2.11.06

País dos mil viños

Levo estes días moi mergullado na edición da Guía dos Viños, Augardentes e Bodegas de Galicia 2006-2007 (máis de catro centas páxinas) da Asociación de Sumilleres Gallaecia e que pretendemos presentar coincidindo coa celebración na Coruña do Salón dos Viños e Augardentes de Galicia a finais deste mes de novembro. A verdade que este é un libro fermoso, sobre todo por esa textualidade descritiva que conforman máis de catrocentos notas de cata dunha boa parte da produción vitivinícola galega de 2005. Esta guía, que sacamos por segunda vez, é unha formidable viaxe por Galicia a través dos seus mil viños (ademais duns centos de destilados) e das súas cinco Denominacións de Orixe.

Nas ribeiras onde converxen o Sil e o Miño aparecen de forma case milagreira os nosos viños graníticos, mais lixeiros de corpo, da Ribeira Sacra, procedentes do cultivo “heroico” (sobre socalcos ou “pataos”) das variedades de godello ou mencía. Na conca do Sil, nas terras de Valdeorras, por onde pasaron noutrora as lexións romanas, ofrécense ao viaxeiro as paisaxes das plantacións de godello e mencía, que conformarán viños monovarietais plenos, elegantes, posuídos por intensos arrecendos froiteiros. No val de Monterrei, nas abas regadas polo río Támega, cultívanse as variedades verdello, dona branca e treixadura para os seus brancos e mencía,merenzao e araúxa para os seus harmoniosos tintos de intensa cor morada. Mais os viños toman o nome de “ribeiros”, cando nacen nas beiras do Miño, do Avia e do Arnoia, onde os brancos novos plurivarietais confórmanse coa mestura da treixadura, torrontés ou do loureiro, e os tintos coas de sousón, brancellao ou caíño. Xa nos vales oceánicos do Salnés, do Rosal (á beira, outra volta do pai Miño), do Condado do río Tea ou do Ulla aparecen para a conmovedora contemplación do espectador as terras do albariño (para Cunqueiro “o príncipe dos nosos viños”) ou as fragrancias dos arrecendos das castes loureira, treixadura ou do caíño branco.

Cada unha destas paisaxes, cada un destes microclimas produce, sobre a base de case sesenta clases de uva diferentes, a festa inigualable de cores, arrecendos e sabores dos viños galegos. Por que non podemos falar con propiedade dun “viño galego”, aquí existe unha diversidade complexa de viños, singularidade e diferenza que é, como case sempre sucede en Galicia, a nosa maior riqueza. Asumir como valor esta diversidade, ao tempo que a necesidade de modernizar o proceso de elaboración, presentación e comercialización dos viños foron as dúas claves da auténtica reconversión (revolución, tamén) que, dende hai dúas décadas, se foi producindo na viticultura galega. Os viños nosos recuperaron así a calidade perdida, gañaron prestixio e valor engadido (boa parte constitúen xa un elegante produto de deseño, transformandos nunha auténtica creación cultural) sobre todo entre nós mesmos (case o oitenta por cento do seu mercado é interno, un exercicio de autoestima e patriotismo vitícola sen precedentes noutros eidos). O do viño converteuse así nun sector punteiro e estratéxico de indubidable importancia económica xa que hoxe supón o 10% da produción agraria galega, ocupa a máis de dúas centas mil persoas e as catro centas bodegas, agrupadas en cinco denominacións de orixe, ofrecen máis de sete centas marcas comerciais. Un bo traballo o realizado polos colleiteiros e bodegueiros galegos!

A pesar do moito camiño recuperado, os viños galegos precisan agora dun esforzo colectivo (eis o sentido da edición desta Guía e da celebración deste Salón) e dunha verdadeira estratexia de país para a súa divulgación e promoción no exterior. Velaí a asignatura pendente, a tarefa de futuro para que o elixir de ouro que mellor destila o país dos mil ríos sexa compartido e gozado por cidadáns do mundo enteiro. Saúde!
Etiquetas: ,

Marcadores: ,

3 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Por Valdeorras pasaron lexións romanas, pero tamén romanos/as de todas as partes do imperio, así de a pe, sen compoñentes marciais. Por que sempre que falamos de Roma saen soldados e cando falamos doutros pobos adoitamos outras consideracións?
Polo demáis, longa vida ó viño galego (sexa ou non de vide autóctona).

8:10 PM  
Anonymous Anônimo said...

Un texto xenial, Manolo. Por Ferrol pasarei para ver toda esta nosa riqueza en directo. Se teño tempo, achegareime ata a presentación, que esa Guía -como xa foi a anterior- é un manual de referencia para enófilos. :-)

11:18 PM  
Anonymous Anônimo said...

Don Brétemas: Continuamente deixo posts no seu blog non que non chegan a saír...

É cousa da miña impericia informática, un problema da Rede ou é que me apuntou na lista de spam?

ALMIRAL MOUCHEZ

12:53 PM  

Postar um comentário

<< Home