20.6.05

Xente feliz con lágrimas


O Saviñao, 19-06-2005.

Onte non foi un día para chorar, mais tampouco para botar moitos foguetes, xa que ao longo da noite fomos comprobando no espello o estado real da nosa febleza. Outravolta, deambulamos como xente feliz con lágrimas.
Como tantos outros galegos, pasei ao longo do día da esperanza á alegría; logo, da alegría ao medo; máis tarde, do medo á esperanza; e, por último, da esperanza á decepción. Con todo, queda, afortunadamente aínda, e isto é o máis importante, unha raiola de luz.
Á media tarde souben das israelitas que daban unha cómoda maioría á alternativa (e un formidable resultado ao BNG), expectativa que, antes de comezar o programa electoral, confirmaban plenamente os sondeos do voto manifestado. Ás nove menos cuarto, os prognósticos baseados no reconto de 44.000 papeletas (clavaron o resultado final) deron inicio a un desacougo que, a partir das nove, co comezo do reconto, puxéronnos diante da crúa realidade: Fraga non ía caer coma un castelo de naipes, resistía ben, sobre todo en Ourense, e o Bloque perdía un escano en cada unha das catro provincias. Ata ás dez menos cuarto, co 55% do voto escrutado, non puidemos volver soñar. Logo, durante dúas horas, especulamos sobre as razóns do medo e da incerteza.
Saín de San Marcos, ás doce e cuarto da noite, confuso e desorientado, camiño de Sal. No coche viñen remoendo sobre cáles son as razóns que poidan explicar o comportamento electoral da xente deste país de alegrías tan concisas.

Marcadores:

5 Comments:

Blogger folerpa said...

A decepción inzase polo blogomillo coma un andazo, coma unha paralise. o silencio dalgúns. O ton desesperanzado doutros. As chamadas ao exilio interior ou exterior. A renuncia a un país que sentimos alleo e estrano.
Pero bueno aínda nos queda unha semana e regueifeiro e concheiros coas súas exactas matemáticas erguerannos o animo durante a espera.

7:38 PM  
Blogger Martin Pawley said...

Cando o próximo luns o reconto do voto emigrante confirme que as cousas quedan como agora deixará de haber amargas victorias e dóces derrotas. Para daquela só haberá uns que gañan e outros que perden, e unha grande maioría que celebrará o grande salto adiante. Que xa son horas, dito sexa ao paso.

1:37 AM  
Anonymous Anônimo said...

Estou totalmente de acordo con Louzao. Eu tamén me sentín moi decepcionada co resultado o domingo á noite. E preocupada, pero creo que tampouco debemos ser derrotistas, tal como están as cousas hoxe por hoxe (e parece probábel que así queden)o cambio xa está aquí. É bonito soñar e eu soñei moito ata o domingo ás dez da noite, pero supoño que temos que asumir que non é fácil neste noso país conseguir que as cousas cambien radicalmente en tan pouco tempo. Supoño que estas políticas clientelares baseadas na inercia están demasiado enraizadas para morrer de súpeto, mais parece que van esmorecendo e iso debe manter a nosa esperanza. E, por suposto, manter tamén o traballo diario, a ilusión de botar por fin a andar por un camiño novo.

10:33 AM  
Blogger Cesare said...

Non lle vou vir a deitar optimismo á súa casa, que xa pra iso teño sitio. Pero gustaríame facerlle unha precisión sobre a resistencia do PP en Ourense... Perdeu 6,7 puntos, mentres que en Pontevedra deixaba 7,0, en Lugo 6,9 e na Coruña só 6,2.
E non é que me importe en realidade saber por onde van os puntos, pero preocúpame insistentemente esa visión que "se ten por aí" da relación entre PP-rural-ourense. Ás veces é así, pero outras non tanto.

12:34 PM  
Blogger Brétemas said...

Cesare, o PP resiste en Ourense en deputados, aínda que non en votos. A iso referíame. Agradécense as análises máis finas. A cultura dos matices é a que precisa o futuro.

4:20 PM  

Postar um comentário

<< Home