Tostado de Costeira
Onte á noite para celebrar a visita do noso curmán brasileiro abrimos a botella de Tostado de Costeira. Unha auténtica marabilla esta recuperación do famoso tostado do Ribeiro (apenas 2.950 botellas numeradas, ollo: 35 euros)!
Recollo a fermosa nota de cata (un xénero descritivo admirable e dificilísimo) do amigo Luís Paadín, o coordinador da nosa Guía de Viños, publicada en Galicia gastronómica:
Recollo a fermosa nota de cata (un xénero descritivo admirable e dificilísimo) do amigo Luís Paadín, o coordinador da nosa Guía de Viños, publicada en Galicia gastronómica:
Límpido e brillante, cor amarela dourada, que lembra o mel multifloral. Intensos e complexos aromas, onde se entremesturan as lembranzas da uva e da crianza, asomos florais (mimosas, azar), nítidas lembranzas de froitos secos (cacao, abelás, noces, améndoas), notas de froitas confeitadas (laranxa, orellóns, uva moscatel), ceras, meles, etc.. Larpeiro, na boca, a sensación melosa da entrada é compensada cun fresco acedume, inundándoa de aromas que, aínda unha vez bebido o néctar, perduran na lembranza. Perfecta harmonía de calidez, dozura e acedume.
Que máis se pode pedir? Beizóns para o noso primeiro tostado! Un viño doce para gozar dos grandes momentos.
Marcadores: Gastronomía, Viño
3 Comments:
¡Que sorte, poder gozar dun viño así, Bragado! E qué boa descrición enolóxica. Agora unha adiviñanza: Unha cruz na eira entre o palleiro de centeo. ¿Nome do vixía? ¡Longa vida ao teu limpo blog!
Sendo un pobo tan celta non sei como non demos aínda co whiskey. Bebedores/as non faltan, desde logo.
Dende antonte, teño algo que celebrar. A lúa, unha nube de estrelas e unha boa noticia, ancoraron no meu tellado... E ahí están.Sí, teño algo íntimo, enorme, que festexar. Fareino con ise tostado exquisito aromático e froiteiro.Síntoo xa apropiarse da miña lingoa,esvarar coma un río de ouro polo meu padal... Sabe, ao viño dos deuses. Ese viño de ledicia feito con uvas recolectadas polas mans da propia Venus.
Postar um comentário
<< Home