9.7.05

Martínez de Sousa


Onte no coloquio sobre a edición en linguas minorizadas coñecín ao mestre de editores, José Martínez de Sousa. Este galego d' Rosal é, sen dúbida ningunha, a maior autoridade española no tratamento do texto, o labor máis específico e irrenunciable do editor. Este bibliólogo, ortotipógrafo, lexicógrafo e tantas outras cousas relacionadas coa industria do libro e da edición, que se iniciou profesionalmente en 1957 como corrector tipográfico da editorial Bruguera, é unha persoa simpatiquísima e de narración sedutora. No xantar contounos con moita retranca que a súa aerofobia obrigouno a desprazarse, como tantas outras veces, en coche dende Barcelona e impediulle acudir aos múltiples convites que lle fixeran en América para participar en congresos ou conferencias.
Pepe é autor dunha longa obra, mais para min é o creador do Manual de edición y autoedición, do que nestes días acaba de aparecer unha segunda edición moi actualizada. Este é un dos meus libros máis consultados e queridos, ata o punto que o agasallo a cada un dos novos editores que se incorporan ao traballo da editorial. Un ritual iniciatico co que pretendo simbolizar a necesidade de aprender a mimar o texto como a tarefa primeira do noso oficio artesán. Moito do que sabemos na editorial, debémosllo ao maxisterio de don José. Os editores galegos temos pendente con el unha merecida homenaxe.

Marcadores:

2 Comments:

Blogger albixoi said...

Evidentemente os editores deberían facerlle unha homenaxe a este grande home. Só unha pena, a seu non exercicio de Galego. Ninguén é perfecto.

7:45 PM  
Anonymous Anônimo said...

Certo. De feito, eu acabo de enterarme neste blog de que este señor é galego. Curioso. Recordo que hai un par de anos unha das bolseiras que tivemos no meu traballo, unha moza de Donosti aluna do mestrado de edición de Santillana en que el imparte aulas dende hai un par de edicións, contoume que se montara tremenda polémica na clase polas alusións despectivas do señor Sousa ás linguas minoritarias do estado español...

10:13 AM  

Postar um comentário

<< Home