25.1.07

Entrevista a Ramón Caride

Un dos formatos máis atractivos da presentación literaria é a entrevista co autor. Esta foi a fórmula que utilizamos hoxe na Casa do Libro de Vigo para o acto de promoción do volume de poemas de Ramón Caride. O escritor Francisco Castro e o poeta de Cea conversaron animadamente arredor d' As mascaras de Cronos. Recollín na libreta algúns fragmentos da conversa.

–FC (Francisco Castro): Este libro comeza cunha cita de Novoneyra: "O futuro é un lugar desde o que ollar para hoxe". Este é o porqué deste libro?
–RC (Ramón Caride): Este libro para min supón un ciclo que termina. Creo que na miña obra hai un ciclo que vai de 1992 a 2002, xa que os textos que escribín durante este período teñen moitas recorrencias entre eles. Eu escribo poesía en períodos curtos e intensos. Cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Alterno na escrita a poesía e a narrativa.

–FC: Falemos das temáticas. En libros como "Xeografías de sal" daslle gran importancia ao erotismo. Ata que punto valoras a carnalidade e a paixón como temática poética?
–RC: O amor é sencial na poesía. Xa sinalaba Monterroso que os temas da poesía son o amor, a morte e as moscas. En "Xeografías de sal", un poemario construído como as caixas chinesas, unhas partes dentro doutras, foi un desafío introducir nun dos libros, "Erótica alfabética", o vocabulario erótico. Creo que a literatura galega foi moi púdica, con escasa presenza do erotismo, mesmo na utilización de palabras como "foder" (na miña aldea nunca se dixo "follar"). Interesoume acometer ese desafío. Mais en "Xeografía de sal" están outros temas deste ciclo. Ademais do erotismo, esta moi presente a desaparición do mundo rural (no libro a "Quentura do sangue"), a da cidade na globalidade e a poesía social (no titulado "Vitimario"). O libro é a xeografía do pracer e do sufrimento humano. Este é o cerne de todo o volume, todos os temas están en "Xeografía de sal".

–FC: Cando lía o volume crin estar escoitando os ecos de Celso Emilio Ferreiro, tanto na poesía social como na amorosa. A última cita do libro é, precisamente de Celso. Son estes os ecos da túa obra poética?
–RC: Tiven a sorte de coñecer personalmente a Celso Emilio Ferreiro e comprobar que era un home cunha presenza excepcional. Grazas a Longa noite de pedra de Celso Emilio, Remuíño de sombras de Neiras Vilas (os dous publicados por Edicións Castrelos) e A esmorga de Blanco Amor quizais sexa escritor en lingua galega. Eles abriron moitas portas temáticas e técnicas. Celso Emilio dominaba tanto os rexistros populares e os cultos. Eduardo Blanco Amor e Celso Emilio estaban en contacto coa vangarda de cada momento. Recibir todo isto en galego abriume portas.

–FC: Para rematar, quixera que reflexionases sobre a cita que recolles de Alberto Caeiro referida a que "ser poeta é unha maneira de estar sozinho".
–RC: A miña infancia foi nunha aldea, un microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcaban as estacións. Un mundo que, como recrda Buñuel nas súas memorias, desapareceu de repente. A memoria é creativa é trata de crear aí unha Arcadia. Como o libro é plural, podes atopar un poema que defenda iso e outro o contrario. Hai unha ambivalencia, vivimos na contradición.

O venres 26, ás oito da tarde, presentarase o libro nas Bodegas Martín Codax de Cambados. Un acto poético musical (con seguridade moi concurrido) que pechará este ciclo de presentacións.
Etiquetas:


Marcadores: , , , , ,