
Nunha primeira ollada pode parecer que moi pouco do selo do rabudo
Polanski atopamos no seu
remake de
Oliver Twist.
Formalmente maxistral, a narración cinematográfica flúe fiel co texto da novela, ao ritmo marcado por unha fermosa
banda sonora e unha ambientación decimonónica moi coidada, deixando só un oquiño final para unha homenaxe polanskiana á ambivalencia moral de Fagin, o mestre dos ladronciños. Porén, o mestre da dor deixa subterránea a súa pegada na aparentemente intrascendente exposición dos padecementos infantís como parte da condición humana e da súa maduración e perda da inocencia (algo moi dickensiano), fuxindo á mantenta do sentimentalismo de bos e malos doutras
versións. A crueza arrepiante da xungla urbana londiniense (paradoxicamente unha homenaxe a Praga), amosada en detalles insignificantes, serve para expresar con frialdade a brutalidade da vida coa que aínda hoxe se enfrontan con escasa esperanza milleiros de rapaces das rúas do mundo. Eis, nese escaso doutrinarismo moral da versión de Polanski é onde atopei esas migallas de infinita humanidade que deitan todos os textos do meu admirado
Charles Dickens. Creo que Polanski, a pesar do xélido desta mirada, sae ben parado da ousadía de reconstruír tan complexa narración deste mestre indiscutible do
corazón humano.
1 Comments:
Esta semana andei ocupando o tempo con Claire Denis, pero deste sábado non pasa.
Hai que volver a Dickens, infelizmente un gran descoñecido (e dígoo en serio).
Postar um comentário
<< Home