12.2.09

«Nos camiños do entusiasmo", presentación en Compostela

Hoxe presentamos,ás 20:30 horas na Libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home santo 55) Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación o ensaio de Goretti Sanmartín. Participaremos no acto xunto a Teresa Moure e a autora. Este ensaio constitúe unha reflexión potente sobre o proceso de recuperación de usos da lingua e do seu prestixio social. Entre as súas numerosas reflexións e propostas, quédome con esta, que me parece fulcral: precisamos un modelo de normalizacion no que a defensa do idioma e a súa calidade vaian unidas. «Os procedementos son a propia política.» Estades todos convidados.

Marcadores: , ,

12.12.08

Literatura Galega pola Paz


A verdade que foi moi emocionante e ao tempo sereno o acto conmemorativo do 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos no que presentamos en Vigo o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz e recordamos a Xesús R. Jares. Ademais da lectura do texto completo da declaración, por parte de dez estudantes de ESO e Bacharelato, foron magníficas as intervencións literarias e institucionais. A guinda foi o extraordinario o concerto da Agrupación de Mestres da Escola de Música Tradicional do concello de Vigo. Grazas a todos polo apoio solidario e pola lembranza saudosa da figura do noso benquerido Suso Jares.

Marcadores: , , , , ,

9.12.08

«Declaración dos Dereitos Humanos», sesenta aniversario

Conmémorase, mañá, 10 de decembro, o 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Con este motivo, a partir das 20 horas, celebrarase un acto cívico, no Auditorio do centro Cultural Caixanova de Vigo, no que ademais será presentado o volume Literatura Galega pola Paz coa que se pecha a triloxía Educación e Paz, coordinada por Xesús R. Jares.
Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e a agrupación dos Mestres da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk do Concello de Vigo (e-Trad), interpretará diversas pezas. Ademais, intervirán algúns dos narradores e poetas participantes no libro (Agustín Fernández Paz, Francisco Castro, María Reimóndez, Obradoiro Gianni Rodari, An Alfaya, Antonio García Teijeiro, Román Raña e Fran Alonso). Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.
Hai dez anos, con motivo do cincuenta aniversario da Declaración, Xesús R. Jares publicou na Biblioteca Didáctica de Xerais, Educación e Dereitos Humanos. Estratexias didácticas e organizativas. Aquel libro converteuse ao longo desta década en referente na abordaxe educativa do articulado da Declaración Universal, e os pactos, convenios e declaracións que a desenvolven, como o reto fundamental co que se atopa a humanidade no futuro inmediato.
A Concellaría de Educación do Concello de Vigo (unha das organizadoras do acto, xunto a Xerais e Educadores pola Paz) tivo a magnífica iniciativa de editar unha pequena publicación, que todos os asistentes terán súa disposición, na que se inclúe o texto da Declaración, precedido de dous textos introdutorios, o primeiro de Laura López Atrio, concelleira de educación, e o segundo, do propio Xesús R. Jares, extraído da obra á que antes facíamos referencia.
Xesús R. Jares afirma neste texto que «o papel da educación debe supoñer un proxecto pedagóxico integrado que incite a vivir e a gozar os dereitos humanos, pero tamén a fomentar un estado de opinión que leve a pensar que calquera violación destes en calquera lugar do mundo non nos pode resultar allea e que, por conseguinte, a responsabilidade de evitalo a todos e todas nos incumbe».
Así tamén o recorda o preámbulo do propio documento no seu parágrafo final: «a presente Declaración Universal dos Dereitos da Persoa é un ideal común polo que todos os pobos e nacións se deben esforzar, para que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constatemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais».
Ao inicio e ao remate do acto será proxectado un vídeo-semblanza (preprado por Paco Vilabarros) de Xesús R. Jares, a quen os organizadores dedicamos unha saudosa lembranza.

Marcadores: , , ,

5.12.08

Culturgal 2008

Dende onte estamos no Culturgal da Coruña, onde temos un completo programa de actividades ao longo de toda a fin de semana.

