Cuartas de cuberta
Agustín Fernández Paz e Andreu Martín
Estes días ando ensarillado na redacción de textos de cuarta de cuberta dalgunhas novidades de primavera. Entre as tarefas do oficio de editor esta é, probablemente, a máis complexa e comprometida. Trátase de redactar de seis a dez liñas (entre 500 e 700 caracteres) que seduzan dunha ollada aos potenciais lectores. Empresa difícil. Estas cuartas funcionan no libro coma os trailers no cinema. O proceso de preparación das cuartas serve, tamén, para sintetizar as ideas de comunicación do libro (froito da lectura demorada das últimas probas e da conversa, a ser posible, a tumba aberta co autor, imprescindible) e para a posterior elaboración dos textos promocionais (os anuncios, as follas de novidades, a reseña web ou a actualización do currículum); sen esquecer, tampouco, a súa utilidade para preparar as ideas básicas da presentación diante do público, se a houber. En definitiva, este é o momento da elaboración do discurso da editorial.
Na escrita destes textos, no caso dos títulos de narrativa, aposto pola presentación do comezo da trama, empregando os fíos da sutileza que deixou prendidos o autor, e dos temas que se abordan, fuxindo da pedantería filolóxica da categorización da obra, labor que corresponde ao momento da recepción, por parte de reseñistas ou da crítica académica. Se algo debe caracterizar o traballo do editor é a súa discreción. A nosa presenza no libro debe notarse, mais debe ser tan elegante e prudente que pase desapercibida para o lector. Debémonos ao texto e á comunicación do traballo autoral.
Marcadores: Edición
3 Comments:
Mañá dígoche algo, que hoxe estou xa moi cansa.
E a pesar de todo o voso coidado -que non poño en dúbida- sempre, sempre, sempre atopo erratas. O factor humano, que lle chaman. :)
A pesar de que as probas se len completamente, canto menos dúas veces, por dúas persoas distintas (ademais do autor ou autora), hai erratas. Este é un feito innegable. Con todo, sei que a maioría dos editores tratamos de mellorar a calidade e a limpeza do texto (a pulcritude é unha das responsabilidades exclusivas do editor). O que máis doe, e sucede adoito, é comprobar o doado que se atopan as grallas cando o libro está publicado. Abres unha páxina e os ollos van a elas, atraídos coma se tivesen imán. Por riba, as erratas nas cuartas de cuberta aínda son máis estrondosas. En fin, hai que andar con pés de la.
Postar um comentário
<< Home