27.9.06

A lectura, eixo do novo modelo comunicacional

(Ilustración vía Roger Michelena)
Ás portas da celebración do primeiro encontro de "Blogs e libros", no que participaremos o vindeiro venres, preparei unha reflexión sobre o que entendo é a centralidade que adquire a lectura no novo contexto da literacidade electrónica. Velaí un fragmento do texto:

"Desprazada a preeminencia do soporte analóxico sobre o contido, o novo paradigma de comunicación cultural electrónica asume a lectura como o seu elemento central, modificando radicalmente as funcións que desempeñan as industrias e as institucións da cultura analóxica, especialmente o papel dos editores, dos libreiros e das bibliotecas. A lectura convértese así na actividade que caracteriza a comunicación cultural, concibida como un elemento transversal entre os soportes impresos e electrónicos.
Deste xeito, xa non é posible definir o libro, como se veu facendo ata agora, como un ben cultural impreso dun determinado número de páxinas encadernadas; senón, como establece o anteproxecto da nova Lei de Lectura e do libro, como “a obra científica, literaria ou de calquera outra clase que constitúe unha publicación unitaria, editada nun ou varios volumes e que pode aparecer impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura. Do mesmo xeito, enténdense incluídos nesta definición os materiais complementarios de carácter impreso, visual, audiovisual ou sonoro que sexan editados conxuntamente co libro e que participen do carácter unitario do mesmo, así como calquera outra manifestación editorial”.
Con esta redefinición, recoñécese que o característico do mundo do libro non reside xa no soporte (sexa analóxico-impreso ou dixital-electrónico) e, si pola contra, na actividade que promove, a lectura. Concibida a edición deste xeito, modifícase o papel dos editores e da industria do libro que no futuro ha de estar centrado sobre a produción e distribución de contidos culturais escritos.
Outrosí sucede coa biblioteca concibida agora como unha institución cultura pública especializada no acceso á lectura dos cidadáns. A biblioteca xa non almacena e pon a disposición da súa comunidade soportes analóxicos impresos (libros, xornais e revistas), senón que debe ofrecer, tamén, todo tipo de soportes susceptibles de ser lidos, escoitados ou visionados (sexan ríxidos ou en liña). A biblioteca, neste novo modelo comunicacional electrónico, transfórmase na primeira institución cultural de cada comunidade local para acceder á nova Sociedade do Coñecemento, especializándose como un punto de acceso público tanto á rede comunicacional dixital como aos fondos documentais analóxicos.
Este modelo de convivencia do impreso e do dixital na comunicación cultural escrita obriga a repensar as políticas culturais públicas sobre a lectura e a modificar os usos e costumes da industria editorial e da súa cadea de valor. Aparecen así numerosos interrogantes para os que actualmente existen escasas respostas. No eido da propiedade intelectual o entorno dixital require un modelo de propiedade intelectual máis flexible (como supoñen xa as licenzas Creative Commons) para abordar tanto o feito da autoría compartida como o acceso aos contidos que, a partir de agora, non se realizan só mediante a adquisición do produto. No eido da industria editorial, o novo entorno dixital permite a actualización constante dos contidos, feito extraordinario para as obras de referencia ou educativas, o que conleva modificar o xeito de comercializalos (actividade reservada tradicionalmente ás librarías). No eido bibliotecario, o modelo comunicacional electrónico, require de novas infraestruturas e dun novo perfil profesional para a figura do bibliotecario, profesional do fomento da lectura e da documentación analóxica e dixital."
Etiquetas: , ,

Marcadores: ,

3 Comments:

Blogger X said...

Do mesmo xeito que do concepto libro pasamos ao concepto lectura como eixe da definición, no ámbito da biblioteca deberiamos pasar do concepto lugar/edificación ao concepto porta de acceso. Se na actualidade un carné dunha biblioteca nos permite consultar os libros depositados nos seus fondos ou nos da rede de bibliotecas na que estea inserida, no futuro nos debería dar acceso desde calquera lugar (planetawifi)ás súas obras dixitalizadas o que ademais permitiría a consulta simultánea de varios usuarios a unha mesma obra. Mais, quen asume os custos?

10:43 AM  
Anonymous Anônimo said...

A metamorfose dos soportes é un contínuo ao longo da historia.Concordo no plantexamento mais se as bibliotecas neste "novo"
modelo comunicacional electrónico, non son xa as primeiras institucións culturais locais para acceder ao Coñecemento - porta ou xanela, tanto ten- é por causas diversas,moitas delas por todos intuidas. Na Finlandia ou nos EEUU, moito antes deste boom, xa o eran.O que se está a dixitalizar son obras sen ou con vencidos dereitos autor.Ollo, quen está a liderar as despesas é o capital privado. As avantaxes aumentan para os que xa tiñan acceso a fontes de información (científicos,investigadores, académicos,empresa,etc)mais o vello problema non se disolve: non todo o mundo ten as mesmas posibilidades de acceso nen as capacidades para asimilar e aproveitar todo isto. Eis o reto para bibliotecarios, educadores, editores,... a sociedade toda,pois a leitura sendo recollimento individual é hábito adquirido no contorno.

3:00 PM  
Anonymous Anônimo said...

"Aparecen así numerosos interrogantes para os que actualmente existen escasas respostas". Efectivamente, o único que amosan estas intervencións é unha descripción do obvio, do que está diante. Ou sexa, que non sabemos qué facer, como tampouco o intuíamos antes. É dicir: que non temos nin idea.

6:52 PM  

Postar um comentário

<< Home