10.6.07

Xavier Blanco, a sorpresa dos Premios Xerais


Xavier Blanco, o gaiteiro de Moaña, foi a grande sorpresa do serán dos Xerais 2007. No momento do desembarco, recibiu a todos os convidados tocando dende o outeiro coa dignidade e a elegancia dun gaiteiro de estirpe. Logo, durante o acto literario no Auditorio, interpretou cos seus instrumentos pobres tres temas que foron marcando senllos estoupidos de emoción e entusiasmo entre o público: "Mata o porco Pepa" (vasoira e cazo), "Moendo" (gaita de cana) e "A miña roseira" (tubela, táboa de lavar e dedais). Despois, durante a merenda-romeiría, de forma incansable e durante máis de dúas horas animou a festa, onde moito se cantou e bailou.
Hai tempo que admiramos a Xavier Blanco polo seu virtuosismo, polo seu traballo de investigación e docencia e pola súa destreza de luthier que permite a recuperación da memoria sonora deses instrumentos pobres que deitan a ledicia melancólica dos pasamarrúas interpretados co gaita de cana. O de Blanco é un modelo ben acaído de diálogo da contemporaneidade coa tradición, sen a mistificacións estrafalarias ou oportunismos comerciais. Xavier é un valor musical da nosa mellor música tradicional, que merece ser máis coñecido e valorado.
Vídeo: O blog dos pelachos.

Marcadores: , , ,

1 Comments:

Blogger nhusko said...

Pois si, do mellor da noite

10:27 PM  

Postar um comentário

<< Home