1.5.05

Máis premios

Despois dunha semana intensísima de viaxes, presentacións e reunións (leveina moi mal, case anguriado) onte chegou unha enxurrada de boas noticias: os premios "Lecturas" 2003 e os Losada Diéguez 2004. Son dos premios que como editor maior agradezo, por tratarse de recoñecementos a obra xa editada.
Aos "Lecturas", organizados por Galix e fallados por escolares e lectores de bibliotecas públicas, téñolles moita lei. Son premios que dan alegría, sendo os máis xenerosos, a fonte verdadeira que dá valor aos libros. Este ano os lectores novos consideraron como os mellores libros publicados en 2003: O caracol remoldiño de Xoán Cuba (6-8 anos), Ota quere voar de Ánxela Loureiro (9-11), O meu nome é Skywlaker de Agustín Fernández Paz (12-14), Morgún de Suso de Toro (14 en diante) e O bigote de Mimí de Suso Cubeiro (libro mellor ilustrado).
Nos Losada Diéguez volvimos completar pleno: o de investigación correspondeu a Antón Costa por Historia da Educación e Cultura en Galicia (xa premiado hai semanas co Irmandade do Libro) e o de creación a Rosa Aneiros por Veu visitarme o mar (a novela galega máis vendida nestes primeiros meses do ano).

Marcadores: