
O sábado de mañanciña subimos amodiño a
Froxán, dende a
Pobra do Brollón, entre a brétema que orzaba os soutos e as bidueiras, ao pé dunha estradiña moi estreita e virada. Esta entrada vagorosa ao Courel, por
Parada dos Montes, permite chegar directamente á fonte do Milagro de
Froxán, diante da eiriña na que se celebra a Festa da Pisa e do abandoxado da castaña.

A aldea de Froxán semella hoxe unha das máis dinámicas do Courel -sometida a un proceso de recuperación patrimonial, afortundamente menos museificador co que están padecendo outras, singularmente
Seceda- espertando mornamente do seu devalar. Ao mediodía as casiñas arremuiñadas nos socalcos van quecendo ao resol. Evaristo, o animador da Pisa, confésame que non ten dúbida de que o día vai abrir de alí a un pouco.
Chegan Miro e Mar, os amigos nosos da libraría Meendinho, cos que ruamos un pedazo ata o edificio da escoliña, construída en 1925, e hoxe abandonada (no Froxán quedan só dous pequenos). Pouco despois, párame "Foz", un compañeiro da laboral do que nada sei dende hai vinte e cinco anos. Entre falares e noticias apresuradas da familia e dun tempo pasado, quen o dubida, somos outras persoas, despedímonos moi emocionados.

Dende o pasado ano, no que viñemos por vez primeira a esta festa, estou convencido de que o Courel todo é un espazo nutricio de encontros inagardados. Debe haber algo mítico entre estes soutos espidos que chama a xentes de todo o país a acudir a esta eiriña para continuar intentando abalar a pedra da tradición.

Despois do traballo do abandoxado, comezan as breves intervencións no palquiño.
Serxio Pazos, o simpático pregoeiro, anima ao persoal co seu "Rap da Pisa"; logo presentamos a correr a
Fonte de Esperante, o desacougante libro de relatos de
Xosé Manuel Marcos, o grande escritor caurelao residente en Madrid. Rematan os discursos coas palabras de
Emilio López e do retranqueiro Alcalde de Folgoso. Precede ao xantar, tipicamente castañeiro, a "Muiñeira de Froxán", que interpreta o grande mestre gaiteiro
Xosé Luís Foxo, acompañado á caixa polo propio Milucho (deulle con moito xeito o Delegado Provincial).

No xantar falamos moi animados de libros, autores e editores. Marchamos pitando para a presentación de Chantada, prometendo que volveremos á vindeira Pisa. Esta cita no fondo da fraga xa é un compromiso ineludible.
Marcadores: Festas
2 Comments:
Carai, que ben contas o ben que o pasache que ata che saen as palabras flotando...
:)
Bonito dia, bonita paisaxe, boa xente, boa movida...que mais se pode pedir?.
Postar um comentário
<< Home