26.11.07

Campo do Fragoso IXL

IN EXTREMIS
Non hai dúbida de que ao Celta se lle atragoan as mañás en Balaídos. Tres matinais e senllos empates, sete encontros na casa e só dúas vitorias, son un pobrísimo balance para un equipo que pretende ascender, incapaz de enganchar dúas vitorias consecutivas. Saíu como é adoito, desque López Caro tomou as rédeas do plantel, moi ordenado, despregándose sobre o terreo cun impecable 4-2-4; un esquema que resultou claramente ineficaz diante dun Nástic que se plantou cun so punta, mais que soubo tecer unha malla tupidísima con catro mediocampistas feroces –o que impediu a fluidez e perigosidade dos toques e máis toques dos nosos dous apáticos estilistas (Larena e Canobbio)– agardando que un roubo de balón lles permitise sorprender por algunha das bandas. E así o conseguiron os cataláns no minuto dezaoito. Antonio López superou a Lukas e rematou dende o lateral esquerdo con moita intención un balón que Pinto rexeitou inocentemente cara adiante para que Calle (un pesadelo para a defensa nosa) rematase a pracer. Co encontro costa arriba e cos cataláns pechados, dende entón, a cal e canto, os celestes dominaron con claridade intentando unha e outra vez chegar á porta de Roberto (soberbio porteiro, o mellor xogador tarraconense). Houbo oportunidades a moreas, algunhas moi claras (como as de Canobbio, a porta baleira, varias dun Quincey bastante centrado ou unha de Lequi nun córner); outras malogradas por Perera, a quen lle ven grande a responsabilidade de ser primeiro dianteiro. Na reanudación, foron os trocos de Suárez, Costa e Okkas (preguntámonos se non deberon saír os tres dende o inicio?) os que permitiron aumentar a intensidade e profundidade do noso ataque. Tras a expulsión de Lequi e despois de que o arbitro embarullase o encontro de tarxetas, iniciado o desconto, chegou o remate de Rubén nunha das súas arroutadas atacantes. Tal como estaban as cousas de atoadas, o gol do defensa picheleiro foi celebrado como se dunha vitoria se tratase. A este Celta de López Caro, tan ordenadiño, como pouco organizado, faille falta un chisco máis de coraxe e xenialidade no remate, xusto o que lle permitiu a Rubén evitar in extremis unha derrota cantada dende a bancada.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,