Marcadores: , , ,

4.12.08

«O Globo de Shakespeare», o elenco de Jaureguízar

O vindeiro sábado, ás 12:00, presentaremos en Culturgal O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar. Dende hai dúas semanas Jaureguizar iniciou no seu blog unha serie de anotacións sobre o elenco de personaxes da obra, unha experiencia interesante dun autor reflexionando sobre a súa propia obra. Velaí, a primeira sobre Ricardo, o personaxe central, a segunda, sobre Rosalía, a terceira sobre a señora Quickly, a cuarta sobre Sebe e a quinta sobre Adriana:

Ricardo é o personaxe central da miña nova novela, O globo de Shakespeare; cando menos iso lle gusta pensar a el. É xiboso, polo que o seu pai decidiu chamalo Ricardo. Ten uns cincuenta anos e vive dende sempre no pazo familiar onde o atende Celia Mandiás, á que el chama Señora Quickly. Devoto de Shakespeare (e tamén de Leandro, o seu pai) sente paixón polo teatro, aínda que careza de talento para crealo. Personifica o fracaso, que lle provoca unha desesperación que el repercute no seu amigo o escritor de éxito Sebe. Está convencido de que manipula ás persoas que ten ao redor. A súa habelencia coas mans permítiulle facerse un teatro na casa e ducias de monicreques. Anda sempre cun boneco na man porque así pode manterse nun segundo plano e non ter que enfrontar a realidade. Está divorciado da súa muller, Rosalía, coa que ten tres fillos: Hamnet, Xiá e Susana. Xanta con eles todos os días no piso no que viven. O seu carácter é caótico, desordeado, irascible, botaporela, caprichoso, sentimental, cruel, xeneroso, arroutado.

Rosalía
é un dos secundarios da miña nova novela O Globo de Shakespeare. Estivo casada con Ricardo pero non deu aturado vivir no seu pazo nin a súa familia. Divorciáronse, mais ela segue sendo a Terra sobre a que xira o satélite de Ricardo. De nova, ficara fascinada polo seu talento para o espectáculo; ela, que non deixaba de ver a Lúa coma unha farola auxiliar nas noites. O monifateiro xanta na súa casa todos os días, xunto cos tres fillos que teñen en común. Ela segue aturándoo porque continúa namorada del. Rosalía é repoluda, optimista, pragmática, xenerosa, celosa e demasiado parva para decatarse do miserable que é o seu ex home con ela.
En realidade, chámase Celia Mandiás e é ama de chaves. Rexe a vida do pazo no que está ambientado ‘O globo de Shakespeare’. Entrou na casa sendo unha rapariga e no que leva máis de medio século. A xenerosidade vai canda ela, pero é quen de ser cruel se detecta unha ameaza ao seu poder. O seu carácter é disciplinado, ascético, dominado polo deber e a moral. Fisicamente é enxoita e fibrosa, camiña erguida e ás présas, polo que Ricardo alcumouna Señora Quickly. Sente paixón polos paxaros, ata o punto de que dá as horas con razas deles. Recende a aceite de oliva virxe. Tivo un novio mariñeiro cando moza, pero el desapareceu.

Sebe (Eusebio Pontella) é un dos personaxes privilexiados d’O Globo de Shakespeare. O debuxo que lle fixen foi arquetípico, índa que eses trazos unidireccionais teñen unha razón de ser. Sebe é un home encantador, guapo, elegante, sociable, amable, simpático e disciplinado na promoción desas novelas que tanto éxito teñen. Está casado con Adriana, unha muller á que avantaxa fisica e socialmente. A súa vida cambia cando empeza a soñar con limóns, que empezan sendo verdes e rematan sendo maduros. Os limóns tiran por el cara unha paixón que fará que perda a súa capacidade de decisión sentimental.

Adriana é a muller de Sebe na miña novela ‘O Globo de Shakespeare. O seu aspecto, repoludo e feo, compite en desagradable co seu carácter túzaro por ver quen é máis desagradable. Con todo, é unha muller cunha gran fortaleza, que enfrenta continuamente os desastres da vida. Encarada ao éxito do seu home, preferiu ficar na discrección porque todo o seu soño na vida é ser querida por Sebe, de quen envexa o seu físico e o seu don de xentes.

Marcadores: , ,

10.11.08

«O libro das viaxes imaxinarias»

A verdade é que poucas veces tivera a fortuna de quedar tan satisfeito da edición dun libro coma deste. En realidade o noso maior temor era malograr un texto literario e un traballo de ilustración valiosísimos, concibido coma unha síntese de lectura e relectura. Afortunadamente, xa imos coñecendo as primeiras lecturas, como esta marabilla de Pawley. O libro presentarémolo o vindeiro xoves, as 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña.

