
Alerto do nacemento onte dunha importante nova
sección xornalística que
Marcos Valcárcel publicará cada domingo no suplemento
Lecer de
Galicia hoxe. Valcárcel, con motivo de celebrar o centenario da Academia, acomete o ambicioso
proxecto de percorrer anualmente a historia cultural galega ao longo dun século. Recuperar este xénero de efemérides, que tanta importancia tivo no xornalismo do dezanove, é unha magnífica idea neste ano, tamén, da memoria. Esta primeira entrega, dedicada a 1906, relata o nacemento da
Academia ou de persoeiros da talla de
Tobío,
Filgueira ou da fábrica de cervezas
Estrella de Galicia. Un proxecto oportunísimo que seguiremos semanalmente. Parabéns para o noso amigo o infatigable e rigoroso Marcos Valcárcel.
Marcadores: Cultura
5 Comments:
Moitas grazas polas túas xenerosas palabras. "Cen anos de historia cultural" era un vello proxecto que tiña na mente e pensei que este ano (centenario da Academia) era o momento oportuno para darlle saída. É tamén un xeito de recuperar as vellas Efemérides do XIX e principios do XX, que tiveron executantes tan relevantes como os ourensáns Arturo Vázquez Núñez e Alberto Vilanova. Ademais, xa que estamos no ano da Memoria, necesitamos tamén unha memoria cronolóxica, diacrónica, que nos axude a situarnos e enfocar o futuro coas costas ben cubertas por un pasado que non ten páxinas baleiras. Grazas de novo. Marcos Valcárcel.
Marcos Valcárcel conxuga eficazmente o labor de xornalista coa súa formación historiográfica de experto coñecedor da cultura galega. O resultado soen ser espléndidos frescos, repletos de información relevante e moi ben escritos. Como se dicía antes, é un autor que instrúe deleitando. Parabéns pola iniciativa. Leremos as súas entregas e enterarémonos de moitas cousas, unhas que ignorábamos e outras que tiñamos xa esquecidas.
Cómpren máis exercicios coma este contra a amnesia (moi emparentada co autoodio) que padecemos. Sorte
É unha magnífica iniciativa, moi útil para todos os cidadáns e tamén para o ensino. Súmome ós parabéns.
Moi enxeñosa a páxina de Estrella de Galicia (temos algo especial desde 1906)
Aquí nas Asturias a rubia non a hai en todos os sitios. É posible tomarse unha caña tirada a presión por unha desas cabezas de Sargadelos pero é unha fazaña atopala embotellada nos super/hipermercados. Mágoa!
Saúdo afectuoso, Brétemas.
Postar um comentário
<< Home