Entrevista con Carme Blanco
Tras a presentación de Sexo e lugar, Vieiros realizou unha longa entrevista a Carme Blanco. Das respostas da escritora de Unión Libre saliento estas que me pareceron de maior interese:
- Este é un libro de liberación, para homes e mulleres, para derrubar o poder sexual e colonial e vivir libre a experiencia do sexo e do lugar. Fala do poder, da arte e da literatura en xeral: hai que encamiñar a ciencia, a creación e o pensamento á liberación. É necesario nos tempos nos que vivimos...
- No tempo da paridade política, temos que decatarnos de que o poder patriarcal pervive máis alá: a violencia de xénero coa que convivimos a diario, aquí ou en El Salvador, os prexuízos, seguen a ser pedras que pesan sobre nós. A política do politicamente correcto está ben na forma, pero trátase de ir ao fondo, ás mentalidades. Os prexuízos impiden a vivencia libre do sexo e a da galeguidade: colonialismo e patriarcado van unidos. A estas alturas está desintegrado o átomo, pero aínda quedan as pedras... Por iso os ensaios están enfocados cara á liberdade, para vivirmos o sexo e vivirmos o lugar sen represións. Para eses praceres está escrito este libro.
- O libro ten a consistencia, a permanencia, pero a Rede ten a inmediatez e a accesibilidade...
- Sempre é necesaria esa revisión crítica que inaugurou María Xosé Queizán con Pondal. Mais é importante coñecer a historia da galeguidade, porque Pondal tamén tiña elementos filóxinos: a creación de grandes mulleres, poderosas guerreiras, poetas, bardesas, cazadoras... Ao lado, porén, atopamos cousas coma unha loa da violación. Temos que ser quen de ver as cousas con obxectividade. Non temos porque deixar de ler a grandes figuras, pero temos que aprender a miralas con ollos libres. Eu quixen abordar as luces e as sombras dos autores, desmontar os prexuízos, ler entre liñas a Pondal ou Leiras, nos episodios "Amores" e "Praceres e poderes." E hai que salientar que a época tampouco disculpa certas mentalidades: Rosalía e Murguía viviron na mesma época e foron parella, e ela era enormemente crítica co poder sexual, mentres el era un conservador e patriarca...
Marcadores: Autores, Entrevistas
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home