21.11.06

O encaixe roto

«O encaixe roto» é o título dun conto escrito hai cen anos por Emilia Pardo Bazán, traducido por María Xosé Queizán dentro do volume Fenda, loucura e morte. Micaelita Aránguiz, unha rapaza da alta sociedade, rompendo todas as convencións sociais do seu tempo, decide cando o bispo lle preguntou se recibía a Bernardo por esposo, soltar un «non» tan claro como enérxico. Camiño do altar engancháraselle o valiosísimo volante de encaixe que pertencera á familia do noivo, unha auténtica marabilla! A noiva, ademais de comprobar decepcionada o retallo sobre o delicadísimo labor, observou a cara de Bernardo contraída e desfigurada por unha irritación vivísima e naquel instante fugaz –conta dona Emilia– «alzouse un pano, e detrás apareceu espida unha alma». Aquela expresión de ira, dureza e menosprezo, permitiulle a moza, nun momento de lucidez, librarse do destino que lle estaba reservado, negándose a seguilo.

Dona Emilia, observadora intelixente e audaz, incansable batalladora da causa feminista, denuncia con grande lucidez, neste relato o dereito da muller a decidir o seu propio destino e a acceder en igualde de condicións cos varóns a todos os ámbitos da vida pública. Despois de cen anos de loita feminista, ninguén é capaz de deter a maior revolución deste século que remata, a da paridade entre homes e mulleres. A pesar da igualdade formal acadada nas sociedades occidentais e a relevancia da muller no sistema educativo actual, aínda son moitos os obstáculos existentes que impiden falar dunha igualdade verdadeiramente real; obstáculos que atinxen tanto ao ámbito da vida privada como da pública, dicotomía onde reside a orixe de todas as desigualdades que oprimiron á muller.

Neste século modificáronse moito as leis, pero moito menos os costumes e a vida cotiá. Hoxe as mulleres soportan, entre a esperanza e o desacougo, unha dobre xornada de traballo, doméstica e profesional, ocupándose case en exclusiva do coidado dos fillos, dos vellos ou dos enfermos. A auténtica igualdade de oportunidades non existe no mundo do traballo, onde os máis baixos niveis salariais e os máis altos de desemprego castigan sempre as mulleres e onde son moitos os obstáculos de todo tipo que teñen que franquear para acadar un nivel paritario de participación nos órganos de decisión das empresas e institucións. A violencia sobre as mulleres segue sendo unha constante que non mellora co paso dos anos, un fenómeno con cifras espeluznantes: no mundo entre o 10% e o 40% das mulleres sofren algún tipo de violencia, dende a mutilación xenital ao tráfico de adolescentes; en España morre cada semana unha muller vítima de malos tratos. Violencia que constitúe un auténtico terrorismo de xénero, un verdadeiro problema de Estado, que amosa ás claras e con contundencia que a muller continúa a ser considerada máis como obxecto que como suxeito.

Avanzada xa a primeira década do novo século será necesario acometer a revolución pendente do xénero: transformando as actitudes e os comportamentos de homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, feminizando aos homes e por extensión a toda a sociedade, modificando as concepcións actuais do que é público e do que é privado; en definitiva, promovendo un cambio de mirada sobre as nosas formas de vida, tomando conciencia de que hai un estilo ignorado de facer as cousas. Será imprescindible tamén, que os gobernos e os homes nos impliquemos na loita contra a violencia de xénero e na corrección das desigualdades que aínda discriminan e afectan ás mulleres, indo moito máis alá de xestos electorais e cotas de participación máis ou menos efectivas. Hoxe ese encaixe roto, ese momento colectivo de lucidez, esa anticipación dun futuro roubado, é a consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. A causa de toda a sociedade neste Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Marcadores:

3 Comments:

Blogger Mario said...

Estou conforme coas ideas que hai detrás, pero creo que o tema e moitísimo máis político. O patriarcado é unha forza tan intensa como o foi en tempos o fascismo, co agravante de que vive instalada na privacidade dos fogares e na inconsciencia das actitudes. A loita contra o patriarcado é unha loita emancipadora, eu non creo que se trate de "feminizar os homes" nen de "conseguir (só) a paridade" senón en reconstruir por completo as nocións de xénero e as súas relacións. No mesmo sentido enténdese que a loita LGBT está dentro da terceira onda do feminismo, apesar de que hai moitísimos varóns implicados, porque o feminismo oponse ás concepcións monolíticas e xerárquicas que lle son propias á cultura patriarcal. Eu, como varón, considérome feminista, non só por solidariedade, senón porque tamén me sinto oprimido polo patriarcado e sei que a súa destrucción irá no meu favor e no das persoas que comparten o mundo comigo.
Asimesmo o texto de Pardo Bazán está inzado de limitacións: por que a protagonista ten un nome en diminutivo? que é o que escolle: non casar ou casar máis tarde con outra persoa? é realista o relato para a época? Pardo Bazán é un exemplo ou foi un axente máis ao servizo do patriarcado como puideron ser Margaret Thatcher ou Condoleeza Rice? Tamén Collin Powell e Annan se poñen como exemplo para ocultar o feito de que as persoas negras de a pé son discriminadas constantemente no primeiro mundo e morren de fame ou a tiros das policias fronteirizas no terceiro.
Considero correcto todo o que se di no post, pero creo que necesitamos, a maiores, outras visións, non só celebrar un día, celebrar un día, pero loitar 365, ou a revolución ficará, como tantas, pendente para sempre.

11:17 PM  
Anonymous Anônimo said...

A violencia de xénero é un aspecto máis da recolocación social do individuo, de como homes e mulleres debemos vivir cunhas novas regras que temos que necesariamente establecer entre todos nós. Considero moi importante a divulgación de todos os actos e iniciativas relacionadas co vinte e cinco de novembro porque é unha boa maneira de asumir o problema, paso imprescindible para a súa resolución. É terrible ver xente nova reproducir sistematicamente esquemas que xa deixaron de funcionar na xeración de seus pais e que só os han conducir a situacións de conflito. É unha obriga de todos loitar para que as cousas cambien para vivir nun mundo mellor.

10:25 AM  
Anonymous Anônimo said...

É un día de loito, non de celebración. Hai que ter moito coidado, porque aquí todo vale para sumar puntos (refírome aos políticos, aos premios, ás fotos de homes que se implican nunha campaña de fotografía facendo labores supostamente femininas...dame a risa). A violencia ás mulleres... é un problema estrutural que hai que atacar desde dentro, cada un, e homes e mulleres xuntos, por suposto, aínda que a voz sexa a das mulleres, porque tamén somos as que levamos os paos. Enfin, cousas que xa se saben, pero é que, a pesar de todos os avances e as mulleres na vida pública, vai tan lento o cambio das cabezas!!!

11:16 AM  

Postar um comentário

<< Home