2.7.06

Con Isaac

Non podo comprender as razóns para intentar apartar a Isaac e a súa familia da dirección do grupo Sargadelos. Hoxe en Vigo Metropolitano aparece unha das poucas entrevistas con este grande mestre de editores sobre tan espiñenta cuestión. Nesta entrevista moi interesante, Isaac amosa a súa vontade de loitar para recuperar a dirección do proxecto empresarial e cultural que encabezou dende hai máis de corenta anos.
A Isaac téñolle enorme admiración. En decembro de 2004 tiven a honra de facer a laudatio do seu traballo, con motivo da homenaxe que lle tributou a Federación de Asociacións de Veciños de Vigo. Permítome extractar o anaco daquel discurso no que facía referencia a súa actividade empresarial:

"... Creo que foi o contacto co mundo do exilio o feito decisivo que o levou a tomar a decisión radical de abandonar a súa carreira de “pintor de éxito” e iniciar un comprometido proxecto de promotor dunha industria cultural en Galicia. Velaí o proxecto intelectual, empresarial e cultural (termos inseparables) do noso Gulliver Pardo: pasar dunhas formas (os sinais dun sistema propio de expresión das manifestacións da cultura) exclusivamente funcionais a outras que, ademais de funcionais, expresaran o contexto no que foron feitas.
Desa complexa determinación intelectual saíron os proxectos empresariais aos que Isaac Díaz Pardo entregou a súa vida: Cerámicas do Castro (fundada en 1948), que comezou empregando as materias primas utilizadas no antigo Sargadelos para fabricar pezas de aprezable calidade, e, logo, en Arxentina (Isaac tamén foi emigrante), Cerámicas de Magdalena (en 1955). De novo no país, o Laboratorio de Formas de Galicia (1963), que promoveu xunto aos seus grandes amigos da cultura do exilio bonaerense (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar), concibido como plataforma para promover unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Ediciós do Castro. E, xa por último, o complexo industrial de Cerámicas Sargadelos de Cervo (1968), a formulación da industria cultural de maior relevo e transcendencia do noso tempo. Sargadelos foi, dende entón, e segue a ser, o símbolo da Galicia moderna e eterna, recollida nun prato ou nunha cunca, nunha alfaia diminuta das que deseña a súa compañeira Minina ou nunha escultura da Alba de Gloria.
E nesas segue don Isaac. Traballando como responsable, deseñador, creador, promotor de Sargadelos; como editor de Ediciós do Castro (onde publica “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia”, a colección culturalmente máis relevante da edición galega actual); como membro de patronatos e fundacións múltiples; como articulista semanal tan aceirado e crítico como oportuno.
En todos estes eidos, en todas estas actividades, Isaac loita contra a desmemoria que baleira de contido trascendente calquera nova iniciativa. A memoria para el é garantía de lucidez e de compromiso, de respecto tanto pola tradición, moitas veces roubada ou ocultada (pensemos na do exilio), como, polo futuro, xa que constitúe a cartografía máis detallada para encaralo con esperanza.
(...)
Isaac Díaz Pardo é pura memoria de ferro (roubándolle o termo ao libreiro Antón Patiño) forxando o futuro de Galicia. Isaac é o artista total a quen hoxe os vigueses queremos acoller neste xantar. E queremos facelo coa mesma xenerosidade, con idéntica fraternidade e elegancia coa que Isaac nos acolleu sempre na súa casa de San Marcos. Porque, por riba de todo, a súa é a cultura do abrazo, a máis profundamente humana.
Con todos os nosos abrazos."

Marcadores: ,

10 Comments:

Anonymous Anônimo said...

joo, cuando me parece q no puedo más con tanto pragmatismo y tanto $...lo leo en la voz, y me devuelve la ilusión de vivir.
díselo!
Le adamiro mucho mucho, pot coherente y buena persona.

siloam

11:20 PM  
Blogger albixoi said...

Unha vez máis debemos avergoñarnos do poder fagocitador que ten o noso país. Creamos figuras de talla internacional e coa mesma presteza derrubámolas. Así é imposíbel facer país.

12:54 AM  
Anonymous Anônimo said...

Vai tamén para Isaac e para o seu proxecto, que foi o de Seoane, o maior dos afectos.

E para ti tamén, Manolo.

11:24 AM  
Blogger R.R. said...

Aí vai un enlace por se che interesa a campaña: http://mestreisaac.aduaneirossemfronteiras.org/

Saúdos e noraboa polo post e polo blog.

2:27 AM  
Blogger juan l. blanco valdés said...

Isaac -lle guste a el ou non- é un símbolo de moitas cousas moi importantes para este país . No post http://fragmentosgutenberg.blogspot.com/2006/05/con-isaac.html deixei xa hai días o meu punto de vista. Saúdos.

1:33 PM  
Blogger llll said...

xa non é só a cuestión de que intenten destituilo do cargo, senón que tamén andaron á procura de botalo da súa casa. iso di moito do pouco respecto que esta xente amosa.

visitade www.aduaneirossemfronteiras.org, onde están a mobilizarse en rede para a defensa de Díaz Pardo.

7:40 PM  
Blogger llll said...

perdón, acabo de ver que xa r.r. enlazou a páxina de aduaneiros. saúde e forsa.

7:41 PM  
Anonymous Anônimo said...

Non é o mesmo unha creación de empresa, que unha empresa de creación.
Isaac ao que tiven o pracer de coñecer, soubo conxugar ambos os dous conceptos, eu, téñoo de referencia.
saúdos

1:43 PM  
Anonymous Anônimo said...

Honra, louva, máis cargos e medallas para o bo de Isaac. Meréceo. Pero as empresas, mesmo as empresas culturais teñen necesidades de xestión que non pode asumir un home de 80 e tantos anos. Respeto tamén para os que se viron na necesidade de remudar a Isaac. E menos insultos amparados no anonimato.

3:05 PM  
Anonymous Anônimo said...

O triste é que non vos enteredes do que pasou realmente.

O único problema de Isaac é que non soubo aceptar a derrota. A maioría dos socios non aprobaron a súa xestión, se tan democrático é, ¿por qué non escoitou durante anos aos seus socios? O 'golpe de estado' non é tal, non é máis que unha mentira, como todas as tonterías que vai dicindo de periódico en periódico.

¿Queredes criticar? Criticade, pero facede o favor, informarvos antes.

E sí, eu fun admirador de Isaac, pero isto non ten nome, pola miña parte foi unha GRANDÍSIMA decepción. Non esperaba isto de él.

6:28 AM  

Postar um comentário

<< Home