26.9.07

Carlos Reigosa denuncia

A presentación de onte do libro de conversas de Del Caño con Carlos Reigosa foi moito máis alá do protocolario neste tipo de actos. Nunha intervención memorable, o autor de Intramundi denunciou que nin os nosos intelectuais nin as nosas institucións culturais nin as nosas universidades elevan as tradicións da nosa cultura labrega ao corpus literario e cultural. "Non se está facendo nada para conservar esta realidade. Vivimos nunha cultura que está virada de costas á nosa orixe". Para concluír, despois, que "o meu compromiso é seguir escribindo preto desta tradición labrega. A nosa identidade está en perigo na medida que estamos esquecendo o lugar de onde vimos. Está é unha grande desfeita actual para a nosa terra. Dígoo cun certo desánimo".
A reflexión deste "zoqueiro cosmopolita" (como o denomina Ramón Villares no prólogo do libro de conversas), ademais de amosar certa melancolía, expresa un debate de fondo calado na construción da nosa literatura nacional. Dificilmente a ampla obra narrativa e investigadora de Reigosa pode ser cualificada como "ruralista", razón pola que a súa denuncia poida ser interpretada en clave persoal, gañando en credibilidade e en posibilidades de abrir un necesario debate sobre a cuestión. Superado, afortunadamente, o falso dilema entre o rural e o urbano, categorías inservibles hoxe para definir a realidade galega (e, endebén, a nosa produción literaria), a recuperación do corpus da cultura tradicional convértese (máis aló da etnografía conservadora) nunha das fontes posibles para reinventar a identidade contemporánea. Pode a cultura literaria galega prescindir da achega da tradición oral dos contos populares ou dos mitos fundacionais acuñados durante séculos?
A lectura de novelas, rabiosamente modernas, como Intramundi (seguramente o cume literario de Reigosa, na estirpe das mellores obras faulknerianas), amosa que esta denuncia, á contracorrente das modas actuais, pode contribuír a abrir futuro para a nosa literatura.
O misterio de Carlos Reigosa. Conversas será presentado nas vindeiras semanas na Pastoriza, no corazón de tras da Corda, o espazo natal e literario de Reigosa. Sen dúbida, un acontecemento para festexar o traballo literario dun dos escritores maiores das nosas letras.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

4 Comments:

Blogger SurOeste said...

Lembro unha viñeta do Carrabouxo na que estaba unha nai aleitando ao seu fillo diante dunha TV con forma de teta. A teta da nai tiña escrito "galego" e a teta-TV tiña escrito "castelán". Pois ben, máis alá da cuestión do idioma, o noso imaxinario propio foi sendo substituído por outro alleo que non se sabe moi ben de onde vén. E, efectivamente, nótase moito nos produtos literarios o que mamou cada quen. Por iso a min gústame ler unha Lupe Gómez, un Xosé Miranda, un Darío Xohan Cabana, un Bieito Iglesias, unha Olga Novo, unha Chus Pato, un Ferrín... con todos eles comparto imaxinario.
Efectivamente non é cuestión de ser máis ou menos rural/urbano, é a cultura, son as referencias.

10:19 AM  
Anonymous Anônimo said...

nom me parece sério, por parte do senhor Reigosa andar a (supostamente) defender o que el despreza a diário, comezando pola língua. acaso nom é emprega el o castelhano numha boa parte das intervenços publicas: conferências, artigos de jornal, etc.? de que legado está a falar? para mim é indignante.

5:06 PM  
Anonymous Anônimo said...

Atinada a intervención e atinado o comentario. Danme ganas de reler "Intramundi"; non así "Crime en Compostela", un pouco "peñazo".

2:00 AM  
Blogger Pablo Eifonso said...

Estase a punto de cometer un etnocidio cos ollos pechados da administración, dos nacionalistas e dos intelectuais de pró. A cultura rural, especialmente os saberes milenarios vinculados coa cultura material como é a artesanía popular, baseados na experiencia e o ensaio-error de ducias de xeracións, está a menos de unha década de perdérense definitivamente. Os saberes, as técnicas, as ferramentas e a súa fabricación e uso, as formas o folclore de oleiros, cesteiros, ferreiros, zoqueiros, teceláns, carpinteiros tradicionais, cabaqueiros, follalateiros... desaparecerá sen que ninguén se preocupara de establecer un plan -xa de emerxencia- para investigar, rexistrar pormenorizadamente, conservar e transmitir algo tan valioso (e non só culturalmente, senon tamén, permitídeme, economicamente).
O labor de Ponte nas Ondas, voluntarista e sen futuro, limitouse soamente á que chama "cultura inmaterial", vistosa e relativamente doada de conservar mediante un programa "escolar". Estamos diante de algo moi serio. A administración, na súa natural tendencia ao autoodio (inclúo aos xestores nacionalistas) segue pailanamente a entender o sector artesano como "deseño", potenciando bisuteros variados e tremendas formas producto da "creatividade" dos que lexitimamente se buscan a vida pero que nin son artistas nin son artesáns.
Cantemos o requiem, pois nin hai ningún proxecto serio, globalizador e sistemático en marcha nin ha xa tampouco, practicamente tempo.
Ai se collesen os franceses, por exemplo, só a metade da riqueza cultural e material que se encerra e aínda se conserva miragosamente viva nos saberes acumulados no noso singular país!!!! como alucinarían mirando construir e formarse con técnicas milenarias unha ola de Buño, un Sancosmeiro, unha patela, unha sella, unha zoca ou un tosco cravo de ferro..!!

12:13 PM  

Postar um comentário

<< Home