Tesouro de palabras
Patrimonio Inmaterial galego-portugués
Publico no Faro un artigo para apoiar a candidatura presentada diante da UNESCO, para que a tradición oral galego-portuguesa sexa recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio Intanxible da Humanidade.
A iniciativa do colectivo Ponte nas Ondas paréceme extraordinaria e moi valente. Racha de facto a incomunicación secular cos nosos irmáns minhotos, ao tempo que pon en valor o tesouro das nosas palabras e saberes populares. Faime gracia a morneza do Ministerio español (que pretendía fose recoñecido o flamenco), actitude que contrasta co compromiso do governo portugués (foi quen presentou oficialmente a candidatura) e o apoio decidido do Consello da Cultura Galega. O venres, 4 de febreiro, presentárase na cidade do Douro a candidatura, coa presenza de dous ministros portugueses (a de Cultura e o de Cidades) e do presidente galego. Beizóns para Santiago Veloso e o resto dos seus colegas docentes por tamaña proeza.
3 Comments:
O promotor da idea, Santiago Veloso, traballa no instituto de Gondomar co meu home. Tiveron que pedir a colaboración do ministerio portugués porque o español (socialista xa)os sacudiu de enriba con argumentos bastante patéticos, como o do flamenco, por exemplo, que non reunía as condicións esixidas.
Vivir para ver. Agora parece que o asunto está encarreirado. ¡Ogallá!
Si. O comportamento do Ministerio de Carmen Calvo foi moi vacilante, como, supoño, nunha primeira fase, a da propia Xunta de Galicia. Polas informacións que posúo foron decisivas as achegas do Consello da Cultura Galega e (como sinala ben Lolo)o interese do BNG (promovendo mocións municipais apoiando a candidatura e preguntas no Congreso do deputado Francisco Rodríguez sobre a cuestión). O traballo da xente desta candidatura (Veloso á cabeza), como o que levan promovendo desde hai dez na experiencia Ponte nas Ondas, demostra que en Galicia non está tódo perdido. Luces de esperanza abrollan aquí e acolá. Debemos seguilas e apoialas.
Efectivamente, a historia e o proceso desta Candidatura é bastante patético: retrata a cara oculta e máis "esperpéntica" das institucións galega, portuguesa e española. No seu momento sairán á luz estas "miserias".Pero agora o obxectivo é arrimar o ombreiro e agardar que desde París non perceban estas "sombras". Dígovolo eu que acompañei o proceso desde a orixe da inicitiva alá no mes de novembro de 2001. Prometo ir desvelando algunhas pequenas historias que poden dar algunha luz sobre as "posicións" de cada quen. Evidentemente, estou a traballar na Asociación Ponte...nas ondas! e isto si que é outro territorio " sen minas"...
Unha aperta.
Postar um comentário
<< Home