2.8.06

A Feira de Pawley

Como xa sucedera o pasado ano, un dos maiores atractivos da Feira da Coruña van ser as crónicas de Martin Pawley. Pouco podo engadir á reportaxe que el fixo da primeira xornada, na que participei presentando o primeiro volume das memorias de Neira Vilas.

Antes de iniciar o acto Pepe, que estaba ben animado, contounos que dende hai máis de trinta anos leva un bloc (insistiu no de bloc) onde diariamente recolle aqueles aconteceres e vivencias que considera máis significativos (en definitiva, un bloc analóxico manuscrito), textos que logo, ao remate do ano, transcribe a máquina. Este traballo foi o que permitiu a edición da primeira entrega das memorias que onte presentamos, organizadas a xeito de blog.
Ten razón Pawley no detalle da presenza dos vasos de Coca-Cola sobre as mesas da presentación (feito que unha participante na presentación me recriminou). Mágoa que a Feira do Libro máis concorrida de Galicia non coide aspecto formal ningún. O cartel anunciando (un único exemplar en tamaño folio para todo o espazo) os actos do día aparece manuscrito e desamañado; a información do programa non está en Internet; non hai un responsable de prensa; a música (onte Bod Dylan) atroa durante a celebración dos actos na carpa (nun estado de conservación e limpeza lamentable)... En fin, e mellor non seguir para non caer na melancolía... Mais a pesar de todo iso é incrible a cantidade de visitantes dunha Feira que onte estaba moi animada. Hoxe volveremos para acompañar a Xosé Luis Barreiro e Suso de Toro e asistir á presentación do último número de Grial.
Etiquetas:

Marcadores: