26.9.06

25 anos do Xurelo

O pasado sábado celebrouse en Ribeira un acto con motivo do XXV aniversario da primeira viaxe do Xurelo. Aquela expedición, promovida pola nosa emerxente Esquerda Galega e por algúns membros de grupos ecoloxistas, con motivo de tratar de impedir os verquidos radiactivos a 750 quilómetros da nosa costa, foi a primeira mobilización en defensa do mar de Galicia. Anos despois, Agustín Fernández Paz escribiu unha fermosa homenaxe literaria, convertida polo apoio dos lectores nun dos referentes da nosa literatura infantil.
Os valentes expedicionarios do Xurelo amosaron que tamén era posible en Galicia un novo xeito de entender a participación política e social. Aquelas mobilizacións, que duraron tres anos (incluída a primeira manifestación galega en Bruxelas), conseguiron impedir o funcionamento do cemiterio nuclear previsto e a prohibición internacional de verquidos radiactivos na chamada Fosa Atlántica. Estou seguro de que a resposta cívica do Prestige nunca se tería producido sen este humilde precedente.
Os heroes do arco da vella do Xurelo merecen hoxe o noso recordo e maior agradecemento.
(Foto: Xosé Castro)
Actualización (27-09-2006): Magnífico o o poema de Sara Jess.
Actualización (30-09-2006): Rúa do sol (un blog mariñeiro que non coñecía ata hoxe) publica un post moi esclarecedor sobre a expedición, identificando o nome de todos os participantes. Outra proba de como na rede podemos ir tecendo a memoria.
2ª Actualización (30-09-2006): o xogo das diferenzas entre as fotos que propón Josito é xenial. Na foto publicada tiraron pola borda ao pobre Xurxo Lobato. É incrible!

Actualización (01-10-2006): vía Depósito atopo a fotografía da mesa da homenaxe.
Actualización (09-10-2006): O fotógrafo Xosé Castro escribiume para indicarme que é o autor da foto da expedición, solicitándome que o fixera constar (como aquí facemos). Indica, tamén, que a foto foi sacada en automático, sendo el o primeiro pola esquerda agachado. Xosé Castro cubriu a información fotográfica para La Voz de Galicia, mentres que Xesús Naya ocupouse da información textual. Quedan recollidas, pois, as precisións.

Etiquetas: ,

Marcadores: , ,

15 Comments:

Blogger llll said...

"Galiza é un territorio onde se escenifica a sociedade do risco. o Xurelo representa un símbolo da Galiza optimista, de victoria das batallas exemplares que teñen que ver co futuro e co pobo, non co poder"

estas eran as palabras coas que Rivas finalizaba a súa intervención no acto que a asociación Altofalante organizou para conmemorar o 25 aniversario desa grande victoria.

eu alí, entre as butacas, apuntando as palabras de Rivas sobre unha factura do Froid, porque non tiña máis papeis a man.

9:23 PM  
Blogger llll said...

"Galiza é un territorio onde se escenifica a sociedade do risco(...) o xurelo representa un símbolo da Galiza optimista, de victoria das batallas exemplares que teñen que ver co futuro e co pobo, non co poder".

apuntaba este remate do acto organizado pola asociación Altofalante o pasado sábado en Ribeira. eran as palabras de Rivas, un dos que embarcou no Xurelo.

apuntaba esas palabras sobre a factura do Froid, porque foi o único papel que tiña a man.

e foi bonito escoitalos a todos.
foi bonito soñar ese momento e tomar exemplo del para o futuro.

polo futuro.

9:25 PM  
Blogger llll said...

perdón pola repetición. coidaba que non se publicara o primeiro comentario.

saúde.

9:26 PM  
Blogger Zerovacas said...

Saíra en La Opinión, non sei se o verán pasado ou o anterior, unha reportaxe (no seu dominical) sobre o Xurelo. Estaba moi ben.
O certo é que foi unha destas accións das que un pode sentirse orgulloso. Creo que foi máis ou menos por ese tempo que xente de EG foi tamén a Bélxica a poñerse diante dos trens que levaban os verquidos tóxicos para os barcos.

Eu afondei bastante na historia da Transición en Galicia (de feito a miña tese de douturamento, que presentei recentemente, ocúpase do papel da prensa galega nese período) e tiven a oportunidade de analizar a cobertura que os medios fixeron da expedición. Creo que é un feito bastante descoñecido para moita xente, e que debe ser reivindicado.

11:33 AM  
Anonymous Anônimo said...

