13.10.05

O Nóbel Pinter en galego

A verdade é que nunca pensara no debate que mantivemos estes días no blo sobre as candidaturas ao Nóbel que eu puidese chegar ser este ano un dos seus editores. Eis a sorpresa marabillosa que hoxe nos deu o rabudo antibelicista Harold Pinter, membro de Amnistía Internacional, autor dramático case inédito en España (publicado ata 2003 só en catalán en galego). Desque coñecimos a noticia, precipitáronse as chamadas e felicitacións e preparei as presas esta nota de prensa que aquí reproduzo:

  • Edicións Xerais de Galicia expresa o seu entusiasmo pola noticia da concesión do Premio Nobel de Literatura 2005 ao dramaturgo inglés Harold Pinter, autor do que Xerais publicou en 1999 o libro Vellos tempos. A festa de aniversario, un volume da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, onde se recollen a tradución de Manuel Vieites García de dúas das súas pezas dramáticas máis representativas do novo Premio Nobel.
    Harold Pinter, un dos autores máis trascendentais da dramaturxia inglesa contemporánea, ocupando un lugar central na historia da literatura dramática do universo mundo. Entre as súas pezas cómpre salientar textos tan significativos como The Dumb Waiter, The Birthday Party (A festa de aniversario, Xerais 1999), The Lover, The Caretaker, The Homecoming, Landscape, No Man ‘s Land, Betrayal, Ashes to Ashes, Old times (Vellos tempos, Xerais 1999) ou Como guionista de cine traballou en títulos do relevo d’ A muller do tenente francés, À la recherche du temps perdu ou The last Tycoon. Pinter, membro de Amnistía Internacional, ten alentado a creación de moi diversos foros de debate, sempre na defensa dos dereitos civís, da liberdade de expresión e contra a censura. Situado inicialmente pola crítica no ámbito do que se deu en chamar “teatro do absurdo”, a súa obra reborda calquera tentativa de etiquetado e constitúe unha singular aproximación ó estudio da conducta humana e unha denuncia permanente das diferentes maneiras en que o totalitarismo invade e se instala na vida cotiá.
    En Vellos tempos e n’ A festa de aniversario aparecen as tres cuestións claves para analizar a obra de Pinter: a ameza que permanentemente acosa ó individuo, do que xamais sabemos como vai aparecer e cales son as súas causas e finalidades; as dificultades para establecer unha comunicación entre os seres humanos que vai máis aló dos tópicos e dos lugares comúns cos que se inician as dúas pezas; e a imposibilidade de verificar ou dar por certos determinados acontecementos do pasado que condicionan o presente. A dominación e a crueldade, xunto coa extrema fraxilidade do ser humano que pode ser destruído, desintegrado, nun simple instante, e non importa tanto saber que é o verdugo senón constatar que os verdugos existen, quizais sexa unha das conclusións que o lector poida tirar da lectura destas exelentes pezas.
    Vellos tempos foi estreada pola compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago, no Teatro Principal de Pontevedra o 18 de novembro de 1988. Ata o momento, a obra de Harold Pinter foi publicada en
    España por Edicións Xerais de Galicia (galego), Edicions 62 (catalán) e Argitaletxe Hiru (castelán).

Marcadores: , ,

8 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Pareceume escoitar no informativo das 15.00 de TVE algo como que no estado "só estaba publicado en castelán e catalán". Tampouco son moi fiable, estaba diante duns callos; pero se esqueceron o dato é para darlles nos dentes.
Parabéns!

4:11 PM  
Anonymous Anônimo said...

Un excelente dramaturgo, cunha obra que, máis que para ser lida, gaña moitísimo cando é representada por grandes actores. Non coñezo a tradución galega nin tampouco a representación feita no país. Estaría ben que se volvese a montar.

5:24 PM  
Blogger Gonzalo G. Barreñada said...

Moi ben, Brétemas! Iso si que é iniciativa. Parabéns.

8:41 PM  
Blogger Martin Pawley said...

Agora xa non hai escusa: teñen que darlle o Nobel algún día a Woody Allen.

10:52 PM  
Anonymous Anônimo said...

Totalmente de acordo no de Woody Allen. Ah! e non os esquezamos do grande cabronazo Bob Dylan.

11:12 PM  
Blogger Roberto Iza Valdés said...

Este comentário foi removido por um administrador do blog.

8:06 PM  
Blogger Roberto Iza Valdés said...

Este comentário foi removido por um administrador do blog.

8:29 AM  
Blogger Unknown said...

Este comentário foi removido pelo autor.

8:32 PM  

Postar um comentário

<< Home