9.11.07

Fervenzas literarias

Até hoxe non souben da existencia de Fervenzas literarias, unha interesante e utilísima revista electrónica de literatura galega. As seccións son moi suxestivas: novas, andel de novidades, entrevistas, espazos de lectores, outros para literatura infantil e xuvenil, reseñas de críticas, artigos de opinión, una espazo de adiantos e unha moi completa páxina de ligazóns con editoras, autores, blogs, librarías... Na súa presentación os promotores (que non se identifican) subliñan:
O soportal de Fervenzas Literarias foi parido no transcurso do Máster en Edición da Universidade de Santiago. Foi un acto de covardía, fuxiu dos enormes tomos dos proxectos fin de carreira que acumulan capas e capas de po. Foron unhas Fervenzas que escaparon do papel para desembocar nesa enorme mar que é a internet. Zafáronse do bosque para illarse no desterro da rede. Fervenzas Literarias nace co obxectivo de ser unha fiestra da nosa literatura. Un punto de encontro entre o libro e o lector; ese curruncho onde o libro crece, faise maior, abrangue todo un universo enteiro. Unha porta a nosa cultura, á identidade, ás raizames. Queremos lle dar a benvida a estas Fervenzas. Gustaríanos que a información aquí ofrecida sexa de teu interese, que abras esta fiestra e te somerxas nun mundo de libros onde o poder da palabra faise forte.
Beizóns, pois, para os promotores destas fervenzas, un instrumento utilísimo que, visitaremos dende hoxe e que recomendamos moi vivamente.

Marcadores: , ,