18.12.05

Campo do Fragoso IX

CAMBIOS URXENTES
Aos siareiros dóenos no corazón a humillante goleada que o Coruña endosou a un Celta incapaz de encarar o derby con algunhas garantías de éxito. Coa súa decepcionante actuación, a máis ruín e desganada que lle temos visto ultimamente, liquida a súa magnífica arrincada de tempada e contémplase impotente no espello da tristeza da bancada do Fragoso que soubo encaixar con enorme enteireza outro desastre fronte os nosos maiores competidores. Os problemas motivados pola falta de alternativas tácticas para remontar un resultado adverso, arrastrados nas segundas partes dos últimos partidos, agraváronse o sábado fronte a un rival tan antipático e ordenado defensivamente como consciente de que obter un bo resultado en Balaídos permítelle gañar moita credibilidade diante da súa afección durante varias semanas. A esta altura da liga, o Celta de Vázquez é un equipo fisicamente endeble e tacticamente moi previsible; un conxunto fráxil a quen os rivais xa lle pillaron a agulla de marear baseada nas intermitentes aparicións máxicas de Baiano e Canobbio. O Celta precisa cambios urxentes para evitar unha perigosa caída en barrena: Sergio non pode continuar un encontro máis no centro da defensa nin Iriney no medio pivote nin, sequera, Núñez na banda, xa que os tres amosaron unha alarmante baixa forma. Por moito que lle custe a Fernando modificar o seu once ideal, chegou o momento de comezar as rotacións e ofrecer oportunidades para Méndez, Jorge Larena, Roberto de Sousa, Aspas, Ridder ou Gustavo López. Fronte ao Barsa da marabilla podería ser un bo momento para inicialas.

Marcadores: , , ,

11 Comments:

Blogger Brétemas said...

Iso do Deportivo é cousa recente. Meu pai sempre falaba do Coruña e do Celta.

10:44 PM  
Blogger Brétemas said...

Sen entrar ne polémica, convén recordar que o nome oficial do clube coruñés de fútbol, non respecta o nome oficial da cidade onde está radicado. Lendoiro e Vázquez comparten esa filia.

10:48 PM  
Blogger Veloso said...

Estou de acordo con Brétemas. Cando eu era pequeno, en Vigo sempre se falaba do Coruña e creo que igual se fai no resto de España. Luis Aragonés, que xa ten anos, di sempre o Coruña. Non hai matiz despectivo ningún, igual que os vellos afeccionados de Santiago falan da SD e os máis novos prefiren falar do Compos.

8:45 AM  
Blogger eue said...

Meu pai, que ten agora 60, aínda fala exclusivamente do Celta e do Coruña

10:50 AM  
Anonymous Anônimo said...

Como dí Mourullo, na Coruña sempre de falou do Deportivo, o do Dépor si é cousa recente. E sempre se falou do Celta. Aquí ningúen fala do Coruña. E imaxino que ninguén fala do Vigo en Vigo.

11:44 AM  
Anonymous Anônimo said...

Por certo que lamentamos ser un rival "antipático". A próxima vez golearemos con simpatía. Xa veredes qué risa...:-DDD

12:06 PM  
Blogger Brétemas said...

Dubido que Tristán ou Munitis poidan golear en Balaídos con "simpatía". Farano coa convicción de que o están facendo a un equipo antipático para eles (dixérono nos días anteriores ao derbi). A rivalidade en termos futbolísticos exprésase nestes termos simbólicos, que nada teñen que ver coa racionalidade.

12:35 PM  
Anonymous Anônimo said...

que triste!
na páxina dun editor o comentario que mais post suscita é un sobre fútebol.
así lle vai á literatura deste país, en fin.

4:12 PM  
Anonymous Anônimo said...

Sócrates!!!, qué grande futbolista foi Sócrates no Brasil dos oitenta!!!

4:23 PM  
Blogger Brétemas said...

Non teñas medo, Sócrates, o fútbol non está rifado coa literatura. Xeralmente, estas crónicas futbolísticas apenas concitan comentario ningún. Non esquezas, tampouco, que o deporte é unha forma de expresión cultural, por moi deturpado que estea polo negocio e pola súa sobreexplotación por parte dos medios. Oxalá as páxinas de deportes estivesen escritas todas en galego. Sen dúbida que, se isto ocorrese, a literatura galega tería outro futuro.

4:24 PM  
Blogger máis alá said...

Sempre estiven a favor de Vázquez pero cada día cústame máis defendelo. Eu tamén penso que ten que facer cambios e ten equipo para eso. O de Gustavo xa parece que é capricho, non o levou a Zaragoza, non o sacou fronte ao Deportivo e non o leva a Barcelona. A min paréceme que Gustavo é dos que poden desequilibrar un partido cunha xenialidade como fai Cannobio, que tampouco está no seu mellor momento pero xoga en tódolos partidos.

6:59 PM  

Postar um comentário

<< Home