Marcadores: , , , ,

3.10.08

Con Herminio Barreiro en Riveira

Onte presentamos no Ateneo Valle-Inclán de Riveira Recordar doe, o libro de memorias de Herminio Barreiro. Unha moi agarimosa acollida. Grazas.
Actualización (05-10-2008): crónica de Gradicela.

Marcadores: ,

16.9.08

Homenaxe a Francisco Taxes

Este serán homenaxereamos a Francisco Taxes na Coruña. Unha oportunidade para lembrar ao autor d' O velorio e doutras pezas primeiras do teatro galego da segunda metade do século XX. No acto participarán o seu fillo Xurxo, Ramón Nicolás, Manuel Rivas e Ánxela Bugallo.

Marcadores: , ,

25.7.08

Festigal

Esta tarde teremos catro presentacións no Festigal. Un programa literario completísimo.

Marcadores: ,

25.6.08

Decálogo do galego



A presentación que fixemos d' Os Grouchos de Manolo Rivas en Santa Comba tivo dúas versións do Decálogo do galego. Aínda botamos unhas risas. Beizóns, Pawley.

Marcadores: , ,

21.6.08

"Festina lente", estrea en Compostela

Onte acompañamos a Marcos Calveiro na primeira presentación de Festina lente, realizada no obradoiro de encadernación da Libraría Couceiro compostelana. Hoxe aparecen catro entrevistas nos medios nas que Marcos salienta o valor dos libros como poderosas armas de coñecemento contra a intolerancia e o carácter da novela como fresco histórico da Compostela dacabalo dos séculos XVI e XVII. As primeiras referencias de lectura que estamos recibindo son inmellorables, na liña da nosa intuición. Seguiremos presentando a novela na Feira do libro de Vigo, no Festigal e na Feira do libro da Coruña.

Aconsello visitar o blog da novela.

Marcadores: , , , ,

19.6.08

Herminio Barreiro

Hoxe rdl publica un monográfico sobre o meu benquerido amigo e profesor Herminio Barreiro. Unha longa entrevista con Herminio e dous textos de Lupe Gómez, Narciso de Gabriel conforman estas oito páxinas que non podemos máis que recomendar. Hoxe ás 20:00 horas presentaremos na Libraría Sargadelos de Santiago Recordar doe, o formidable libro memorialístico de Herminio. Participaremos no acto con Lupe Gómez e o profesor Luís Cochón. Os que poidan obviar a primeira parte do partido de Portugal, están convidados.

Marcadores: ,

12.6.08

Serán pola paz


Suso Jares mandoume a reportaxe fotográfica (preparada por Paco Vilabarros) do Serán pola paz, celebrado o pasado 18 de abril, no que presentamos os dous primeiros volumes de Educación e paz e festaxamos o 25 aniversario da fundación do grupo Educadores pola paz.

