso 2008/2009.
A idea principal coa que quedei foi a intención das autoridades educativas, responsables da elaboración das ensinanzas mínimas, de deseñar un modelo de Bacharelato máis flexible e dútil e con menor carga propedéutica que o actual. Deséñase tres modalidades ("Ciencias Sociais e Humanidades", "Ciencias e Tecnoloxía" e "Artes", está con dúas vías, a actual de "Artes plásticas e deseño", e unha nova, de "Artes escénicas, música e danza"). Ábrese, ademais, a posibilidade de que as CC.AA. poidan establecer novas vías nas dúas primeiras posibilidades.
Con respecto ás materias comúns das tres modalidades establécese unha nova: "Ciencias para o mundo contemporáneo", coa finalidade de aumentar a formación científica sobre cuestións que teñan relevancia para todos o alumnado, que será, previsiblemente, impartida en 1º por profesorado das áreas de Bioloxía e Xeoloxía ou de Física e Química. Outras mudanzas nas materias comúns son a nova definición e contidos para a "Filosofía I e II" (desdobrada tamén en dúas materias: "Filosofía e Cidadanía" de 1º e "Historia da Filosofía" de 2º); o novo currículum para a "Historia" de 2º (pasará a denominarse "Historia de España", e recuperará o currículum LOXSE, contidos do século XIX e XX); así como a desaparición de "Sociedade, Cultura e Relixión", como alternativa a aqueles alumnos que non cursen "Relixión". Con respecto ao ensino das linguas oficiais organízase o currículum en base a tres bloques: "Variedade dos discursos e tratamento da información", "O discurso literario" (concibido o estudo da historia da literatura ao servizo do texto literario) e "O coñecemento da lingua". Nas CC.AA. con lingua propia ábrese a posibilidade de traballo de estruturas lingüísticas comúns, feito que non pode supoñer a diminución do número de horas dedicado á Lengua española.
Con respecto á valoración das aprendizaxes establécese a posibilidade de que os alumnos que suspendan máis de catro materias en 1º repitan o curso completo e os que que suspendan entre 3 e 4 as repitan matriculándose doutras tantas de 2º. Nas cualificacións non poderá haber cero e desaparece o Libro escolar de Bacharelato que será substituído por un documento en papel con garantías de seguridade. Así mesmo, preténdese deseñar unha Proba de Selectividade vencellada coas cinco áreas de coñecemento de Boloña de xeito que só unha das materias propias da modalidade condicione a proba. En todo caso, os responsables do Ministerio recalcaron a súa intención de que esta proba fose menos determinante do que é ata agora.
Etiquetas: Bacharelato

Marcadores:

3 Comments:

Anonymous arume dos piñeiros said...

E cal foi a súa impresión sobre a determinación do ministerio para levar adiante todo este desenrolo educativo?
A mín o das estructuras comúns sempre me pareceu moi ben se vai a favor dunha maior presencia da literatura en calquera das linguas, pero non sei se desa nova disposición se deriva unha cousa semellante.

10:09 AM  
Anonymous Anônimo said...

Poderíasnos contar se nesa xuntanza privilexiada ata o de agora xa decidiron tamén no Bacharelato ELIMINAR a alternativa non confesional chamada Historia e Cultura das Relixións en 1º curso?

Sería todo un detalle pero non temos información sobre isto aínda nos centros escolares...!

Gracias.

10:05 PM  
Blogger Brétemas said...

Efectivamente, aseguróusenos que no Bacharelato será eliminada. Xa era tempo que non houbese alternativa para a Relixión.

11:33 PM  

Postar um comentário

<< Home