O acto do sábado en Ribeira organizado pola Asociación Cultural Altofalante foi moito máis ca iso: foi un encontro, unha reivindicación, unha homenaxe, un motor de lembranza colectiva... Serviu para facer lembrar. Grazas a ela publicáronse reportaxes sobre a historia do Xurelo en diversos xornais e televisións e a xente falaba e lembraba a loita e a resposta cívica. Fíxose país e fíxose cidadanía.

11:55 AM  
Blogger X said...

Ata hai quince días nada sabía do Xurelo e da súa tripulación, escoitei a historia e estiven no Auditorio de Ribeira no acto organizado pola asociación Altofalante.
A proxección do documental e as intervencións parecéronme interesantes mais sobre todo, emotivas.
Sen desmerecer aos outros participantes, salientaría as palabras de Pili Pereiro cotiás, divertidas e entusiastas, e as do patrón do Xurelo Ángel Vila quen desde unha perspectiva histórica foi quen máis arriscou.
Como se dixo no acto, creo indispensable e de xustiza unha reivindicación oficial do papel do Xurelo na vida pública galega.

11:58 AM  
Blogger Brétemas said...

Paleón: os meus parabéns a toda xente de Altofalante. A miña intención era achegarme o sábado a Riveira, mais, ao final foime imposible. ben que o sentín. Convidárame Manolo Méndez e Paco Lores, dúas persoas ás que lles teño toda a consideración do mundo dende aquel tempo. Para miña xeración, os mozos que con vinte e poucos anos entramos naquela primeira Esquerda Galega, as expedicións do Xurelo e a loita contra o cemiterio radiactivo foi un punto e á parte na nosa concepción da política e da construción nacional de Galicia. Entusiasmoume a vosa iniciativa de conmemoralo aquela proeza. Beizóns e a seguir...

6:43 PM  
Anonymous Anônimo said...

Para os máis novos: quen son eses mozos que aparecen na foto?

11:08 PM  
Blogger Brétemas said...

Ameixeiras éche unha boa pregunta. Aí está o patrón Ángel Vila, os tenientes alcaldes dos concellos de Vigo (Francisco García), A Coruña (Gonzalo Vázquez Pozo) e Moaña (Manuel Méndez); había xornalistas (Manuel Rivas), biólogos (Roxelio Pérez Moreira)... Sería bo que algúen completase a lista e identificase na fotografía a todos aqueles heroes.

11:48 PM  
Anonymous Anônimo said...

Estiveron no "Xurelo": Anxo Vila (patrón do Xurelo) e tres mariñeiros, Gonzalo Vázquez Pozo (concelleiro da Coruña), Francisco García (concelleiro de Vigo), Manuel Méndez (concelleiro de Moaña), Manuel Rivas (ecoloxista de EG), Xurxo Lobato (fotoxornalista de La Voz de Galicia), Jesús Naya (xornalista de La Voz de Galicia), Roxelio Pérez Moreiras (da SGHN) e Enrique Álvarez Escudero (ecoloxista de Natureza). Saúdos.

11:00 PM  
Anonymous Anônimo said...

Tiven a honra de ir na segunda expedición do Xurelo como traductor de inglés e operador de radio. Eu non fun militante de Esquerda Galega, e Xan Traba, recentemente finado, reclutoume para esas funcións.
Na miña opinión non se está a ponderar a dirección daquela segunda expedición que tan acertadamente, dende o punto de vista organizativo e de repercusión nos medios, fixo Xan.
O éxito da operación foi de todos, pero especialmente de Anxo Vila,o Patrón e de Xan Traba. Emocionoume moito volver a ver ós vivos, e saber das perdas, despois de 24 anos.

4:54 PM  
Blogger Brétemas said...

Mera: é moi xusto este recordo do finado Xan Traba, un modelo de elegancia e de humanidade desbordada. Estou seguro que el lería estas páxinas de lembranza da proeza do Xurelo coa discreción que sempre o carcterizou.

9:02 PM  
Anonymous Anônimo said...

Parecenos moi ben que se celebren estas datas. E moita valentía por parte de Pilar Pereiro, xa que foi a unica muller da tripulación.


Alumnas do curso pasado de Pili.

5:18 PM  
Anonymous Anônimo said...

sobre los participantes en el primer viaje del Xurelo falta entre otros el verdadero fotoxornalista mandado por La Voz que es Xose Castro (Pepucho es para que lo tengan en cuenta tambien fue en el Arosa. esta agachado primero a la izqierda.

12:20 AM  
Anonymous Anônimo said...

No libro catálogo O Lado da Sombra, editado pola Fundación Luis Seoane no 2005, presentan unha colección documental sobre a Expedición do Xurelo coa narración do suceso feita por Enrique Alvarez Escudero, un dos expedicionarios

4:50 PM  

Postar um comentário

<< Home