13.11.07

Chapapote Prestige

Daquela non existían estas brétemas. Este foi o artigo que publiquei en Faro de Vigo o 24 de novembro de 2002. Debe quedar no arquivo.
"Vivimos tristes, pendentes dese fío caprichoso da dirección do vento no mar estragado. Estamos desolados diante deste avalancha de chapapote viscoso e pegañento que abeira sobre o futuro deste país que chamamos Galicia. Volvimos quedar marcados por outro petroleiro, igual que noutrora sucedera co Polycomander, Urquiola, Erkovitz, Casón ou Mar Exeo. Os galegos fomos asaltados por unha sucesión de mareas negras, todas elas perfectamente evitables, que ao xeito do diapasón que marca o ritmo cadencioso do silencio, arrasa coa nosa esperanza. Esta marea de chapapote que nos luxa a mirada e o corazón prodúcenos moito malestar e, tamén ese cabreo imprescindible para rebelarnos cunha situación criminal que outros escolleron para nós.
Non lle botemos culpas ao vento, que brama pero non minte: o temporal, por furioso que fora, non é culpable. O do Prestige non é outro accidente máis, é unha marea negra, por moito que lles moleste a Aznar, a Cañete, a Cascos, a Matas ou ao delegado do goberno (para todos eles “manchas de fuel-oil baixo control” sic); si, unha marea negra que xa é, para a prensa internacional, dende o “Financial Times” a “Le Monde”, a maior catástrofe ecolóxica mundial provocada por un petroleiro. As causas profundas desta marea negra están na voracidade do capitalismo impaciente da globalización, no escaso peso político do goberno galego e no pouco respecto que ao goberno central lle merece Galicia como país diferenciado.
O Prestige encallou porque un tinglado de empresas case invisibles de non sei cántos países queren obter os máximos beneficios no transporte de fletes. Pouco lles importa a estes novos piratas, agochados tralo pano das bandeiras de conveniencia, as condicións de seguridade das súas embarcacións (vellas e remendadas) ou a capacitación das súas tripulacións (escasas e, seguramente tamén, mal pagadas). Velaí outro efecto perverso da globalización que protexe máis esa suposta liberdade de comercio destes empresarios da city londinense de rostro invisible (¿coñecen algunha foto deles?) ca os dereitos dos habitantes do planeta de conservar e protexer a calidade de vida nos océanos, un patrimonio natural e social que non cotiza nas bolsas internacionais.
A marea negra do Prestige sobre as nosas costas, que aparecen nos informativos de C-NN como “Galician coast” (existimos, si existimos), provocouse, tamén, pola falta de medios de salvamento (¿u-los grandes remolcadores?, ¿u-los plans de emerxencia?) e pola propia actuación dos responsables do goberno español, máis preocupados por aminorar os efectos mediáticos e políticos que a catástrofe podía provocar sobre eles, ca en solucionar un problema (indubidablemente, moi difícil e complexo de abordar) que estragará os medios de vida de milleiros de persoas e un patrimonio natural que o é dos galegos, dos portugueses e de toda a humanidade. Imaxinemos que esta marea se producise diante da Costa Brava catalana: ¿Aznar intentaría levar ao petroleiro cara ás augas francesas da Costa Azul? ¿Rajoy sobrevoaría a zona afectada un par de horas e marcharía, como se non vira nada doutro mundo, a un mitin do partido noutra comunidade? ¿Pujol inauguraría nos mesmos días unhas xornadas sobre o impacto medio ambiental da industria petroleira? ¿Contaríase con setecentos soldadiños da Armada para a limpeza das praias? ¿A sociedade civil catalana respondería da mesma forma paciente e resignada ca o esta facendo a nosa? Non, non son capaz de imaxinalo
Combater de forma eficaz os efectos desta marea negra e da que pode chegar (non esquezamos que Cíes, Ons e a Arousa seguen ameazadas) require máis medios; a solidariedade internacional (¡Gracias, Chirac!, ¡As nosas desculpas, irmáns portugueses!) é imprescindible e urxentísima, anque o prepotente goberno de Aznar teime en rexeitala. Precisa do apoio dos expertos e científicos das universidades e das organizacións ecoloxistas para tomar decisións fundamentadas e eficaces, que aquí se desprezan e, nalgúns casos, se combatan abertamente. Necesita axudas económicas inmediatas para todos os afectados que aquí parecen un “agasallo” que trae unha tarde o presidente. E, sobre todo, require artellar un plan de actuación claro e consensuado por todas as administracións, dende a Unión Europea aos concellos afectados, do que ata hoxe se carece. Eliminar ese chapapote viscoso que nos asolaga necesita de todas estas medidas e, tamén, que se escoite con contundencia a voz dunha conciencia crítica da sociedade galega. Velaí o noso envite para vencer o chapapote."
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

3 Comments:

Blogger Antonio Olives said...

Sería bo poder pensar que algo cambiou.

6:13 PM  
Blogger albixoi said...

Só unha cousa: NUNCA MÁIS, NUNCA MÁIS.

9:05 PM  
Anonymous Anônimo said...

Off-topic: que fermosas portadas de Xerais xuvenil...!

1:43 PM  

Postar um comentário

<< Home