Marcadores: , , ,

27.5.08

"Votos de riqueza", de Ignacio Castro Rey

En duascentas sesenta e catro páxinas, Ignacio Castro Rey, utilizando unha voz indignada e empregando unha lente sociolóxica, inserida nunha tradición filosófica (ancorada en Nietzsche e nos seus epígonos contemporáneos, Foucault, Deleuze e Baudrillard), debuxa un panorama bastante desolador e feroz do noso tempo, o do capitalismo real. Pois diso trata Votos de riqueza, de analizar o paso do capitalismo produtivo ao capitalismo especulativo actual, centrado nos sectores de servizos, no que a primeira produción é a informativa e a materia prima, en palabras do filósofo compostelán, "é a propia humanidade".
Artellada a obra con semellante propósito, empregando unha certa mentalidade tráxica, como voz transversal que moumea nas páxinas, non é esaxerado cualificar o libro como feroz, vehemente, intenso, denso, ácedo, máis tamén luminoso, divertido e profundamente irónico. Unha voz afirmativa e pouco pudorosa, interpela ao lector dende o prólogo, onde se adianta os propósitos do ensaio: criticar a cultura do consumo como manifestación primeira e máis acaída da pulpa do presente. Castro propón un acceso crítico á nosa cotidianidade procurando deste xeito una achegamento sistemático a unha esencia excluída. A voz que nos fala e a lente que utiliza pretende achegarse, dende a indefinición común, ao presente que vivimos e ao malestar que produce.
Para achegarse a unha existencia consumista e á banalidade exasperante que a caracteriza, utiliza como metodoloxía a intuición recorrente. Ignacio Castro pretende achegarse ao consumo (unha forma dinámica do odio e do rexeitamento), dende diversos espazos e ámbitos temáticos. Comeza coa prohibición do tabaco nos espazos públicos (unha "manifestación do fascismo de balneario", chega a dicir). Continúa con varios capítulos dedicados ao medo, nas súas diversas manifestacións, sexa baixo a forma de terrorismo, da crise económica, das catástrofes naturais, do cambio climático, da SIDA ou das guerras rexionais televisivas. Profundiza a súa análise no eido da publicidade e das marcas (ás que lles concede os capítulos centrais), para proseguir coa arquitectura, o urbanismo (e os seus "sen-lugares"), a "violencia verde" (criticando contra corrente o ecoloxismo político actual), a mocidade e a educación (para min os mellores capítulos), o deporte (e a súa obsesión vigoréxica) e a televisión e o seu "star system". Ata chegar ao apoteósico capítulo dedicado á sexualidade, concibida como un mecanismo de control individual.
En todos os capítulos reitérase a crítica á violencia comunicacional postmoderna, o que Agamben, un dos autores máis citados no ensaio, denomina "estado de excepción", ou a concepción do "mundo como supermercado", roubándolle a metáfora a Houllebecq, outro dos autores máis citados por Castro.
Esta disección rabuda do mundo presente no "Polo Norte" do planeta remite a cinco grandes cuestións:
1. A fragmentación envolvente do tempo actual, no que pasamos irremisiblemente da condición de cidadáns á de consumidores.
2. Fragmentación bipolar que provoca a ruptura do relato das nosas vidas e o rexeitamento de calquera tipo de finitude, de diálogo real e de disenso. Perdemos a conversa. As consecuencias deste fenómeno sobre as identidades individuais e as construcións colectivas son aterradoras: o desarraigo e o illamento das individualidades, paradoxicamente hiperconectadas e hipercomunicadas a distancia por medio das tecnoloxías dixitais.
3. Illamento confortable e portátil que se amosa coma síntoma dunha cultura da descontinuidade e do desarraigo, do ruído dixital das pantallas (refugando un silencio, que é aterrador para unha sociedade de televidentes), da velocidade (onde non existe tempo nin espazos para pausas ningunhas) e da impaciencia xeralizada no traballo e mesmo nun lecer absolutamente terciarizado.
4. Descontinuidade que alicerza un individualismo atroz, unha cultura do consenso infinito, unha sociedade de totalitarismo democrático, onde non existen fronteiras entre a dereita e a esquerda, onde a sospeita e o medo son permanentes.
Tras semellante análise, Ignacio Castro non propón conclusións, nin sequera terapias para aliviar este malestar. Apenas continuar nesta indagación crítica e desenvolver unha ética da desaparición, da resistencia –diría eu–, onde teña cabida a finitude, a proximidade e o acougo. Deter esta vertixe, parar a ler con vagar, conversar, recuperar a rúa, gozar dos silencios, arriscarse ao compromiso de amar, aliviaría esta enfermidade do presentismo? Votos de riqueza contén unha proposta ética, mais non un programa de rexeneración política. A Ignacio Castro Rey abóndalle que as súas palabras estean comprometidas co que está por chegar.

[Fragmentos da intervención na presentación de Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia, Marco, Vigo, 27 de maio de 2008]

Marcadores: , ,

24.5.08

"Votos de riqueza", presentación en Vigo

O vindeiro martes, ás 20:00 horas no Marco de Vigo presentarei Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia, o máis recente ensaio de Ignacio Castro Rey. Agradécese difundir na rede esta convocatoria. Outra magnífica oportunidade para volver escoitar en Galicia o lucidísimo discurso crítico do filósofo Ignacio Castro.

