21.6.05

Morreu don Álvaro

Onte á notiña soubemos do falecemento do noso amigo, don Álvaro Álvarez Blázquez, o fillo máis novo do médico Darío Álvarez Limeses, fusilado polos sublevados o 18 de xullo. Morreu o afouto e coraxudo editor de Serigrafía Gallega, de quen aprendimos, nestes últimos anos, tantas leccións de honestidade e compromiso galeguista e republicano.
Nacido en Tui en 1921, Álvaro trasladouse a Vigo, onde dende 1944 traballou como funcionario do Instituto Social da Mariña e, como os seus irmáns, Xosé María, Darío, Emilio e Alfonso, participou nos círculos culturais vigueses dos anos cincuenta. Foi da súa amizade con Celso Emilio Ferreiro, con quen amigou na tertulia do Café Derby, onde xermolaría o seu interese pola técnica da serigrafía que, vinte anos despois, racharía coa invisibilidade na que viviu a plástica galega de posguerra.
Unha sucesión de acontecementos fortuítos, protagonizados por don Álvaro, fixo posible desenvolver esta experiencia tan singular como exitosa no seu tempo. Así, segundo el mesmo me relatou, Ferreiro foi quen lle deu conta da aparición dun novo sistema de impresión, a serigrafía, do que tiña coñecemento pola súa experiencia como responsable dun tallerciño de fotogravado. A noticia inquedou a Álvaro quen decidiu procurar información sobre as súas características, atopándoa no señor Marcos, un gravador que a viña praticando de forma moi precaria no obradoiro que rexía na praza de Chueca. Nunha primeira viaxe a Madrid para atoparse con aquel artesán, Álvaro adquirirá elementais coñecementos da técnica da serigrafía, que non pasaron de saber que se trataba dun procedemento de impresión a través dunha peneira, o que provoca un resultado de excelente calidade para as tintas e as cores.
Días despois do regreso da súa viaxe le en «Faro de Vigo» un anuncio que marcará a súa vida posterior: «Antes de embarcar para América enseñaría el arte de la Serigrafía a quién le interesase». Tan enigmático reclamo proporcionaba o enderezo dunha pensión situada preto da Estación. Don Álvaro non o pensou dúas veces e concertou na libraría anticuaria Monterrey –que rexía o seu irmán Xosé María– a primeira cita co seu novo profesor, un gordiño moi faladeiro, madrileño, tamén, como o primeiro, que lle proporcionaría os coñecementos imprescindibles para montar na bufarda da casa de Marqués de Valladares 15 o seu primeiro tallerciño.
O éxito da técnica animouno a montar o seu primeiro obradoiro profesional, que denominará «Serigrafía Gallega», en Falperra 33, un dos baixos da Panificadora, situado enfronte da taberna de Armando. Axiña realizará os primeiros encargos consistentes en felicitacións de Nadal, autocolantes para os vehículos da Citroën ou bandeiriñas publicitarias para os que contaban co deseño de Urbano Lugrís, que precisaba daqueles traballiños para inventarse a vida. Aínda emociona comprobar o enxeño desbordado do noso pintor do mar, de quen celebramos este nadal o trinta aniversario do seu pasamento, que realizou os debuxos das bandeiriñas do Ano Santo de 1965, do restaurante «El Mosquito» ou fermosísimas tarxetas de Nadal.
Aqueles traballos «comerciais» simultaneábanse coa impresión dos primeiros carteis para festas e exposicións (preparados por Virxilio) ou para a celebración do 17 de maio (obra de Xohán Ledo). A edición de milleiros e milleiros de autocolantes cos textos de «Galego na escola», «Falemos galego» e «Xa falamos», promovidos por ensinantes galeguistas e distribuídos por Castrelos (a editora da familia), terá un grande impacto no lento agromar da conciencia de uso público da lingua galega. Colaboracións con edicións Castrelos que se extenderán a realización das portadas e dun expositor promocional da colección «O Moucho», identificables pola presenza da figura dun labrego creado polo debuxante Bofill.
Comezaba así, a finais dos sesenta, a comprometida contribución a prol da difusión da cultura galega de «Serigrafía Gallega», que tiña a Luis Ameijeiras Olañeta como encargado do taller e que chegará a contar ata con nove empregados.
En decembro de 2003 tiven a fortuna de colaborar con don Álvaro na montaxe en Vigo da exposición Tintas Galegas e no pasado mes de novembro convideino a participar na mesa redonda sobre a edición histórica galega, celebrada dentro do Iº Simposium do Libro e a Lectura. Un pequeno recoñecemento dos editores, realizados trinta anos despois, daquela proeza empresarial e cultural realizada por Álvaro Álvarez Blázquez. Aínda recordo o seu bo humor no xantar no Carretas, cando comezaban os síntomas da súa enfermidade, e as súas brincadeiras con Sabino Torres. Como lembro, hoxe, tamén, as súas chamadas polo móbil para comunicarme con enorme coraxe o terrible diagnóstico e a súa satisfacción e ledicia por ver editado en vida o libro coa obra galega do seu irmán Emilio.
Sei que o domingo despediuse con serenidade de todos os seus. Para eles, unha fonda aperta.
Hoxe, ás 18:00 horas, no Tanatorio de Pereiró celebrarase unha misa no seu recordo, e logo será incinerado.
Que a terra galega, que tanto amou, lle sexa leve a un dos nosos mestres!

Marcadores: