1.10.06

O comercio interior do libro galego en 2005

Os estudos anuais sobre Comercio Interior do libro proporcionan profusión de datos (declarados por cada un dos editores) suficientes para perfilar un diagnóstico sobre o estado do sector.
O máis recente estudo (o de 2005, publicado hai só unhas semanas), despois de traballar os datos referidos ao sector privado galego (sobre un universo dunha enquisa realizada sobre 31 editoriais), permítenos tirar as primeiras conclusións.
  1. As empresas. Continúa o proceso de integración empresarial e de diminución de emprego no sector. Así a porcentaxe de empresas que pertencían a un grupo pasou do 38,1% (2001) a un 52,2% (2005). Os empregos directos baixaron a 230 (2005), 249 (2001), diminución dos cadros de persoal que afectou, tamén, ao número de colaboradores externos, que baixaron a 27 por empresa (2005), sendo esta media de 48 en 2001.
  2. A produción. Continúa o seu crecemento, tanto do número de títulos publicados polos editores privados galegos (1.626 en 2005; 946 en 2001), como en número de exemplares (3.421.1666 en 2005; 1.833.221 en 2001). Datos que supoñen tanto un aumento da tirada media, que pasa de 1.938 (2001) a 2.104 exemplares (2005), como do número de títulos en catálogo, que aumenta dos 5.445 (2001) aos 9.050 (2005).
  3. A facturación. Aumenta de forma moito máis discreta (6,38%), pasando dos 21,29 millóns de euros (2001) aos 22,65 (2005). Crecemento que a prezos constantes, descontada a inflacción (sobre un 15%), supoñería un decrecemento real de arredor do 9%. A cifra media de vendas (os datos son a prezo de capa) de cada editorial galega é de 731 mil euros.
  4. Vendas do libro en Galicia. Supuxeron un 5% de todas as realizadas no mercado interior español, 146,66 millóns de euros. O libro editado polos editores galegos supón o 15,44 % destas vendas. Tamén é salientable que a correlación entre poboación e venda de libros en Galicia é negativa nun 1,3% (consumimos menos libros dos que nos correspondería).
  5. Vendas por tipos de edición. Intensifícase o peso do libro de texto e infantil xuvenil galego (promovido na canle escolar), tanto no número de títulos editados (61,12%), de exemplares producidos (60,9%), como no que supón na facturación total do sector (68,7%). A edición literaria supón o 15,5 % dos títulos, o 10,6% dos exemplares e o 12,8% das vendas totais.
  6. Vendas por canles de distribución. As librarías continúan sendo a canle primeira de venda do libro editado en Galicia (64,2%, o que supón 14,54 millóns de €), seguido polas vendas institucionais (11,61%, 2,62 millóns €), as cadeas de librarías (7,8%, 1,76 millóns €), a venda a creto (7,3%, 1,65 millóns €), os hipermercados (4,2%, 950 mil €), Internet (0,7%, 159 mil €) e os clubes do libro (0,6%, 136 mil €).
  7. Pago de dereitos de autor. Os editores privados galegos pagaron 1,45 millóns de € por este concepto.
Cremos que resumindo moito todos estes datos, podemos afirmar que o sector privado galego, a pesar de aumentar moi notablemente a súa produción, ten grandes dificultades para facer medrar as súas vendas no mercado interior, que no último lustro descenden un 9% a prezos constantes e que dependen, en moi boa medida (case nun 60%), da canle escolar e paraescolar.
Mágoa que non contemos aínda con datos máis desagregados (agardamos impacientes a próxima publicación do gran estudo sobre o sector preparado pola Universidade de Santiago). Todos estes datos deberían axudar a facer unha reflexión estratéxica, tanto por parte do conxunto do sector privado (editores e libreiros), como polos responsables das políticas culturais e educativas que afectan ao libro editado en Galicia e que, polo momento, viven alleos á crúa realidade do sector.
Etiquetas: ,

Marcadores:

9 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Estimado Bragado:

Se podes quítalle o segundo "c" a inflación. Aos economistas élle defecto profesional solicitar tal petición.
Xa bastante mal é a inflación como para darlle ánimos engordándoa cun "c"! :-)

Óscar González

1:11 PM  
Blogger X said...

Na análise das vendas por canles de distribución chámame moito a atención o dato dese 4,2% (950 millóns de euros) vendido nos hipermercados onde, agás algunha excepción, as obras en galego só aparecen de forma totalmente testemuñal.

7:02 PM  
Blogger Brétemas said...

X: son 950 mil euros, unha cantidade que, supo, se obtén, sobre todo pola venda de libros de texto durante a campaña de setembro. A porcentaxe do 4,2% é a máis baixa dos gremios de editores de España, menos da metade da media estatal do 9,8% (en Madrid xa chega ao 12,8%).Os hiper en Galicia non teñen aínda moito interese polo libro galego de edición xeral (literaria e de referencia), Con todo, é unha tendencia, desgrazadamente, en alza.

7:37 PM  
Anonymous Anônimo said...

Canto gastan as administracións (bibliotecas xerais, en especial, pero tamén de colexios, institutos ou universidades) en comprar libros en galego? Ese sería un dato moi interesante para apreciar na súa auténtica dimensión a perda progresiva de atractivo das letras galegas entre a población.

8:32 PM  
Anonymous Anônimo said...

As bibliotecas públicas deberian dispor de toda a producción editorial galega, canto menos as bibliotecas de referencia comarcal,e non é así.A perda de atractivo ven condicionada por moitos factores -e a "calidade" do escrito non é o máis determinante:
-Arrastramos unha insuficiente alfabetización en galego: leitura e escrita, é moi habitual achar perfís de leitores -moitas donas- que optan pola versión castelán dun texto escrito en galego xa que entenden lles esixe un esforzo suplementario(por non falar do portugués).
-Falla de estratexias compartidas entre libreiros, bibliotecarios, editores, escolas.
-Non se promove dende os meios de comunicación masiva a presenza dos máis mediáticos, os de máis éxito, os novos (recoñecidos autores da literatura infantil galega son invisíbeis)
-A banda deseñada segue a estar considerada un subproducto.
-Carecencia de publicacións especializadas para o grande público (agás Biblos; e as bibliotecas tamén non se matan, nen coas guias de leitura nen cos catálogos)
-Escaso acceso á internet.
-Os que deberían ler, non o fan:pouco o mal poden encoraxar o hábito da leitura
-A leitura non se percebe ou valora como lecer e divertimento,etc.

11:29 AM  
Anonymous Anônimo said...

Sí, deberían tela, pero cántos exemplares? Aínda recordo as moreas de libros almacenados en depósitos da Xunta sen un solo lector.
Non, eu non falo de falta de calidade, probablemente sobre. Falo dun sistema literario paupérrimo (profes de instituto entregados coma tolos á creación literaria -centos de páxinas contando a súa apaixoante existencia- para ser lidos por uns poucos que, curiosamente tamén son profesores, pero que teñen como destino facer críticas nos xornais.
O único xénero claramente popular é o infantil-xuvenil, pero nesto os regalos nas celebracións de cumpreanos (fenómeno social abraiante dadas as súas extravagantes dimensións na actualidade) melloran as contas, pero engañan de novo.
Sobre a presencia mediática, fai falta tamén un pouco de carisma, ou de caradura, ou de todo un pouco: eu vexo ós creadores galegos, en xeral, un pouco tristóns, por moita yolanda castaño o Antón lopo que lle poñamos. Véxanse Rivas e Toro. Agustín Fernández Paz é un ídolo para os rapaces de 13 a 15 anos, pero ónde está? qué posibilidades mediáticas pode ter? ten interese o autor galego en ser mediático?
A banda deseñada é un subproducto, por moita calidade que lle botemos, tamén noutras linguas. Outra cousa é que se lea.
A qué te refires con "Publicacións especializadas para o grande público"?: eso parece un oxymoron.
Escaso acceso a internet????
E as outras dúas razóns valen para outras linguas.