Marcadores: , ,

11.5.08

"A cidade e os días"

No artigo da semana presento as características e a significación da nova edición d' A cidade e os días, o calendario histórico de Vigo de Xosé María Álvarez Blázquez que traducimos para o galego e presentamos onte. Non podo agachar a miña satisfacción. Esta tradución, na que tivo un papel destacadísimo Pablo Sánchez Mato, é o noso gran de area á homenaxe nacional a don Xosé María. Tamén produciunos ledicia a entrada en almacén o pasado venres da Fotobiografía sobre don Xosé María, preparada por Alfonso Álvarez Cáccamo, un álbum fotobiográfico no que se recollen máis de catrocentos documentos e fotografías.
O luns, ás 20:00 horas no Auditorio da rúa Areal do Concello de Vigo, teremos a honra de presentar a homenaxe do Club Faro de Vigo á figura de XMAB na que participarán o seu fillo Alfonso, o académico Darío Xohán Cabana e o presidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Marcadores: , , , , ,

19.4.08

Memorable "Serán pola paz"

A de onte foi unha noite moi emocionante e memorable. Un milleiro de persoas (1000, non me trabuquei) ateigaron o Teatro Caixanova para participar no Serán pola paz, onde presentamos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz e celebramos o 25 aniversario de Educadores pola Paz. A presentación de Manolo Romón foi magnífica. Os discursos institucionais interesantes (especialmente o do alcalde Abel Caballero, que apostou por unha cultura de paz laica e pcomprometida). As intervencións dos autores dos libros acaídas (algunhas como as do teólogo Tamayo e o vicerreitor da Universidade de Lisboa, Luis Moita, extraordinarias). As lecturas dos poetas galegos e portugueses potentes. E as actuacións musicais memorables: Abe Rábade virtuoso, Uxía (a sorpresa non prevista no programa) saudosa e entrañable, e Berrogüetto (xa con Xavier Díaz) impresionante.
Porén, e a pesar de todo o expresado (o acto alongouse durante tres horas), o verdadeiramente importante desta noite inesquecible foi a homenaxe que todos lle rendemos á figura de Xesús R. Jares, ese orfebre da cultura de paz. Suso é unha autoridade mundial en Educación para a Paz, como puidemos comprobar pola presenza no acto de persoas chegadas de Latinoamérica (México, Colombia e Chile) e de diversos lugares da península coa única intención de abrazalo e expresarlle o seu recoñecemento. Ao longo da noite, eu que son un sentimental incorrixible, non puiden evitar quedar invadido polas saudades de hai vinte e cinco anos, cando os dous tiñamos arredor de vinte e cinco anos, e desde o grupiño de Nova Escola Galega de Vigo abrimos este vieiro de loita contra o conformismo e a desesperanza no eido educativo. Con todas as beizóns para Suso Jares.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

13.4.08

Serán pola paz

No artigo da semana, con motivo da celebración o vindeiro venres en Vigo do Serán pola paz, realizo un breve percorrido polo traballo do grupo Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Recomendo moi vivamente participar neste acto literario-musical no que presentaremos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz. Sei que aínda quedan unhas poucas entradas. É moi previsible que completemos o aforo de case 800 persoas. As entradas poden retirarse nas oficinas da Concellaría de Educación de Vigo.

Marcadores: , , , ,

12.3.08

"O segundo sexo" en galego

Preciosa a presentación de onte d' O segundo sexo.

Marcadores: , ,

4.3.08

"Memoria contra Alzheimer", presentación

Onte presentamos en Vigo Memoria contra Alzheimer a novela curta de Rafael Laso publicada en Fóra de Xogo. O acto celebrouse na sede Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Vigo, entidade profesional á que pertence o autor, coa presenza dun público numeroso. Rafael Laso sinalou na súa intervención que na novela pretendeu que unha partida de xadrez xogada ás cegas, unha das máis famosas da historia, marcase o ritmo dos capítulos dunha obra na que pretendeu abordar a patoloxía do Alzheimer, unha das patoloxías sociais que nestes momentos máis preocupa. "O xadrez é un deporte honesto, no que se precisa moita capacidade e moita memoria, á de dúas persoas que se enfrontan nunha batalla sen danos colaterais, baseándose na súa memoria". [...] "Quixen describir as fases do esquecemento que se van producindo no Alzheimer por medio dunha personaxe que non sabe se é un xogador ou unha peza, ao tempo que vai abandonando os recordos que o acompañaron ao longo da súa vida. Unha xogada na que o protagonista é consciente de que ten a partida perdida". Rematou a súa intervención sinalando que pretendeu propoñer aos lectores unha reflexión sobre o esquecemento: "cando hai alguén capaz de lembrarte, existirás", aínda que "como sinalaba o meu querido Carlos Casares, non hai maior certeza, xa que non sabemos a razón pola que toda a xente ao final acaba esquecendo".
Etiquetas:

Marcadores: , , ,