Día Escolar da Paz e a Non Violencia
Mañá celébrase o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia (DENIP), efeméride que promoveu en España (dende 1964) o profesor mallorquín Llorenç Vidal (coincidente co aniversario da morte de Ghandi) e que en Galicia se ven celebrando dende o curso 1981-1982 (en plena carreira armamentista), promovida polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega.
Cada 3o de xaneiro as escolas énchense de carteis e globos pola paz. A celebración deste “Día da Paz” remóntase en Galicia a 1982, ano no que comezaron as actividades de educación pola paz no Colexio Público García Barbón. Unha iniciativa que prendeu como lume esperanzado na sociedade escolar galega. Os actos alegóricos como a solta de pombas ou globos no patio de cada centro; a confeción de carteis; a elaboración de manifestos; as cadeas humanas na rúa do Príncipe de Vigo; a realización de programas de radio foron algunhas das actividades que se desenvolvían nesta xornada reivindicativa e que agora son unha rutina que non falta en ningún centro educativo.
Daquelas primeiras celebracións dos oitenta xerminou o movemento galego de educadores pola paz, que dende entón celebra cada ano os seus encontros e promove investigacións, materiais didácticos e publicacións que desenvolven unha cultura para a paz e para a educación nos dereitos humanos. Fito sobranceiro do compromiso destes educadores e educadoras foi Construír a Paz. Cultura para a paz; un proxecto interdisciplinar promovido polo profesor Xesús R. Jares, o infatigable motor e estudoso deste movemento, no que participaron máis de cento trinta persoas de todo o mundo, que se plasmou nun libro solidario do mesmo título, editado por Xerais (1996), e nunha exposición de pintura, escultura, fotografía e ilustración que percorreu as cidades galegas. Aquel proxecto, colectivo e solidario –os beneficios tirados da venda do libro e das obras de arte empregáronse para apoiar un programa de educación para o desenvolvemento no Brasil–, contribuíu a irradiar dende Galicia unha mirada global sobre a paz, tratando de repensar esta idea en todas as esferas e ámbitos da acción humana.
Neste comezo de século da chamada era da información e do coñecemento persiste a vulneración dos dereitos humanos en todos os continentes, rebrota a xenofobia e a aporofobia, profundízanse os desequilibrios entre o Norte e o Sur do planeta, institucionalízase a pobreza, a marxinación e a exclusión de amplos sectores da poboación, e non cesan os conflictos bélicos en máis cincuenta puntos do planeta. Vivimos nun tempo que require unha auténtica mobilización mundial, onde a nosa actitude cívica non pode ser nin a da resignación nin a da indiferencia.
Este 30 de xaneiro de 2007 é especialmente emotivo para min xa que acelebramos o vinte e cinco aniversario dunha data que debe servir para reflexionar no entorno escolar sobre a triste situación do mundo. Co mesmo motivo, acompañarei a Jares a Lugo, onde presentaremos a terceira edición de Aprender a convivir, que serve de referente para o programa "Vivir xuntos. Convivir" promovido polo concello de Lugo nos centros escolares. Sabemos das limitacións destas efemérides, no entanto en poucas ocasións pode ser tan necesario parar a rotina escolar, aínda que sexa só por unhas poucas horas, e pensar cara onde imos.
Etiquetas: Día_Paz
Marcadores: Dereitos_humanos, Educación, Efemérides, Sociedade
2 Comments:
Xa lle dixen á miña filla que estudia no García Barbón e que celebra hoxe o día da paz que contara esta efemérides. Xa lle terei informado.
Jares continúa co mal costume de profesor universitario de vampirizar os esforzos doutras persoas para se atribuir méritos que non ten. e de apoiarse nos bos amigos dos seus moi lonxanos tempos de progre.
Postar um comentário
<< Home