O tesouro da lagoa de Reid 'Is
O pasado venres comezamos as presentacións dos Premios Xerais 2006. Fomos a Noia a acompañar a Agustín Agra, autor d' O tesouro da Lagoa de Reid 'Is, a novela gañadora do Premio Merlín 2006.A presentación, organizada coa colaboración de Barbantia (unha asociación cultural inquedísima da que realizaremos un comentario do seu traballo en vindeiros días), constituíu un éxito rotundo de público. O libro foi glosado con moito pulo por Ramón Carredano, gañador da edición anterior e noiés, tamén, como Agra, que sinalou moi acertadamente o carácter fantástico e os moitos logros literarios do relato.
A intervención do autor tivo moita miga, tanto cando desvelou as razóns e o nome das persoas que o levaron a comezar a escrita hai uns anos, como cando expresou (coincidindo co que adiantara Carredano) a súa opinión de que a actual literatura infantil galega precisa de menos didactismo e menos "contidos transversais". Os nosos lectores novos precisan "un pouco máis de sangue e de substancia ao xeito dos relatos clásicos que limos nós de pequenos" indicou cando rematou a súa fermosa intervención.
A obra gañadora do Merlín deste ano asume sen complexos esta perspectiva, xa que se trata dunha novela, moi ben traballada literariamente, que supón a volta do fantástico e da natureza para a nosa LIX. A oralidade encarnada na figura dun avó; os perigos e misterios dunha cidade asolagada; cofres repletos de ouro, alfaias e outras marabillas; feroces urcos sedentos de sangue que custodian o grandioso pazo do rei son algúns dos elementos temáticos dun relato de estrutura clásica escrito sobre a tea dun imaxinario popular e mítico, con influenzas da materia de Bretaña.
Agustín Agra, gañador do Pedrón de Ouro de hai dous anos e primeiro accésit do mesmo premio o pasado ano (textos que serán publicados nos vindeiros meses) estréase, pois, cunha obra de percorrido. Un novo autor que promete moito.
Marcadores: Autores, Literatura infantil e xuvenil, Presentacións, Xerais



3 Comments:
Agradécese a creación de LIX fantástica en galego. Sempre estaremos faltos de mundos fantásticos e historias míticas.
:D
Apertas
Grazas, meu. O meu pago a túa xenerosidade do venres foi nin dicirche se lle tomabas un café... Estaba no limbo, mais non é desculpa.
Moita sorte co libro.
ALMIRAL MOUCHEZ
Postar um comentário
<< Home