2:01 PM  
Anonymous Anônimo said...

Acho que as causas que substancian o problema van alén la pulsión literaria dos mestres ou da falla de carisma. O que non se fai é reforzar positivamente os bos hábitos, por exemplo, a leitura infantil-xuvenil, nen a formación autodidacta,alfabetización,etc. porque a irrupción desproporcionada doutros valores adubían o caldo de cultivo do non-livro (que diría Emilio Lledó).Leitores infantís que abandonan chegando a adolescencia, a identificación leitura=escolarización ou como moito para renovación de coñecementos profesionais(moitos universitarios) Falo de presenza non de vedettes, de apropiación colectiva, non de motivacións subxetivas xa que a leitura sendo individual é antes e máis despois cousa de socialización. Mesmo con presenza mediática, ainda asín, teno dificil. Trátase de inocular hábitos e fruicións que non se improvisan: mudar a percepción que moitas familias teñen de que, chegando setembro, o livro sempre é caro cando non se repara no prezo dos reproductores de mp3, ou a roupa esportiva de marca que se lles merca os nenos.Todo isto son valores que conforman hábitos e valores do util, do caro, do gostoso, do aburrimento...Noutras verbas, crear futuros consumidores de livro.Non concordo na apreciación que fas da banda deseñada (teño dado conta diso na miña bitácora), hai quen pensa o mesmo da música contemporánea, do hip-hop ou da performance. Con publicación especializada -sí é pouco precisa- refiro aquelas direccionada tematicamente a grupos específicos (literatura infantil, materiais de "leitura doada",etc.) e aquelas publicacións que acheguen recursos e materiais (p.e.ás bibliotecas escolares,residencias,etc)Todo o dito e non dito vale para calquera língua, ainda que semelle o contrario.O Estudo General de Medios do ano 2001 dicía que a metade dos internautas españois pertencen a clase social alta e media alta. Estamos millor na Galiza?

9:48 AM  
Anonymous Anônimo said...

Tal vez a miña expresión sobre a banda deseñada como subproducto precisa de aclaración. Quero dicir que esa é a súa categoría social, mesmo estética, aínda que poidamos atopar obras mestras nese ámbito. Pásalle o mesmo, dentro da literatura, ós autores que tenden á comedia ou á literatura de humor: teñeno sempre máis difícil que un autor que lle da polo drama ou a pulsión tráxica: mira, outra vez, para Rivas ou Toro. Están no cumio do Parnaso do sistema literario, mentres que autores, para mín extraordinarios, cunha riqueza lingüística e literaria poderosa coma Bieito Iglesias (maxistrais as súas colaboracións periódicas: o Quevedo galego, sen dúbida), pero adicados á literatura irónica ou humorística sofren condena parnasiana. Hai, pois, xerarquías marcadas por un canon establecido por múltiples factores, entre os que a distinta asimilación dos xéneros é un dos principais.
Eu son devoto da banda deseñada, pero hai que constatar o seu lugar humilde no sistema literario de calquera idioma.
Sobre a motivación estamos de acordo, pero eso é diagnosis, non solución. Cómo se fai é a pregunta? Porque o interesante é que compren libros como compran ipods. Está ben que lean o código da vinci, pero que lean?
Un dato de 2001 sobre a extensión de Internet é moi antigo, pero pode acercarse á realidade. Dou que eso pode ser certo, pero tamén é verdade que o ritmo de incorporación das clases baixas á internet, sendo pequeno, empeza a ser acusado. Pero moito me temo que a "fenda dixital" mantense aberta. De todolos xeitos, desgraciadamente, as clases baixas tampouco len en outros soportes.

7:37 PM  
Anonymous Anônimo said...

Velaí os datos de incorporación de Galicia ás novas tecnoloxías:
http://www.lavozdegalicia.es/se_tecnologia/noticia.jsp?CAT=39072&TEXTO=100000107121

4:23 PM  

Postar um comentário

<< Home