Gratuidade na Primaria
Sorpresivamente acaba de anunciarse a gratuidade total dos libros de Educación Primaria para este curso. Deste xeito amplíase a gratuidade dos libros aos alumnos de 1º, 2º e 5º. Nestes momentos descoñecemos cál foi a modalidade escollida pola Consellaría de Educación, máis aínda, cando afecta tamén ao carácter funxible e non reutilizable do primeiro ciclo desta etapa.
O sector editorial e libreiro, inmerso na voráxine da campaña de comercialización dos libros de texto, non recibiu información ningunha sobre a implementación e as modalidades desta importante medida. Editores e libreiros non merecemos, nin sequera, ser informados personalmente (como o foron as confederacións de pais e nais)?
- Actualización (15:35): a Xunta fala de libros gratis e da continuidade da medida en vindeiros cursos ata completar o ensino obrigatorio (tres cursos da ESO). Sabemos por Vieiros da vontade de diálogo do presidente Touriño co sector do libro (os editores, e non sei se os libreiros, non fomos convocados ou recibidos por conselleiros ningúns do novo goberno) e da súa proposta de realizar un programa para "coñecer a situación do seu mercado". Con estas declaracións non saio da miña perplexidade, moito máis despois do trasacordo na cuestión dos concertos. Un paso adiante e outro atrás, tecendo na tea dos nosos soños.
- Actualización II (19:15): os editores convocamos unha reunión extraordinaria, mañá ás 12:00 horas na Libraría Sargadelos de Santiago para valorar a medida e as súas consecuencias empresariais e educativas. A queixa máis unánime de todos os colegas cos que falei -fóra da escasa actualización dos argumentos técnicos que utiliza o presidente sobre "a converxencia europea" que supón esta medida (velaí para rebatelos os datos que incluímos no documento da AGE sobre esta cuestión, publicado antes das eleccións)- é non ter sido consultados, nin sequera informados. Actuaría deste mesmo xeito o presidente da Xunta se tivese que tomar unha medida cunha repercusión semellante sobre calquera outro sector económico? Valoráronse as consecuencias económicas e culturais que esta medida vai ocasionar? Que medidas inmediatas vai adoptar a Xunta de Galicia para que os índices de lectura pública en Galicia converxan cos estándares dos da Unión Europea (remitimos á lectura do mesmo documento)?
- Actualización III (21:45): afortunadamente entre este mar de propaganda atópase a opinión de xente sensata como Alba Nogueira que puntualiza nun artigo magnífico o alcance real e o molde sobre o que foron elaboradas as primeiras medidas de política educativa do presidente Touriño.
- Actualización IV (23:00): revisando a documentación existente na rede e á vista do modelos de Castela A Mancha e das declaracións da conselleira de Aragón (actualmente responsable de educación do PSOE), non hai dúbida de que a modalidade de gratuidade escollida polo presidente Touriño será a de préstamo (o que suporá o continuismo coa opción escollida polo goberno Fraga, en detrimento doutras posibles como as do cheque-libro). Confirmaríanse así os nosos peores agoiros (expresados en roda de prensa o pasado mes de xullo) debido a unha nova imposición sen negociación ningunha (como xa fixera o goberno anterior) dunha modalidade que está sendo cuestionada polos seus efectos perversos nos países europeos que a teñen implantada.
- Actualización V (09-09-2005): a Consellaría sacou hoxe unha nota oportuna onde aclara o procedemento a seguir para as familias que se queiran acoller á ampliación do programa de préstamo.
Marcadores: Libro de texto
8 Comments:
Demencial.
Demencial que en medio da campaña de libros de texto, cos libreiros cheos de traballo, cun feixe de pais que xa pagaron e levaron os libros, se anuncie a gratuidade. E que se anuncie así, polas bravas, sen dar detalles dos comos e os candos. Se tiñan idea de tomar esta medida, que lles custaba anunciala hai tres semanas?
Non entro nas consecuencias desta medida, que non son quen a calibrar -diso saben mais editores e libreiros. O que me parece aberrante é o xeito e o momento de dala a coñecer.
E unha pregunta: aos pais que xa adquiriron os libros con descontos (do 15%, do 25%...) que se lles vai devolver, o importe que pagaron ou o prezo dos libros? Que terán, que amosar as facturas?
Trece millóns de euros!!!
O Plan de mellora de bibliotecas para este curso foi en total de 250.000 euros. Se a repartimos só entre os 123.000 alumnos que se di beneficiar coa gratuidade do libro de texto: un plan de bibliotecas de 2 euros por alumno. Ao mellor aínda imos ter que gastalos en almacenar os libros de texto nos centros durante os veráns.
Non teño que acudir ao meu espírito francamente liberal pra amosar o meu pánico ante esta medida. O soe está dando unha sobre outra. A ver se espabilan.
Pois... acabo de ler o artigo de Alba Nogueira e fliiiipo. "Nos fogares non non quedarán os vellos materiais como textos de consulta"?????????? Sexamos serios, por favor... Na miña vida usei un libro de primaria máis que para facer os exercicios e nunca máis aló do curso... Vexo os da miña sobriña e pensar que os poida empregar coma libro de consulta e que me da un ataque de risa.
Por certo, poñer o centro da cuestión educativa no sector libreiros-editores non é precisamente imparcial. Algún dos mellores profesores que tiven na escola non esixían libro de texto.
Saúdos.
Concordo con iso que di hojasdehierba. As formas do governo do país novo foron nefastas, o fondo extremadamente discutíbel (libros gratis para os nenos dos colexios concertados que pagan bus e comedor, pero non para as familias con poucos recursos e nenos na escola infantil?), pero creo que a edición de libros de texto ten moito moito que rascar...
E volvo insistir: supoñamos que eu merquei os libros nun Carreful deses cun 25% de desconto, pero non gardo a factura, ou fago por non gardala. Cando entregue os libros ao colexio, vanme devolver o prezo real dos libros, sen desconto? É dicir, non só non vou gastar cartos, senón que vou gañar aínda uns pouquiños?
Este comentário foi removido por um administrador do blog.
Este comentário foi removido pelo autor.
Postar um comentário
<< Home